Un Día do Libro na procura dun futuro para o sector

O número de libros vendidos en Galicia caeu nun 30% nos últimos anos CC-BY-NC-ND Marta Maduixa

Este 23 de abril celébrase o Día do Libro, que se acompaña en todas as cidades galegas de numerosas actividades de fomento da lectura. Todo, no marco dunha dura crise que afecta ao sector e que ano a ano se agrava. Hai un mes coñecíamos que durante o ano 2013 os títulos publicados en galego, 739, representaron pouco máis da metade dos publicados o ano anterior, consolidando unha tendencia á baixa iniciada en 2008, ano no que, con 2.070 títulos, se rexistrou o récord histórico. Os datos de consumo cultural correspondentes ao ano 2012 cuantificaban en euros a realidade da situación do sector: entre 2011 e 2012 os galegos e galegas deixaran de gastar máis de 15 millóns de euros en libros e publicacións periódicas impresas (de 60,6 millóns a 45,3).

A análise que algúns dos principais actores do sector (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Asociación Galega de Editores e Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil) realizaban sobre a situación da cultura galega a través do manifesto A cultura galega, a nosa angueira, era moi crítica coas administracións. Sinalabancomo factores clave da crise o incremento do IVE cultural ao 21%, os recortes no sistema de bibliotecas públicas ou "a redución da presenza da nosa lingua nas aulas", sinalando que "a produción de libros, materiais didácticos e diferentes ofertas culturais en galego para acompañar a docencia se traduciría en incremento do PIB, isto é, emprego e riqueza".

Manuel Bragado: "Temos un tecido editorial e un tecido libreiro moi febles e sometidos a moitas dificultades nas últimas tres décadas, e máis aínda nos últimos cinco anos, cun descenso dun 30% nas vendas"

Unha análise semellante é a que realiza Manuel Bragado, presidente da Asociación Galega de Editores, que enmarca a crise que vive o sector en Galicia nun marco máis amplo, que afecta á industria do libre en todos os países desenvolvidos: “o que caracteriza este momento o sector do libro é a mudanza. O sector está sometido a un proceso de hibridación, tanto nos soportes coa introdución de novos formatos e dispositivos dixitais, coma nos hábitos lectores". "Esa realidade non é moi distinta en Galicia"- engade- "coa especificidade engadida de contar cunhas políticas de lectura moi adversas por parte dos poderes públicos, tanto no que respecta ás políticas de bibliotecas coma no posicionamento do libro no marco xeral do sistema educativo ou na promoción da lectura en lingua galega".

Pilar Rodríguez: "A xente non ten para comer. Como vai mercar libros? Dificilmente vai gastar dez euros nun libro, por moito desconto que lle fagamos”

Bragado sinala igualmente como un factor importante para entender a dimensión da crise en Galicia que "temos un tecido editorial e un tecido libreiro moi febles e sometidos a moitas dificultades nas últimas tres décadas, e máis aínda nos últimos cinco anos, cun descenso dun 30% nas vendas". A análise de Pilar Rodríguez Álvarez, presidenta da Federación de Libreiros de Galicia, é rotunda: “a nosa situación empeora cada día, os últimos doce meses foron terribles. Nunha libraría vendemos libros, e o que pasou foi que caeu de forma dramática a venda de libros”. Pilar Rodríguez explica que “nós tardamos en notar a crise, seguramente porque o sector nunha foi demasiado boiante”.

Entre as posibles solucións para a actual situación, a presidenta dos libreiros galegos sinala, "simplemente" que "acabe o paro". "A xente non ten cartos, a xente non ten para comer. Como vai mercar libros? Dificilmente vai gastar dez euros nun libro, por moito desconto que lle fagamos”, di, chamando a atención sobre a profuncidade da crise. Como medidas inmediatas e concretas, sitúa principalmente a formación: “pedimos formación, que a administración nos facilite ferramentas para adaptar os nosos coñecementos aos novos tempos, comezando polo comercio electrónico e outras novas formas de venda, ás que nos imos adaptando a golpes". "Traballadores de toda España teñen cursos de formación. Os libreiros somos autónomos e carecemos dese tipo de formación. Non pedimos subvencións, só formación”, conclúe.

Bragado: "promover a lectura, igual que promover os hábitos saudables na cidadanía non é unha cuestión a que poida renunciar ningún goberno responsable"

Para Bragado, pola súa banda, as posibles solucións deben darse en tres ámbitos. En primeiro lugar "pasa por asumir o cambio: que o libro pode estar impreso, pode ter un formato dixital ou pode ser un contido en liña. Estamos nun momento no que o contido se sitúa por diante do soporte", di. Unha segunda liña de solución pasa "polas políticas públicas de lectura, que son irrenunciables". Para Bragado, "promover a lectura, igual que promover os hábitos saudables na cidadanía non é unha cuestión a que poida renunciar ningún goberno responsable. Todas as administracións deben considerar a lectura e a industria do libro como un sector estratéxico nas súas políticas culturais, educativas e de benestar".

E a terceira cuestión ten que ver "coa responsabilidade da cidadanía, que debe facer sostible o negocio dixital, e nese senso" -di- "a min paréceme indispensable que se respecten os dereitos de autor e a propiedade intelectual. Iso vai ser básico se queremos que o proceso de hibridación dixital non faga desaparecer o sector profesional da edición". E, finalmente, indica Bragado, "será importante incrementar o número de lectores e lectoras na poboación, tendo en conta en calquera caso que nunca se leu tanto coma agora, no soporte que sexa". Pero iso si, conclúe, "non hai receitas máxicas".

 

O libro dixital

Bragado: "Paréceme indispensable que se respecten os dereitos de autor e a propiedade intelectual. Iso vai ser básico se queremos que o proceso de hibridación dixital non faga desaparecer o sector profesional da edición"

Para Manuel Bragado, "o libro impreso seguirá con nós moito tempo aínda, cos formatos e os usos que sexa". Con todo, destaca, "os editores galegos estamos tentando traballar moito no ámbito dixital, na formación e na distribución, loitando ao mesmo tempo para que o libro galego estea presente nos escaparates das librarías e para que estean nas librarías dixitais, como Amazon". Bragado, responsable tamén de Edicións Xerais, destaca que o pasado ano a edición dixital de Xerais representou o 25% dos títulos publicados por esta editorial. "Este ano esperamos poder publicar un terzo de novidades dixitais, un terzo de novidades impresas e un terzo de reedicións", subliña. Ademais, salienta que nos vindeiros meses vai haber distintas accións de promoción do libro electrónico galego e de fomento do préstamo de libro en galego nas bibliotecas.

 

Foro Reimprímete

O Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego e a Asociación Galega de Editores veñen de constituír o Foro Reimprímete, un espazo de diálogo permanente entre todos os axentes e colectivos involucrados na cadea de valor do produto gráfico e do libro galego, e que este 23 de abril celebrará o seu acto de constitución en Compostela. Coa adhesión de 17 entidades e colectivos coma AELG, Gálix, a Federación de Libreiros, o Colexio de Xornalistas, a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración ou a Asociación Galega de Deseñadores, o Foro Reimprímete reivindica "a importancia do soporte impreso na industria cultural do libro no actual proceso de hibridación do sector".

Aseguran que "a distribución do contido dixital carece actualmente dun negocio sostible" e que o produto impreso "é, a día de hoxe, o soporte da cadea de valor do produto gráfico e do libro".

 

Actividades para o 23 de abril

En todas as cidades galegas celebraranse actividades relacionadas co Día do Libro. Por suposto en todas as librarías, que ofrecerán descontos do 10% ou superiores, e que en moitos casos sacarán os libros ás rúas e prazas. Tamén nas bibliotecas públicas e en numerosas institucións culturais, museos e centros de arte. Por exemplo, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o Marco de Vigo, o Museo Granell, o Museo Etnolóxico de Ribadavia, o Museo de Belas Artes da Coruña e o Museo das Peregrinacións de Santiago, liberarán máis de 2.500 libros nunha actividade de bookcrossing na que pode participar calquera persoa que o desexe.

O número de libros vendidos en Galicia caeu nun 30% nos últimos anos CC-BY-NC-ND Marta Maduixa
Libraría no Culturgal © Culturgal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.