'Eurozone' e 'As do Peixe' dominan os María Casares máis 'furancheiros'

Chévere recolle o María Casares ao mellor espectáculo © Olalla Lojo

Subiu o pano e o Teatro Rosalía de Castro era un furancho. Un furancho rexentado por Marián Bañobre e Isabel Risco, que comezaron brindando por "unha lingua galega que se evapora" ou por "unha Xunta de Galicia chea de iates". Comezara unha festa que tiña que falar de teatro e que, polo tanto, tiña que falar da realidade. O do furancho non era casualidade, xa o advertira nas últimas semanas Santiago Cortegoso, director da gala: “Para a situación do teatro é máis acaído celebrar unha festa nun furancho que unha gran celebración de glamuor pomposo”.

E tamén o lembrou o presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Avelino González, cunca en man: "Dámosvos as grazas a todas por facer teatro, todos vós mantedes os teatros abertos. Ninguén nos pode reprochar que os vosos soños e os vosos problemas son as nosas fontes de inspiración. Collemos esa inspiración para devolvervos arte”. González salientou, ademais, a meirande importancia que a partir deste ano adquirirán os patrocinadores privados.

Pouco a pouco foron coñecéndose os e as gañadoras. Eurozone partía como a gran favorita, sumando doce candidaturas, das que ao final se tivo se conformar con catro, iso si, entre elas a máis importante da noite, a de mellor espectáculo. Xesús Ron chamou a "arriscar e apostar polo teatro" e sinalou que entendía o premio como un "premio ao futuro do teatro" e agraceceu "ao Concello de Teo, un concello que aposta polo teatro cando os grandes non o fan". A outra gran triunfadora da noite foi As do Peixe, que levou tres galardóns, comezando polo de mellor texto orixinal (Candido Pazó), e mellor dirección (Cristina Domínguez). Josito Porto (As mil vidas de Matias Houseman) e Susana Dans (As do Peixe), foron votados como os mellores intérpretes principais, e César Goldi (Bye Bye Honey) e Patricia Lorenzo (Eurozone) como mellores intérpretes secundarios. 

O Premio de Honra Marisa Soto homenaxeou Xosé Manuel Olveira Pico, falecido o ano pasado. A ovación, con todo o público en pé, amosou unha vez máis que Pico era un dos actores máis queridos, tanto polo público como polos compañeiros de profesión. A Xunta Directiva da AAAG subiu ao escenario para entregarlle o galardón ao fillo do intérprete, Pablo Olveira. Tamén cómpre salientar a lembranza que Cándido Pazó tivo para as mulleres traballadoras a través da experiencia laboral da súa irmá. Ou a mensaxe deixada a xeito de conclusión por Xosé Manuel Pazos Varela, premio á mellor adaptación-tradución por A charca inútil: "todo é un desastre". Ou o intenso discurso de Josito Porto, que despois de lembrar as recentes Marchas da Dignidade, concluíu que "eles marcharán, pero nós seguiremos aquí toda a vida". Ou as numerosas referencias, en varios dos discursos, ao dereito ao aborto.

Outro dos grandes momentos da noite chegou co Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro, lido polo xornalista Camilo Franco, que destacou que o teatro “é unha arma de organización masiva” contra os problemas do mundo e que "agora que o mundo é tan teatral, o teatro debería ser obrigatorio". Dixo, tamén, que a escena é “un espello para decatarnos de que somos moi malos: querémonos mal e matámonos moi ben, máis dispostos á crueldade que a razoar". Camilo Franco engadiu que "o teatro leva séculos aprendéndonos a condición humana, pero somos tan malos estudantes que os ricos seguen fuxindo silenciosamente sobre a moqueta e os demais seguen condenados a remexer entre os restos, e os restos somos nós" e que "por moi mala que sexa a vida, non é inútil, e que por moi malo que sexa o seu espello, tampouco é inútil. O teatro é útil porque non é manso". Concluíu que "temos entre as mans unha arma de destrución masiva" e que "o teatro debe poñer o mundo a andar na dirección correcta", "porque todo é teatro, pero o teatro moito máis".

Foto de familia dos e das gañadoras © Olalla Lojo
A directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) entregan o Premio Marisa Soto de Honra ao fillo de Xosé Manuel Olveira 'Pico', Pablo Olveira © Olalla Lojo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.