A "paixón" de Manolo González polo audiovisual, premio de honra

Manolo González © Academia Galega do Audiovisual

A Academia Galega do Audiovisual outorgará o seu premio honorífico "a unha das persoas máis relevantes do audiovisual galego", Manolo González, que recibirá o o Premio de Honra Fernando Rey na gala de entrega dos XII Premios Mestre Mateo, que terá lugar no Palexco da Coruña o vindeiro 12 de abril. Poucos galardóns tan merecidos coma este, que vén recoñecer unha traxectoria longa e fundamenta para a historia recente do audiovisual en Galicia.

A Academia destaca "a paixón e compromiso de Manolo Gonzalez pola profesión". De igual xeito, valórase de xeito especial a súa xestión "vangardista en políticas culturais" no seu paso pola Axencia Galega do Audiovisual

A traxectoria profesional de Manolo González desenvolveuse en boa parte no ensino, formando parte da creación, desenvolvemento e impulso da Escola de Imaxe e Son da Coruña. A Academia destaca "a paixón e compromiso de Manolo Gonzalez pola profesión", e a súa atención preferente "ás novas xeracións e os novos talentos". De igual xeito, valórase de xeito especial a súa xestión "vangardista en políticas culturais" no seu paso pola Axencia Galega do Audiovisual. Recoñece a súa felicidade pola recepción deste galardón "porque non é un premio que conceda un xurado senón os membros dunha profesión. É un recoñecemento dos compañeiros e iso ten un valor excepcional para min".

González leva uns anos fóra da primeira liña do audiovisual, das institucións ou dos grandes eventos, pero dedicado de cheo a ela, a través do ensino, que centrou boa parte da súa traxectoria. De feito, recentemente Manolo González era protagonista nos medios grazas á noticia de que a súa canle de youtube (Cliphistoria), centrada na difusión de contidos didácticos sobre historia para o seu uso por estudantes, superara os tres millóns de reproducións e contaba con ao redor de catro mil suscriptores. González recoñecía daquela que recibía chamadas de mestres de todo o mundo interesándose polo seu traballo.

"Sigo traballando na educación, que ten que ver co sector audiovisual e, sobre todo, sigo traballando en utilizar os medios audiovisuais na educación. Pódese dicir, quizais, que estou tanxencialmente no sector, pero sigo sentíndome parte del", destaca, e engade: "Hai que pensar que unha grande parte dos profesionais foron alumnos meus, tanto na Escola de Imaxe e Son como no Máster. Sigo tendo moitos amigos, sigo de cerca o desenvolvemento do sector en Galicia e sigo pensando que o audiovisual é cada vez máis importante, sobre todo tendo en conta este momento que vivimos no que non se está contando o que sucede na sociedade".

 

Unha vida entregada ao audiovisual galego

En 1984 foi responsable da Area de cine e vídeo da Dirección Xeral de Cultura, organizando as primeiras axudas publicas ao cinema e vídeo galegos

Nacido na Rúa, foi director do I.F.P. Allariz (1979-83), onde realiza as primeiras experiencias de vídeo na escola en Galicia. En 1984 foi responsable da Area de cine e vídeo da Dirección Xeral de Cultura, organizando as primeiras axudas publicas ao  cinema e vídeo galegos. Coordina o programa A imaxe na escola (curso 1984-85) e foi responsable da Videoteca de Galicia (1984-85), xermolo do que será posteriormente o CGAI. Ademais, foi organizador da sección de vídeo e das actividades paralelas de XOCIVIGA (1984-1989).

Participou na  investigación e catalogación da memoria audiovisual da emigración galega. A súa tese de doutoramento en historia versa sobre A emigración no cinema español. En 1988 entrou a traballar na produtora Vídeovoz TV, desenvolvendo funcións de arquivo, produción, guión e realización en diversos programas e series para TVG como Encontros, Galicia no cine, A mellor TV do mundo ou Extramuros entre outros.

Foi creador e director  da Escola de Imaxe e Son da Coruña (1990-1998), onde ademais foi o seu profesor de Produción audiovisual. Foi ademais profesor no Master de produción e xestión audiovisual da Universidade de Coruña (1998-2013) e profesor asociado na  Facultade de Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo (2004-2007). Nos anos 2004-2005 foi o director de desenvolvemento da produtora Dygra Filmes.

Dende o ano 2006 ao 2009 dirixiu a Axencia Audiovisual Galega da Xunta de Galicia

Dende o ano 2006 ao 2009 dirixiu a Axencia Audiovisual Galega da Xunta de Galicia, coordenando as convocatorias de axudas á produción da Xunta de Galicia, deseño e contidos da web da Axencia Audiovisual Galega e impulsando varios proxectos para o audiovisual galego como Cinemas Dixitais, Flocos.TV (Premio Mestre Mateo 2009) ou Memoria do século XX.

Manolo González © Academia Galega do Audiovisual

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.