O alcalde do Carballiño di que seguirá usando 'pulpo'

O alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes, no centro © Concello do Carballiño

Na festa gastronómica máis importante do Carballiño servirase pulpo e non polbo, ou cando menos esa seguirá sendo a denominación oficial e a que figurará nos cartaces e na publicidade. Anunciouno este sábado o rexedor da vila, o popular Argimiro Marnotes, na súa primeira reaccións despois de que a Real Academia Galega comunicase oficialmente que polbo seguirá sendo a única forma galega para designar este cefalópodo, a única forma galega, en resposta á solicitude oficial de estudo e modificación que fora elevada dende o Concello do Carballiño e o Instituto de Estudios Carballiñeses.

A Academia declarou que "a palabra pulpo, moi utilizada na fala actual, suscita dúbidas sobre o seu carácter patrimonial"

A Academia declarou que "non hai ningunha dúbida de que polbo é voz patrimonial galega, que está documentada amplamente desde a época medieval e viva na fala actual", mentres que "a palabra pulpo, moi utilizada na fala actual, suscita dúbidas sobre o seu carácter patrimonial", engadindo que "a palabra polbo, diferencial e galega, e consolidada actualmente no uso escrito, presenta continuidade cara ao sur no portugués polvo". O comunicado da RAG concluía ratificando a escolla única de polbo pois "un dos criterios establecidos para a escolla entre formas léxicas para a variante normativa do galego é que entre dúas voces ou variantes concorrentes, unha das cales é indubidablemente galega e diferencial e a outra dubidosa, escóllese a primeira".

Marnotes agradeceulle á RAG "que debatesen a proposta elevada dende este consistorio" e sinalou que non lle fora comunicado se a petición fora rexeitada "pola maioría ou a totalidade dos académicos". En calquera caso, o que quedou claro é que a Academia non aceptou pulpo, nin sequera como animal de compañía, botando man da manida expresión de orixe publicitaria.

A Mesa solicítalle ao rexedor que o Concello celebre este ano a Festa do Polbo, pois "facer o contrario, após levantar polémica e gastar recursos, non sería nin sensato nin democrático"

O comunicado da RAG tamén motivou unha reacción da Mesa pola Normalización Lingüística, que conminou a Marnotes a "acatar" a decisión da Academia, renomeando a festa gastronómica, e a "deixar de crear polémicas inexistentes". O responsables da Mesa na comarca do Ribeiro cualificaron a petición do Concello de "ilóxica, desatinada e absurda" e amosáronse "compracidos" coa resolución da RAG, que demostra que "a lingua e as decisións que haxa que tomar a respecto dela, sexan de carácter puramente lingüístico ou sociolingüístico, deben ser tomadas nos organismos especializados, non por políticos cuxas intencións, ás veces, non van máis alá do simple oportunismo ou, no mellor dos casos, parten dunha ousadía que, sen levar malas intencións, confunde poder con sensatez".

Nun comunicado solicítanlle ao rexedor que o Concello celebre este ano a Festa do Polbo, "do mesmo xeito que nós teriamos que acatar unha decisión diferente da RAG", pois "facer o contrario, após levantar polémica e gastar recursos, non sería nin sensato nin democrático".

O alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes, no centro © Concello do Carballiño
Cartaz do 50 aniversario da 'Festa do Pulpo' do Carballiño Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.