Chévere prepara un “espectáculo contra Galicia”, un país de ananos “no que o goberno non quere gobernar”

Chévere, ao completo CC-BY-SA Alberto Ramos

A compañía de teato estreará o 31 de marzo a súa nova montaxe: Viaxe ao país dos ananos, coa que celebrarán os vinte anos das Ultranoites e coa que percorrerán, dende o humor e a sátira a historia de Galicia das últimas décadas. Ademais, Alfonso Zarauza realizará un documental sobre a compañía e o seu traballo.

"Sentímonos sós e desorientados. Vémolo todo negro"

“Así é como nos sentimos: totalmente derrotados, sen esperanza, convencidos de que este sistema xa non ten amaño, non nos vale, nin polo lado dos que exercen irresponsablemente o poder, nin polo lado dos que se supón que lle fan oposición, porque as súas "alternativas" non son cribles nin ilusionantes. Sentímonos sós e desorientados. Vémolo todo negro”. Xesús Ron alégranos o día con esta sobredose de optimismo. Séntese así, do mesmo xeito que se sente o conxunto da compañía Chévere, que está a preparar xa o seu novo espectáculo: Viaxe ao país dos ananos. Os ananos somos todos e o país ben podería ser Galicia.

O grupo teatral retratounos e retratou o país a través dun formato, as Ultranoites, que celebran agora os seus vinte anos de vida

En Eurozone, Chévere diagnosticaba a aguda doenza que sufría todo un continente. Nesta volta, miraran polo miúdo, cara ao máis próximo, cara a este país cuxo transcorrer nas últimas décadas se preocuparon de relatar dun xeito arredado do xornalismo e da historia. O grupo teatral retratounos e retratou o país a través dun formato, as Ultranoites, que celebran agora os seus vinte anos de vida. “Son unha crónica da historia recente de Galicia. Só con ver os arquivos que temos en redenasa.tv descóbrese o que tal se foi fiando a través das Ultranoites, unha auténtica crónica do país”, lembra Patricia de Lorenzo.

Sen perder de vista a traxectoria das Ultranoites, a actualidade máis escura e, sobre todo, os últimos vinte anos en Galicia; Chévere convidaranos a que os acompañemos  na súa Viaxe ao país dos ananos. “Partimos de Celso Emilio Ferreiro, loxicamente, e da súa crítica á Galicia exterior que se atopou. Esta ese referente, como tamén está o das viaxes de Gulliver, de Jonathan Swift. Buscamos ese mesmo ton de contar dende fóra, realizando así unha crítica da nosa sociedade dende un país imaxinario. Ademais, queremos levalo todo a un nivel moi absurdo, semellante ao das Ultranoites, engadindo a sátira e a mala hostira de Celso Emilio”, sinala a actriz Mónica García.

"Buscamos ese mesmo ton de contar dende fóra, realizando así unha crítica da nosa sociedade dende un país imaxinario. Ademais, queremos levalo todo a un nivel moi absurdo, semellante ao das Ultranoites"

Así temos os ingredientes da nova montaxe de Chévere. O primeiro, a celebración dos vinte anos de Ultranoites. O segundo: o humor e a sátira ao redor da historia máis próxima. E o terceiro? Unha Galicia que non para de minguar. A mestura destes tres elementos descubrirase o 31 de marzo, luns, no Auditorio da Ramallosa (Teo) para emprender despois unha breve estadía en Pontevedra, o 11 e o 12 de abril, e regresar finalmente o 25 a Teo. Durante tres semanas, o espectáculo permanecerá en Teo. Esta serán as primeiras paradas dunha viaxe entre galegos e ananos.

 

Un "Circo Tétrico"

"Non podemos falar do códice e de toda a merda da Catedral do mesmo xeito. Como contar o do Prestige sen repetirnos? Esa é a clave”

O gran terror dun escritor agroma, afirman por aí, perante a folla en branco. Porque non dás arrincado, porque che faltan ideas, porque non avanzas nin unha liña. Ou por todo o contrario: porque hai tanto que contar que as marxes do papel non ofrecen suficiente acubillo. A preocupación de Chévere xorde do segundo caso. “A nosa intención é percorrer esa historia recente, pero temos o problema de que sucederon moitísimas cousas e todas moi relevantes para Galicia nestas décadas. E despois, non podemos esquecer que nas Ultranoites xa os tratamos todos ou case todos. Precisamos distanciarnos dese tratamento. Non podemos facer de novo o gag orixinal, hai que buscar unha nova perspectiva. Non podemos falar do códice e de toda a merda da Catedral do mesmo xeito. Como contar o do Prestige sen repetirnos? Esa é a clave”, recoñece Xesús Ron, non sen antes lembrarse de Fraga. “Era unha personaxe recorrente para a Ultranoite. Visitábanos sempre”.

Ten, quizais, un aquel de Viaxe a ningunha parte. “Nós somos unha troupe que leva transitando por Galicia os últimos vinte anos e que chega nun momento para contarnos a historia"

Non obstante, isto non será unha Ultranoite ao uso. Busca o mesmo osíxeno, quizais unha aparencia similar... Mais non é unha Ultranoite ou talvez si. “Nós andamos vendo cales son os feitos importantes de Galicia que non podemos pasar por alto, feitos que marcaron a historia. E sobre todo, temos que ver se vai ser un formato puro de Ultranoite sen ningún tipo de problema ou, como é un espectáculo pechado, concederlle un formato máis determinado, máis concreto”, explica Mónica García, quen recoñece que A viaxe ao país dos ananos ten, quizais, un aquel de Viaxe a ningunha parte. “Nós somos unha troupe que leva transitando por Galicia os últimos vinte anos e que chega nun momento para contarnos a historia. Esa é unha idea inicial, se cadra queda máis diluída”.

 

Un circo tétrico para a derrota

“Gustaríame que sexa un espectáculo tétrico, un circo tétrico, porque se cadra estamos nun punto de absoluta desesperanza, onde todo está mal"

Máis alá do formato Ultranoite, dos feitos teatralizados e do humor, Chévere garda unhas escuras intencións. “Gustaríame que sexa un espectáculo tétrico, un circo tétrico, porque se cadra estamos nun punto de absoluta desesperanza, onde todo está mal, ten mala pinta e vivimos baixo un goberno que non quere gobernar. Porque nada disto se vai amañar e sobre todo porque fomos todos actores de toda esta historia. No fondo, esta obra é un intento de asumir a nosa derrota despois de vinte anos facendo escarnio da actualidade na Ultranoite. E asumir a derrota é un empeño realmente difícil”, sentencia Ron, unha vez máis, cargado de optimismo.

Por iso, se cadra, Chévere quere deixar o pesimismo, mesmo deixar Galicia durante unha xira e visitar o país dos ananos. Esa era a idea de Pedrayo en Arredor de si, marchar fóra para coñecernos. Aínda que se cadra, o que descobres ao regreso non che gusta nada. Pode ser negro, raquítico, patético. Nese caso, o mellor é rir, entregarse ao escarnio e a ironía. Chévere leva toda unha vida facéndoo, malia todo o pesimismo posible. E esa é a idea das tres actrices (Patricia de Lorenzo, Arantza Villar, Mónica García), tres actores (Miguel de Lira,, Xesús Ron e César Goldi, que substiuirá a Manuel Cortés por unha lesión que sufriu) e tres músicos (Xacobe Martínez, Max Gómez e Manu Cebrián) que conforman o pasaxe dun avión teatral con destino ao País dos Ananos.

Chévere, ao completo CC-BY-SA Alberto Ramos

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.