“A falta de compromiso orzamentario pode condenar a lei de arquivos á inoperancia"

Arquivo de Galicia CC-BY-SA Luis Miguel Bugallo Sánchez (Lmbuga)

Parte do arquivo da Policía Local de Lugo está tan esbandallado que foi imposible recuperar nel documentos relacionados coa operación Pokemon. Os xulgados de Vigo están a realizar un listado de causas a expurgar para liberar espazo nuns arquivos ao límite da súa capacidade. A Xunta alegou que destruíra, tras unha inundación no edificio no que estaban gardados, expedientes de contratos coas empresas de Marcial Dorado. A documentación era, segundo a versión oficial, almacenada nun centro de Formación Profesional de Vigo debido ao desbordamento dos arquivos das dependencias das delegacións provinciais da Consellería de Traballo.

Galicia arrastra un histórico problema de xestión dos seus arquivos cun considerable impacto no dereito da cidadanía ao acceso á información e na transparencia arredor da actuación das administracións públicas

Noticias coma estas, publicadas nos medios de comunicación no último ano, non collen de sorpresa aos arquiveiros e arquiveiras do país. Porque Galicia arrastra un histórico problema de xestión dos seus arquivos cun considerable impacto no dereito da cidadanía ao acceso á información e na transparencia arredor da actuación das administracións públicas. O sector reclama por este motivo, xa desde a preautonomía, unha Lei de Arquivos que, entre outras cuestións, regule a formación do sistema galego de arquivos. Esta lei comezou a elaborarse durante o goberno bipartito, mais o proceso foise demorando e, na actualidade, o proxecto atópase en trámite no Parlamento.

“Galicia é unha das poucas comunidades autónomas que carecen dunha lei de arquivos, que é unha competencia que se deriva dos Estatutos de Autonomía. Algunhas, as pioneiras, xa van pola segunda lei, como Cataluña ou Andalucía”, explica Gabriel Quiroga, que foi director do Arquivo Nacional de Galicia -despois Arquivo de Galicia- e un dos principais impulsores da Lei de Arquivos e Documentos de Galicia. “É unha boa lei, moi necesaria. A primeira que temos. Ten eivas, pero é mellor ter unha lei e despois reformulala que non tela”, subliña Enrique Sotelo, arquiveiro municipal de Pontevedra.

“Galicia é unha das poucas comunidades autónomas que carecen dunha lei de arquivos, que é unha competencia que se deriva dos Estatutos de Autonomía. Algunhas, as pioneiras, xa van pola segunda lei, como Cataluña ou Andalucía”

Segundo os arquiveiros e arquiveiras consultados e, se o trámite parlamentario non o remedia, o principal problema desta lei é a falta dunha memoria económica completa “que especifique como se vai implementar. Só se prevé a aprobación dun plan de arquivos, que ademais xa existía. Mais non hai nada concreto sobre locais e instalacións, por exemplo”, asegura a presidenta da Asociación de Arquiveiros, Bibliotecarios, Museólogos e Documentalistas de Galicia, (Anabad), Olimpia López.

Coma ela, o profesor honorario da Universidade da Coruña Pedro López pensa que esa falta de compromiso orzamentario pode condenar a lei “á inoperancia, a non ser aplicada, a converterse en pura entelequia, se non hai memoria económica que a acompañe. E esta memoria quedou reducida ao mínimo. Non hai referencia a locais, nin a restauradores, nin a dixitalizadores… A situación xeral dos arquivos é moi precaria. Os recursos están ao límite porque a Consellería de Cultura só está a dar orzamento para o seu mantemento. Non se cobren as prazas vacantes, por exemplo. Os arquivos históricos están desbordados e as alternativas non existen”.

Pedro López pensa que esa falta de compromiso orzamentario pode condenar a lei “á inoperancia, a non ser aplicada, a converterse en pura entelequia"

Na citada memoria económica prevese a contratación de polo menos nove técnicos superiores de arquivos. E recóllense datos dun informe que admite que só cinco das oito consellerías da Xunta "superan o mínimo esixible en canto a custodia, tratamento e servizo dos seus documentos de acordo aos estándares internacionais", de xeito que Sanidade, Vicepresidencia e Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas “sofren unha perda de eficacia e eficiencia” por este motivo.

Hai tempo que se fixo público que a Xunta ten preto de 60 quilómetros de documentos ciscados por diversos locais. “Hai unha parte da xestión administrativa, que é a xestión documental, que en Galicia non se fai”, sinala Gabriel Quiroga. “A Administración Pública produce continuamente documentación. Mais non planifica a súa xestión: vive ao día e deixa que os documentos se acumulen ata o momento de transferilos a un arquivo que teña capacidade para acollelos. E, como non se planifica, parte dos documentos poden perderse polo camiño”, engade.

“A Administración Pública produce continuamente documentación. Mais non planifica a súa xestión: vive ao día e deixa que os documentos se acumulen ata o momento de transferilos a un arquivo que teña capacidade para acollelos"

Concorda con Quiroga Pedro López. “A Xunta debe dar solución ao conxunto dos seus arquivos, sen dúbida os máis voluminosos do sistema, pero non os únicos. É necesario garantir o fluxo documental mediante transferencias normalizadas desde as oficinas aos arquivos intermedios e destes aos históricos, e iso esixe completar a rede de arquivos centrais nas consellerías, porque a maior parte delas non teñen arquivo central, e a de arquivos xerais territoriais en provincias. Doutra banda, é notoria a incapacidade dos arquivos históricos provinciais para recoller máis documentación, o que evidentemente paraliza o normal funcionamento do sistema”, apunta.

 

Algúns problemas

O anteproxecto de Lei de Arquivos e Documentos sufriu, a respecto disto, algunhas modificacións que preocupan os profesionais do sector. “O proxecto que chega ao Parlamento di que o obxecto da lei é o patrimonio documental, en lugar dos arquivos e documentos. Os arquivos públicos nacen para custodiar os documentos con función administrativa ou xudicial que co paso do tempo poden ter un interese histórico, unha dimensión cultural. E o proxecto de lei parece que só protexe esa dimensión cultural, que é moi importante pero non é a única. Cremos que tería que ter unha dimensión máis administrativa”, comenta Olimpia López.

"Unha vez aprobada a Lei de Transparencia a nivel estatal suponse que os arquivos terían que ser modélicos no seu funcionamento para contribuír a evitar a corrupción”

Conflúe con ela Pedro López ao indicar que “hai na lei un nesgo cara ao cultural en detrimento do administrativo. A xestión de arquivos é unha cuestión transversal, que afecta a todas as consellerías. Por iso, non serve con adscribir a lei só á Consellería de Cultura, porque o seu contido transcende as competencias desta. A lei tería que ter unha dimensión máis integradora, nese aspecto. Non hai que esquecer que o funcionamento dos arquivos ten incidencia sobre a eficacia, eficiencia e transparencia do sistema. E unha vez aprobada a Lei de Transparencia a nivel estatal suponse que os arquivos terían que ser modélicos no seu funcionamento para contribuír a evitar a corrupción”.

“A lei é moi benvida, porque necesitabamos unha que articulase o sistema de arquivos”, afirma a arquiveira Lola Pereira. Mais “para estruturar o sistema precísanse máis centros, máis persoal, máis espazo… Ten que estar regulado o papel dos arquivos na propia Administración, como garante da transparencia, como custodio documental. Ten que haber unha comisión cualificadora dos documentos administrativos para que poidamos saber o que temos que conservar e do que podemos prescindir”, matiza.

 

O sistema de arquivos

"A lei recolle, desde o punto de vista técnico, as principais reivindicacións do sector. Mais o seu punto débil é que o seu cumprimento vai depender da vontade política”

Estruturar un sistema no que estarían integrados desde os arquivos da Xunta ata os locais ou os privados é un dos obxectivos da lei, que prevé, entre outras cuestións, a creación dunha Comisión de Avaliación Documental de Galicia, no sentido da demanda expresada por Lola Pereira. Mais a idea de construír un sistema galego de arquivos comezou a soar hai xa anos. “A teoría arquivística actual aproxímase á realidade a partir do concepto de sistema. Cando se creou o Arquivo Nacional de Galicia, hoxe Arquivo de Galicia, o obxectivo era que fose a cabeza do sistema. Desde aquela, pouco se avanzou. Hai un arquivo na Secretaría Xeral da Consellería de Cultura, outro na Consellería de Traballo e un arquivo da delegación provincial da Xunta en Pontevedra. Tamén hai unha Lei de acceso electrónico, e niso déronse pasos, mais non hai aínda un arquivo electrónico da Xunta”, lembra Gabriel Quiroga.

Darlle respaldo legal ás necesidades existentes neste sentido “é moi importante”, subliña Quiroga, mais “faría falta un decreto que lle dese forza ao establecido na lei. E esforzo e vontade para organizalo todo, e iso supón medios orzamentarios e persoal. A lei recolle, desde o punto de vista técnico, as principais reivindicacións do sector. Mais o seu punto débil é que o seu cumprimento vai depender da vontade política”. O mesmo cre Enrique Sotelo, que engade que “o problema que temos é unha cousa chamada crise, que eu creo que é un invento e unha mentira”.

Nesa mesma liña, a deputada do BNG Ana Pontón apunta que “as memorias económicas poden quedar en declaracións de intencións, como os plans. E o problema é que o goberno actual di que non vai investir en arquivos, que ten que gastar menos aínda. Entón, claro, será cuestión de vontade política, e dependerá da presión que fagamos desde a oposición para que a lei se cumpra. É unha reivindicación do sector que esta lei vaia para adiante e por iso ningún grupo da oposición devolveu o proxecto, que é algo que o goberno ten que valorar”.

No 2008, durante o bipartito, a cámara recibira xa un proxecto de Lei de Arquivos. Mais a mudanza de goberno e, despois, o cambio de lexislatura, atrasaron a tramitación

Cando o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, informou a finais de xaneiro deste ano da remisión ao Parlamento do proxecto de lei de arquivos dixo que a prioridade era “delimitar un Sistema de Arquivos de Galicia, que agrupe os arquivos públicos da Comunidade e os privados que así o soliciten”, integrando a Xunta, os concellos e as universidades. Ao Arquivo de Galicia, situado na Cidade da Cultura, corresponderíalle “ditar as directrices técnicas e de coordinación do resto dos arquivos das Administracións Públicas de Galicia”, explicou. O obxectivo era, segundo Feijóo, en segundo lugar, impulsar a “modernización, ao lexislar por primeira vez o papel dos arquivos no medio electrónico e abordar o desenvolvemento da dixitalización de documentos”. E existe xa “unha comisión de traballo sobre documentación electrónica”, salienta Pedro López.

No 2008, durante o bipartito, a cámara recibira xa un proxecto de Lei de Arquivos. Mais a mudanza de goberno e, despois, o cambio de lexislatura, atrasaron a tramitación. A proposta do PP non contén moitas diferenzas respecto do texto anterior, agás cuestións que foron suprimidas como o mandato de que a Xunta debía tentar recuperar calquera documento de interese que estivese custodiado noutros lugares.

 

Acceder aos documentos

"Temos unha Lei de Transparencia que é a menos transparente que coñezo”

O dereito de acceso dos cidadáns aos arquivos é un dos aspectos máis importantes da lei. Enrique Sotelo considera sobre isto que “deberían acurtarse os prazos, que son demasiado amplos para que os cidadáns poidan ver os documentos nun tempo razoable. Niso, o anteproxecto foi recortado, porque recollía máis. Temos unha Lei de Transparencia que é a menos transparente que coñezo”.

Os investigadores non adoitan ter problemas de acceso, agás en determinados arquivos. “Estaba xa preparada a desclasificación de documentación militar secreta, pero o actual Ministro de Interior parou iso. Hai, así, nichos de documentación que están fóra do alcance público. Ou mesmo que non se coñecen. Hai uns 100 quilómetros de documentación militar en España que están á marxe do sistema”, sinala Pedro López. 

En xeral, “os problemas de propiedade diversa dos documentos orixinais, copias ou dixitais, dependen da normativa xeral do Estado. Os problemas de acceso refírense aos documentos en trámite ou xa tramitados, pero non transferidos aos arquivos históricos, e tamén dependen máis da lexislación xeral do Estado (dereito de acceso) que das condicións do mesmo (accesibilidade). Nos arquivos históricos públicos non se detectan problemas deste tipo. En cambio nos municipais, o problema do acceso é máis ben un problema de accesibilidade, por falta de persoal adecuado para tratar e custodiar os documentos”, engade Pedro López.

“Os arquivos privados (especialmente os da Igrexa) que reciban axudas públicas deberían ter unhas contraprestacións claramente definidas en canto ao acceso dos documentos, e estar xestionados por persoal competente"

No ámbito privado “é outro cantar. O acceso, na maioría está moi mediatizado polas súas circunstancias particulares. A Igrexa pegou un xiro copernicano respecto diso e nos últimos anos experimentou unha gran apertura nos seus centros. Dada a redución dos orzamentos e a limitación consecuente das actividades de difusión, a visibilidade dos arquivos vai depender en gran medida dos plans de dixitalización e da súa presenza na web”, sostén.

“Os arquivos privados (especialmente os da Igrexa) que reciban axudas públicas deberían ter unhas contraprestacións claramente definidas en canto ao acceso dos documentos, e estar xestionados por persoal competente, non forzosamente eclesiástico, e cuxas condicións persoais en canto a idade e selección se acomodasen ás do resto da administración pública”, apunta López, que remarca que “é curiosa a falta de presenza das grandes fortunas galegas (salvo excepcións puntuais) en accións destinadas á comunidade, e non digamos nada en relación ao patrimonio documental. Hai tempo que botamos en falta accións das organizacións empresariais e dos colexios profesionais, en defensa e concentración dos arquivos de empresa, a semellanza do que se fai en Alemaña ou en Francia”.

Interior do Arquivo de Galicia, no Gaiás © Arquivos de Galicia
Vista do edificio do Arquivo de Galicia CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.