"Como repensamos o mundo rural, entendendo o patrimonio como algo serve para deseñar o futuro?"

Cartaz do Congreso © sOpA 2014

"Educar no común, contactar, facilitar o acceso e a transmisión ao patrimonio no medio rural. Traballar no sentimento colectivo, con xente que quere comprometerse coa comunidade, que quere cambiar as formas de relacionarnos coa nosa cultura. Emancipar o coñecemento mediante a expansión dos saberes e a cocreación de contidos e metodoloxías". Estes son os ambiciosos obxectivos do II Congreso Internacional sobre Educación e Socialización do Patrimonio no Medio Rural (sOpA 2014), que se celebrará do 22 ao 27 de setembro en Celanova. Un encontro que quere misturar o debate académico e teórico coa presentación, análise e debate de propostas e experiencias prácticas de recuperación e posta en valor do patrimonio nas zonas rurais, afondando sobre todo na participación dos veciños e veciñas e na toma conxunta de decisións sobre eses elementos.

Búscase, igualmente, tecer redes e ampliar o coñecemento recíproco entre proxectos de recuperación, formación e participación que se levan a cabo en distintos lugares, pero con obxectivos e metodoloxías semellantes. Nun eido, o do patrimonio, no que é precisa a implicación da sociedade, e no que se busca a súa ligazón con procesos vivos, encamiñados cara ao futuro, máis aló da simple catalogación ou musealización.

"As políticas de posta en valor, na maior parte dos casos, cínguense exclusivamente aos grandes conxuntos históricos ou a xacementos arqueolóxicos de entidade"

Malpartida, en Cáceres, acolleu o pasado ano a primeira edición deste encontro, que naceu cuns obxectivos máis modestos, como última parada do evento Cinetínere, Cine Itinerante pola recuperación social do patrimonio no medio rural. O encontro foi un éxito, cunha participación moi activa de proxectos chegados de todo o Estado, que teceron unha rede entre eles. Esta edición do Congreso destacou que "a teor da conxuntura económica actual, o do patrimonio cultural é un dos sectores que posiblemente máis acusa a redución ou eliminación de axudas a proxectos de investigación, conservación ou difusión" e que "mentres que algúns deses proxectos souberon adaptarse á situación, outros sufriron os efectos dunha planificación errónea ao non terse en conta outros factores, ademais do científico ou turístico, á hora de facelos sustentables". 

De igual xeito, criticouse que "as políticas de posta en valor, na maior parte dos casos, cínguense exclusivamente aos grandes conxuntos históricos ou a xacementos arqueolóxicos de entidade, feito entendible ao ser os motores da xeración de recursos turísticos, e por tanto económicos, dun territorio determinado. No entanto, déixanse á marxe a moitos outros lugares cun patrimonio que posiblemente non sexa relevante dentro desas directrices, pero si para os seus cidadáns e para o resto da sociedade". E concluíron que "tanto o ámbito educativo como o da xestión do patrimonio teñen un papel fundamental á hora de inculcar na sociedade os valores necesarios para propiciar a necesidade de autoxestionar os seus propios recursos patrimoniais".

"Tanto o ámbito educativo como o da xestión do patrimonio teñen un papel fundamental á hora de inculcar na sociedade os valores necesarios para propiciar a necesidade de autoxestionar os seus propios recursos patrimoniais"

A numerosa e activa participación de proxectos galegos nesta primeira edición do Congreso levou a tomar a decisión de que Galicia acollese a edición 2014, unha mostra da madurez e do bo nivel das propostas e proxectos que se están levando a cabo neste ámbito no país. María Masaguer, responsable de comunicación do Congreso, destaca a este respecto que "en Galicia nestes momentos hai moitos proxectos e moita xente traballando neste campo; ás veces non se traballa exclusivamente con temas de patrimonio, pero si indirectamente en proxectos máis amplos de desenvolvemento rural ou reflexións sobre xestión colectiva". Cando aínda está aberto o prazo (até o 5 de xuño) para enviar propostas para participar no Congreso, falamos con María Masaguer sobre a organización deste encontro e os seus obxectivos.

"Queremos romper ese discurso de que a Academia ou os técnicos somos os que deseñamos as cousas, queremos traballar no sistema de toma de decisións, para que os veciños participen"

En que se vai centrar o SOPA'14. Que tipo de actividades e debates se levarán a cabo?

Hai moitas vías de traballo en torno a este tema. Por iso este ano quixemos facer un híbrido de congreso no que ademais das achegas teóricas, vai haber un espazo para grupos de traballo e dinámicas participativas, porque o que queremos é que SOPA non sexa só un evento no que vas falar do teu proxecto, senón que vas reflexionar e propoñer, co obxectivo de tirar unhas conclusións comúns. Aínda están chegando comunicacións e proxectos, pero unha vez que as teñamos todas, analizaremos cales son os temas que definirán o congreso. Estamos traballando en tres esferas: por un lado o carácter internacional, pois están chegando moitas propostas de Latinoamérica, que ten un discurso moi potente á hora de reflexionar sobre mundo rural e socialización; tamén vai haber unha presenza moi ampla de proxectos procedentes de toda España; e, por último, vai haber unha sección exclusivamente galega, porque pensamos que é importante que o SOPA sirva para que nos coñezamos as caras moita xente que en Galicia estamos traballando en proxectos semellantes. Tamén estamos contactando con proxectos locais e comarcais da zona de Celanova, porque queremos que o Congreso traballe no espazo público e se insira na vida local. Que Celanova non sexa só un escenario, senón que sirva para visibilizar o que a xente de alí está facendo, que se sintan parte do Congreso.

Por que é importante socializar o patrimonio?

Queremos traballar co Patrimonio como algo vivo. Gústanos facer achegas sobre o pasado, pero queremos que tamén sirva para pensar e para construír cousas. Como construímos a partir de agora? Como repensamos o mundo rural, entendendo o patrimonio como algo que vén do pasado, pero que serve para deseñar o futuro? E, sobre todo, entendendo que ese relato ten que ser participativo e coral. Queremos romper ese discurso de que a Academia ou os técnicos somos os que deseñamos as cousas, queremos traballar no sistema de toma de decisións, para que os veciños participen, nunha especie de conversa colectiva e xerando novas dinámicas.

"Hai cada vez máis xente que está traballando con criterios de difusión, poñendo en valor a participación da xente, pero para nós, sobre todo, o valor é o uso"

Como valorades a xestión do Patrimonio que se está a facer dende as administracións?

Hai un pouco de todo, e por iso SOPA quere debater os distintos modelos: hai o modelo máis institucional, de posta en valor do turismo cultural, que emprega conceptos moi economicistas; despois hai cada vez máis xente que está traballando con criterios de difusión, poñendo en valor a participación da xente, pero para nós, sobre todo, o valor é o uso. Se cadra é difícil pensar en darlle un uso a certo tipo de patrimonio arqueolóxico, pero pode haber vías a través do espazo público, por exemplo. Hai moita xente traballando dende distintas frontes, con discursos distintos. E queremos que este SOPA sirva para iso, para analizar o que se está facendo, e que respostas se están dando aos problemas. Gustaríanos que algunhas administracións comezasen a traballar nas claves que estamos empregando nós. Xa no congreso do pasado ano houbo moita participación de universidades. E queremos que isto tamén suceda este ano, para que escoiten, para que participen e para que se reflexione de xeito conxunto, para camiñar cara un novo modelo.

"Hai un certo optimismo tecnolóxico que pode esquecer que o seu valor depende do uso que se lles dea, e do pensamento en rede que haxa detrás desa tecnoloxía"

Defendedes tamén que as novas tecnoloxías deben cumprir un papel importante, non si?

Coas novas tecnoloxías temos unha dobre lectura, porque a ferramenta por si soa non soluciona nada. Hai un certo optimismo tecnolóxico que pode esquecer que o seu valor depende do uso que se lles dea, e do pensamento en rede que haxa detrás desa tecnoloxía. E ao final ese discurso que está detrás da tecnoloxía hai que pasalo sempre a analóxico. Entre outras cousas porque precisamente no rural aínda non hai o acceso ás novas tecnoloxías ou á rede que hai nas cidades nin o coñecemento para facelo. Iso vai estar moi presente no congreso: como levar esas ferramentas ao rural, e como levar alí ese pensamento en rede.

"Ao final somos uns habitantes dun territorio con memoria e cunha serie de recursos nos que vemos de onde vimos e podemos facer proxección cara adiante e tomar decisións"

A vosa metodoloxía podería aplicarse tamén ao traballo con outros elementos do espazo físico ou do territorio?

O patrimonio é dinámico e está interrelacionado con moitos outros elementos. Ao final somos uns habitantes dun territorio con memoria e cunha serie de recursos nos que vemos de onde vimos e podemos facer proxección cara adiante e tomar decisións. Traballamos sobre patrimonio, pero tamén sobre territorio e paisaxe.

Cartaz do Congreso © sOpA 2014

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.