"Non hai política audiovisual. E non creo que sexa unha cuestión ideolóxica, é ignorancia simplemente"

Manolo González © Academia Galega do Audiovisual

O vindeiro 12 de abril, no marco da gala de entrega dos Premios Mestre Mateo, Manolo González recibirá o Fernando Rey, o galardón de honra da Academia Galega do Audiovisual. Os seus compañeiros de profesión queren deste xeito homenaxear o seu traballo, a súa traxectoria de tres décadas no audiovisual galego, destacando o seu "compromiso" e a súa "paixón". González é na actualidade mestre no IES Concepción Arenal de Ferrol. Regresou hai uns anos ao mundo do ensino, ás súas orixes, ao lugar no que dende sempre buscou o achegamento recíproco entre a rapazada e o cinema.

Pódese dicir que Manolo González traballou en todos os eidos posibles ligados ao audiovisual. Foi creador e director  da Escola de Imaxe e Son da Coruña (1990-1998) e foi e segue sendo profesor no Master de produción e xestión audiovisual da Universidade de Coruña. Pasou tamén polas institucións, en varias etapas, dende que en 1984 foi responsable da Area de cine e vídeo da Dirección Xeral de Cultura, organizando as primeiras axudas publicas ao cinema e vídeo galegos. Tamén foi responsable da Videoteca de Galicia (1984-85), xermolo do que será posteriormente o CGAI e, sobre todo, dende o ano 2006 ao 2009 dirixiu a Axencia Audiovisual Galega. De igual xeito, traballou no sector privado, en Vídeovoz TV e en Dygra Filmes, e tamén se dedicou á investigación.

"É un momento especial, un momento de cambio no sistema educativo e é un lugar moi bo, se unha persoa ten vocación docente, para desenvolver proxectos e ideas novas"

Non estás na "primeira liña" do cinema, pero dende logo segues traballando no mundo do audiovisual, nas túas aulas, cos teus alumnos, non si?

Máis en primeira liña non podería estar! Estou na vangarda, no lugar onde están pasando cousas. Este é un momento moi importante. Nunca escribiran tanto os nenos e os adolescantes, tanto me ten que sexan emails, whatsapps ou comentarios no Facebook. Nunca tantas fotos fixeran. E nunca gravaran tantas imaxes, tantos vídeos. Iso tamén é audiovisual. Despois non as editan, non fan cine, pero o audiovisual está metido nas súas vidas coma nunca. Estivemos décadas falando da democratización do audiovisual, do acceso universal, e iso xa se está producindo. Por desgraza, creo que non se lle está emprestando a atención que merecería, creo que o mundo do ensino e as institucións deberían traballar máis este aspecto. E tamén as empresas: hai un campo enorme de posibilidades e, aínda que estea feo dicilo, de negocio para o audiovisual no mundo do ensino. É un momento especial, un momento de cambio no sistema educativo e é un lugar moi bo, se unha persoa ten vocación docente, para desenvolver proxectos e ideas novas.

Dende logo, a túa canle de youtube, Cliphistoria, está ten un enorme éxito...

Non é só cliphistoria, é todo o proceso de traballo. Estou tentando que os rapaces me entreguen todos os traballos en vídeo. Os rapaces teñen unha cultura moi audiovisual, empregan moito as novas tecnoloxías e os blogs dende hai anos e estou tentando que utilicen esas ferramentas para vehicular contidos académicos, pero pasados polo filtro da súa creatividade e a súa imaxinación. Dende rapaces de doce anos que me fan unhas películas estupendas co móbil, ou outro tipo de presentacións que combinan imaxes, audio, vídeo... E Cliphistoria é simplemente o material de uso que lles fornece o profesor. Así que, por suposto, non estou fóra da circulación, penso seguir dando caña até o final. Sobre todo teño moita curiosidade por saber en que desemboca isto.

"Noto un gran déficit de información e formación con respecto ao mundo do audiovisual dende o mundo do ensino, e tamén á inversa. Estaría moi ben crear pontes dunha banda a outra banda"

Na túa xestión á fronte da Axencia Audiovisual Galega si impulsaches varios proxectos ligados coas novas tecnoloxías e a difusión do cinema, como Flocos ou Cinemas Dixitais. Cres que dende as institucións estase facendo todo o que se podería para aproveitar estas ferramentas?

Si, daquela apoiamos tamén o desenvolvemento de formatos para televisión, de contidos interactivos..., fixemos un traballo interesante relacionado coas novas tecnoloxías. Pero creo que o gran problema, repito, é o lonxe que o mundo do audiovisual no seu conxunto está do mundo do ensino. Unha das claves do éxito do cinema francés, que sempre collemos como modelo, é que dende moi novos os alumnos franceses teñen unha asignatura, que se relaciona co cinema, e que axuda a crear un público fiel. Aquí noto un gran déficit de información e formación con respecto ao mundo do audiovisual dende o mundo do ensino, e tamén á inversa. Estaría moi ben crear pontes dunha banda a outra banda. Non se trata de facer unha película e despois programar unha unidade didáctica. Trátase de crear contidos audiovisuais específicos para usalos a través de Abalar, de crear material audiovisual didáctico, moi pensado e dirixido a un target espécífico.

"Todas as iniciativas que buscaban achegar o audiovisual galego aos cidadáns foron desbotadas. Non estou dicindo que o fagan á mantenta, non creo que sexa unha cuestión ideolóxica, é unha cuestión de ignorancia simplemente"

E como valoras a actual política audiovisual da Xunta?

O problema é que non hai política audiovisual. O problema é que as institucións non saben onde ir. Nós na Axencia fixemos un traballo moi consciente, moi pensado, que o único que podía ter de ideolóxico era o garantir o principio de igualdade de oportunidades e de darlle vento ao talento, que son os dous aspectos centrais de todos os sistemas audiovisuais innovadores e modernos en calquera país. A política institucional que veu despois non continuou este traballo, fixeron todo o contrario: as axudas ao talento foron reducíndose cada vez máis para ser practicamente testemuñais. Todas as iniciativas que buscaban achegar o audiovisual galego aos cidadáns foron desbotadas. Non estou dicindo que o fagan á mantenta, non creo que sexa unha cuestión ideolóxica, é unha cuestión de ignorancia simplemente. O problema é que só se ama o que se coñece, e cando a xente non coñece, non ama. O problema é que as persoas que están levando este tema dende as institucións non coñecen o audiovisual, non coñecen a historia do país, non saben de que vai o rollo da cultura. Se non sabes do mar e de correntes mariñas, non podes marcar rumbos. Pois co audiovisual o mesmo.

Que é, para ti, o máis interesante do que se está facendo na actualidade no cinema galego?

Moitas das persoas que están facendo pequenos documentais, e o cinema máis de vangarda, o que se adoita encadrar como o novo cine galego, é o máis interesante do que se están facendo na actualidade, sen dúbida. Temos que potenciar que a xente faga o seu propio discurso sobre o que nos rodea, sen que haxa ningún tipo de manipulación ou obstáculo, nin polo sistema institucional, nin polo sistema industrial. Esta xeración está tendo un gran recoñecemento internacional e está achegándose ao corazón do mundo do cinema, con éxitos nos grandes festivais do cinema mundial. É a primeira vez que o cinema galego consegue isto, agás se cadra un período curto nos anos noventa. E sen que se enteren as institucións pero tampouco a nosa propia industria.

"Se isto sucedese na literatura, e autores e obras literarias galegas estivesen acadando premios internacionais coma estes, estariamos todos sacando peito"

Algúns dos produtores de aquí podían tirar desta xente, entendendo que este é un tipo de cinema que pode ter un nicho, un tipo de cinema que pode ser mesmo rendible. A relación entre os custes de produción deste cinema e as posibilidades de amortización é interesante. Deberían ir por aí e recuperar o concepto orixinal da palabra comercial. Comercial non significa que teñan que renunciar a ter unha estrutura narrativa complexa, comercial significa que a diferenza entre o custe de produción e as fiestras de amortización é positivo. Gran parte do cinema de autor é comercial: non gañas grandes cantidades de cartos, pero o resultado é positivo. Unha cousa é comercial é outra é industrial. Comercial pode ser Óliver Laxe ou Lois Patiño. Pero, xa che digo, sorpréndeme a escasa atención que lle están prestando os produtores e as institución a este fenómeno. Se isto sucedese na literatura, e autores e obras literarias galegas estivesen acadando premios internacionais coma estes, estariamos todos sacando peito. Pero claro, acontece nestes pringaos do cine, que fan estas películas que nin son hollywodenses nin son narrativas, e a xente non lles fai nin caso.

Dá a impresión de que nas últimas décadas, cando no audiovisual galego comezaban a advertirse movementos esperanzadores, faltou impulso por parte das institucións e da industria. Que faltou? Que se fixo mal?

Hai tres momentos clave. O do vídeo galego dos noventa, que foi un momento brillante e que funcionaba moi ben a nivel internacional. E todos eses profesionais foron fagocitados pola Televisión de Galicia ou pola publicidade. Hai unha segunda xeración, que é a que sae da Escola de Imaxe e Son, que tamén era xente moi brillante, que facía cousas moi prometedoras, e que acabaron convertidos en artesáns da industria, que non entendeu que tiña que ter apostado por eles. E o terceiro momento é o actual, o novo cinema galego.

"O problema é que a industria nunca creu no propio país e nunca apostou polos actores e directores do país, nunca apostou polos proxectos de aquí"

O problema é que a industria nunca creu no propio país e nunca apostou polos actores e directores do país, nunca apostou polos proxectos de aquí. É unha das claves destes trinta anos, iso de apostar polo alleo e por persoas de fóra que suplantaron o talento e o bo facer de aquí. Arriscouse con directores e actores sen experiencia de fóra, en vez de arriscar con directores e actores de aquí, co mesmo nivel de risco. Isto vese moi ben nas coproducións que se fixeron nos noventa e na primeira década dos dous mil. Coproducións con Catalunya ou con Valencia, nas que os protagonistas sempre eran cataláns ou valencianos. Moitas produtoras galegas facían as coproducións para facer negocio, en vez de facer negocio coas coproducións. E as institucións nunca marcaron pautas, as subvencións dábanse a monte, sen potenciar os novos creadores, e en función do poder do beneficiario. E as persoas que decidían sobre as subvencións eran sempre as mesmas. No momento en que dende as institucións alguén comezou a marcar pautas e rompeu este modelo, parte do sector revoltouse, porque estaba afeito a ter axudas sempre, presentasen o que presentasen. Os cartos públicos deben darse cuns obxectivos, e aquí non había pautas.

"Cada vez que estiven nunha estrutura democrática e participativa, traballando con xente que todos sentíamos que estabamos no mesmo barco, é cando máis a gusto estiven"

Ti, que pasaches por todos os ámbitos do audiovisual, con cal quedarías? Cal che deu máis satisfaccións?

Como o audiovisual é algo que amo, non sei distinguir se me gustan máis os xeonllos ou o embigo. É un amor integral polo cinema, un amor que teño dende que era pequeno, cando o meu pai traballaba nun cinema na miña vila como operador. Gústame moito a investigación e a formación, pero tamén me gusta o simple feito de sentar nunha sala e que me leven a outros mundos. Non podería decantarme por un aspecto ou outro. O cinema é unha especie de relixión que teño dende que miña nai me levaba ao cinema de meu pai, sendo eu aínda un bebé.

Gustoume, por suposto, o traballo que fixemos na Escola de Imaxe e Son ao comezo, un traballo libre. En todos os sitios o que máis valorei foi a relación que establecín con todas as persoas coas que traballei. Todo o que fixen non é mérito meu, é mérito de todas as persoas que estaban tamén alí. Cada vez que estiven nunha estrutura democrática e participativa, traballando con xente que todos sentíamos que estabamos no mesmo barco, é cando máis a gusto estiven. Por exemplo, na Escola, con Dani e os dous Carlos, ou na Axencia con Xurxo. Gustábame sentir que estaba traballando en algo novo, en algo que intentaba modificar o que nos rodea. E unha das últimas experiencias satisfactorias que tiven foi hai dous anos, dando un curso no Instituto Concepción Arenal para rapaces de 16 anos, e alí aprendín eu máis ca eles. Sentinme moi acompañado, transmitíronme moita enerxía.

Manolo González © Academia Galega do Audiovisual

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.