Eme2 trae a Compostela 'Meu Ben', a adaptación da exitosa obra de Elaine Murphy

Cartaz da obra © Eme2

O Salón Teatro de Compostela acolle a partir deste mércores as representación da última producción teatral da compañia Eme2. Meu Ben é a primeira adaptación que se realiza en España da exitosa obra da novísima dramaturga irlandesa Elaine Murphy. A montaxe é unha comedia sen artificios que protagonizan Mercedes Castro, Elina Luaces e Rocío González e dirixe Álvaro Lavín. Poderase ver mércores, xoves e venres a partir das 20.30, e o domingo ás seis da tarde. O prezo das entradas é de 12 euros ata o sábado e de 6 euros o domingo.

Álvaro Lavín, director da montaxe, salienta a enorme calidade dun texto teatral “marabilloso, contemporáneo e cercano, directo”, unha comedia “que nos leva do riso ao pranto sen darnos un momento para o descanso”. Lavín destaca, tamén, que se trata dunha historia de mulleres normais, que “parece que forman parte da nosa familia”, contada por elas mesmas “con naturalidade e sen artificios”, “como quen fala cunha amiga”.

Danlle vida ao texto tres actrices galegas “magníficas, versátiles e sutís”, en palabras do seu director. Tres xeracións de mulleres con perspectivas distintas sobre a vida, pero cunha cousa en común: o sentido do humor como ferramenta para afrontar as situacións máis complicadas. Elina Luaces é Kay, a avoa, que tenta sentirse viva nos frustrantes sesenta mentres coida do seu marido enfermo. Mercedes Castro é Lorraine, a nai, a quen a “médica da cabeza” lle receita apuntarse a clases de salsa. E Rocío González é Amber, a filla e neta, para quen a vida é unha festa infinita... ata que sofre unha molesta “indixestión”.

Meu Ben é a historia dun ano no que pasarán cousas extraordinarias que cambiarán as súas vidas

Meu Ben é a historia dun ano no que pasarán cousas extraordinarias que cambiarán as súas vidas. As tres destacan a forza e a riqueza dramática das súas personaxes, que afrontan as situacións complicadas ante as que as pon a vida con humor e esperanza e que, pase o que pase, “tiran para adiante”. Completan a proposta artística a música de Anxo Graña, a iluminación de Alfonso Castro e as creacións audiovisuais de Roi Fernández, que lle ofrecen ao espectador “o que lles pasa a estas mulleres pola cabeza”, en palabras de Lavín. 

Tras o éxito da súa primeira peza, Meu Ben, Elaine Murphy converteuse na maior dramaturga novel de Irlanda

Meu Ben estreouse en 2008 pola compañía Guna Nua e rapidamente converteuse nun éxito. En 2009 foi galardoada co prestixioso premio Carol Tambor do Festival de Edimburgo, sendo a primeira produción irlandesa en levar esta distinción. Desde aquela leva cativando ao público arredor do mundo con producións nas Illas Británicas, en Australia e en Nova York. Tras o éxito da súa primeira peza, Meu Ben, Elaine Murphy converteuse na maior dramaturga novel de Irlanda. Recibiu numerosos galardóns como o Stewart Parker BBC Northern Ireland Drama Award en 2009 e participou en proxectos como o Six in the Attic, onde o Irish Council financia o desenvolvemento de pezas teatrais para artistas novos. A súa nova montaxe Shush foi estreada polo Abbey Theatre en xuño de 2013.

Cartaz da obra © Eme2
As tres actrices protagonistas © Eme2

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.