A Orquestra de Música Tradicional Galega fai a súa estrea

Parte do cartel da presentación da OMTG © OMTG

"Quen alí se achegue vai escoitar unha formación nova na cidade da Coruña, que non é nin unha orquestra clásica nin unha big band moderna e que consegue unha serie de timbres e sonoridades novas ao mesturar instrumentos de pel ou de madeira con instrumentos de corte clásica ou moderna". Así define Eduardo Méndez, Dubi Baamonde, o que o público poderá descubrir o vindeiro sábado 24 de maio na presentación da Orquestra de Música Tradicional Galega (OMTG) da Escola Municipal de Música, onde el é profesor de gaita e percusión tradicional. Foi un dos impulsores dunha "proposta novidosa" que pretende "dinamizar o mundo da música tradicional" na urbe.

A Orquestra de Música Tradicional Galega xorde dun taller aberto organizado pola Escola Municipal de Música

O proxecto nace dunha iniciativa tamén novidosa, xa que xorde dun taller que, por primeira vez na Escola Municipal, permite que participen non só alumnos internos senón tamén externos. Unha OMTG que busca "non competir, senón compartir a súa actividade con todas esas asociacións culturais e de música tradicional" da zona, así como tamén co alumnado. Así, permítese que xente que toque a pandeireta ou calquera instrumento tradiconal, que cante ou que queira colaborar poida "acceder a esta agrupación novidosa e convivir con outro tipo de músicas".

Tal e como explica Dubi Baamonde, a idea era conformar un colectivo "creativo" e con "personalidade propia". Un intento por "non fosilizar a música", pero "todo dependía de quen se che apuntara". A respotsa inicial foi variada e apuntáronse bastantes alumnos do ámbito clásico e moderno da propia Escola e de fóra dela, mentres que do ámbito tradicional chegaron principalmente tanto alumnos externos e internos como ex alumnado. Non foi a agardada a resposta desas asociacións coas que a OMTG busca a colaboración, algo que os seus impulsores esperan que cambie cun maior coñecemento dunha Orquestra que dá o vindeiro sábado os seus primeiros pasos.

A idea inicial era esa especie de big band que se basease en repertorio tradicional antigo e moderno e con espazos para a improvisación. Coñecían e contaban os seus impulsores con exemplos como o Conservatorio de Lalín e Central Folque en Santiago, Sondeseu na E-trad e Moxenas musical galego, dirixido por Xosé Oliveira en Vigo, as bandas de Xarabal e Suevia en Ribeira e Porto do Son con Pepe Romero ao frente; ou diferentes e novidosos conxuntos instrumentais criados no entorno de conservatorios de música, como o contemporáneo combo folque do Cmus de Viveiro con David Bellas.

A OMTG recupera vellas e inéditas partituras de coleccións particulares ou recuperadas de bibliotecas de todo o mundo

O propio alumnado que se apuntara imprimiu un carácter á agrupación, tal e como explica Baamonde, o que definiu o camiño a seguir. "Levar adiante todo e adaptado para todos convertíase en demasiado traballo para o profesorado, polo que ademais dos arranxos e composicións propias, decidimos recuperar vellas e inéditas partituras de coleccións particulares, tamén coa axuda das bibliotecas dixitalizadas de todo o mundo", explica. Foi aí onde apareceu moito repertorio, minimamente coñecido ou directamente descoñecido. Adaptárono e aproveitárono para a Orquestra e iso acabou por darlle esa "personalidade propia" que buscaban.

"Ese repertorio, sumado a outro máis puramente tradicional e a composicións actuais foi o que lle deu unha impronta que callou moi ben; non foi nada contraditorio co que tiñamos motado antes e deulle pouso... É tradición cunha volta máis", explica Méndez, que reparou en fragmentos de zarzuelas, cantos populares e recollas manuscritas antigas na propia cidade, repertorio de compositores como Adolfo Sierra co seu Aires d´a Festa de 1947 ou a descoñecida Muiñeira para Orquestina Coruñesa dun tal H. Rossy, cunha primeira edición de 1930.

Moitos músicos profesionais prestáronse a colaborar de forma altruísta e, xunto a eles, a idea da OMTG é "establecer unha especie de diálgo con outras asociacións culturais que xa tratan a música tradicional para que se produza esa dinamización". Ao estar aínda nos seus inicios, Dubi Baamonde non sabe se o proxecto pervivirá, pero espera que "se consolide". Que iso suceda ou non dependerá do éxito nas matriculacións e do apoio que esta Orquestra reciba.

Polo momento, o vindeiro sábado subirán arredor de trinta persoas ao escenario, contando coas colaboracións que se unirán á festa, entre os que se atopa Sapoconcho Galego, entre outros. Será no Fórum Metropolitano a partir das 19.30 horas.

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.