Portugal e Galicia triunfan nunha MITEU marcada pola lusofonía

“Apnea (Variación 2ª)”, da Aula Universitaria de Santiago, obtivo o premio do público Dominio Público Praza Pública

“A festa do teatro debe continuar”. Así dicía onte Xan Cejudo, histórico actor, director e dramaturgo do teatro galego, cando recollía o seu premio de honor a toda unha vida de traballo, concedido pola organización da 19ª edición da MITEU (Mostra de Teatro Universitario de Ourense). E dicíao como peche a toda unha carreira, mais tamén a un ciclo histórico, e é que a “crise” económica e os recortes nuns sectores xa de por si pouco atendidos, como o teatro e por extensión a cultura, así como o desleixo da Xunta e Goberno estatal, foron algunhas das denuncias desta edición e un dos eixos da entrega de premios que pechou onte o festival.

A organización salientou a Xan Cejudo como “peza clave na profesionalización do teatro galego, mestre de actores e directores fundamentais do teatro galego"

E así, minutos antes de proceder á entrega de premios, a compañía Sarabela e actores e actrices membros da organización escenificaron unha peculiar e hilarante historia de terror, “Mantén a túa actividade cultural”, composta por personaxes de moitas películas de xénero, na que denunciaron con moito humor o abandono da cultura e o teatro por parte da Administración.

Amais do emotivo recoñecemento a Xan Cejudo, ao que a organización salientou como “peza clave na profesionalización do teatro galego, mestre de actores e directores fundamentais do teatro galego, realizando un labor imprescindible como director, actor e intelectual da nosa escena dende O Facho ata o CDG, pasando por Moucho Clerc ou polo audiovisual galego”, entregáronse os galardóns ás compañías e montaxes distinguidos polo xurado e polo público. 

Os teatros galego e portugués triunfaron ao repartirse os catro premios. O do xurado Carlos Couceiro e Begoña Muñoz recaeu sobre a montaxe “Corpo em crise”, do TEUC de Coímbra, e das votacións do público, en “Apnea (Variación 2ª)”, da Aula Universitaria de Santiago dirixida por Roberto Salgueiro. Os premios Suso Díaz á mellor resolución técnica, que conceden os técnicos do Teatro Principal e o Auditorio foron, no caso do primeiro espazo, para “Nocturnos”, da Aula Universitaria de A Coruña, e no do segundo, para “Diagnóstico: desgusto patolóxico”, de Teatr'Ubi de Covilhã, dirixida por Rui Pires. Os técnicos aproveitaron a entrega deste premio para denunciar a precariedade neste sector, moi afectado polos recortes impostos dende as distintas administracións.

Foi o peche a unha edición que mantén a calidade e, á espera das cifras oficiais, tamén o nivel de asistencia, segundo manifestou Fernando Dacosta, o director da mostra: “Foi un ano moi positivo, e malia a que aínda falten por comprobar sobre o papel os números, cremos que o dos espectadores mantívose". O público, segundo manifestou a organización da mostra, "valorou a calidade no terreo artístico das obras presentadas e tamén a variedade da oferta. Destacaron, entre outros, o espectáculo de Guinea Ecuatorial, polo seu carácter emotivo; o dos brasileiros e o seu marqués de Sade, polo sorprendente e provocativo; e tamén a compañía galega Sobre rodas, ou a clásica presenza de Yllana”.

O vindeiro ano a MITEU celebrará vinte anos ofrecendo o mellor teatro universitario e profesional que se pode contemplar no Estado

Tras o acto de clausura celebrado no Teatro Principal, o grupo de teatro universitario “de casa”, Maricastaña, interpretou “Café Liberdade”, unha obra escrita e dirixida por Fernando Dacosta, que ademais de director do festival é coordinador da Aula de Teatro Universitario e director do seu terceiro e máis avanzado nivel, a compañía Maricastaña. E como fin de festa, a proposta entre musical e teatral de dous dos “malos” máis importantes do audiovisual galego, Luís Iglesia B. e Xabier Deive, con Boneca Lareta, entre o blues da América máis profunda e a retranca máis galega, e o humor pícaro e descarado dos “Malos Hábitos” de outras dúas grandes actrices galegas, Iolanda Muíños e Camila Bossa.

O vindeiro ano a MITEU celebrará vinte anos ofrecendo o mellor teatro universitario e profesional que se pode contemplar no Estado.

“Apnea (Variación 2ª)”, da Aula Universitaria de Santiago, obtivo o premio do público Dominio Público Praza Pública
“Corpo em crise”, do TEUC de Coímbra, levou o premio do xurado Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.