É 24 de febreiro, #EuRosalía

Creación gráfica que procura un xogo de actualización da figura da poeta, obra da deseñadora Elba Fernández CC-BY-SA Elba Fernández

Nunha trintena de concellos do país hoxe é oficialmente o Día de Rosalía. Non o é en Galicia enteira porque foi vetado no Parlamento no ano 2012. Así e todo, tanto onde é oficial como onde non o é neste 24 de febreiro unha morea de actividades lembrarán e reivindicarán a figura de Rosalía de Castro en todas as súas vertentes, dende a máis puramente literaria ata a máis feminista e política. Entre as propostas artísticas e cívicas da xornada destacan as impulsadas pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e pola Fundación Rosalía, entidade que este ano combina a súa habitual homenaxe cunha innovadora proposta baixo o título #EuRosalía.

Na xornada que é tamén culminación das celebracións polo 150 aniversario de Cantares Gallegos a Fundación propón que, "tanto en Galicia como no resto do mundo", todas as persoas que o desexen se unan a unha "acción colectiva en Internet" e boten man de "calquera cousa relacionada con Rosalía", dende un libro a unha estatua pasando por unha camisola ou unha placa de lembranza. Unha vez atopado o elemento, só resta unha autofoto -"un selfie, como se chama agora, aclaran dende a Fundación- e compartila nas redes sociais coa etiqueta #euRosalía ou remitila ao correo fundacionrosaliadecastro[@]gmail.com.

A Fundación anima a difundir autofotos vinculadas a Rosalía

Mentres as redes se ateigan de Rosalía desenvolverase a tradicional homenaxe á poeta en Compostela, que desta volta se traslada do seu lugar de nacemento -na actual Praza de Vigo da capital galega- ata a Alameda por mor dunhas obras. A comitiva parte ás 10:30 da Porta Faxeira e o acto desenvólvese na estatua do parque.

Poesía nos muros e nas ondas

Este 24 de febreiro é tamén o día grande para outra das iniciativas máis rechamantes do ano en torno a Rosalía: o programa grafittiRosalía da AELG. Neste caso, o convite da asociación literaria diríxiuse aos centors de ensino, aos que animou a realizaren nos seus recintos ou en espazos públicos "coa colaboración dos concellos", ademais de lecturas da obra rosaliana, "unha acción colectiva en torno á figura" da autora "co obxectivo de visibilizar os seus versos en espazos públicos e comunitarios". Trátase de "grafitear algún verso de Rosalía, de modo que o alento da súa voz se faga presente continuo para toda a cidadanía galega.

Neste Día de Rosalía preséntase "unha das antoloxías poéticas sonoras con textos inéditos máis extensas e plurais da literatura galega"

Os versos de Rosalía alumearán os muros e tamén as ondas da radio, neste caso cun programa especial do Diario Cultural da Radio Galega. Este programa, destacan, "servirá de marco para a presentación do proxecto de edición da obra De Cantares Hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, na que colaboran a radio pública e a propia fundación. No programa, aberto ao público na Casa da Matanza dende a sete da tarde, leranse poemas inéditos e poráselle voz a Rosalía a través de Xosé María Álvarez Caccamo, Marilar Aleixandre, Elvira Ribeiro, Celso Fernández Sanmartín, Dores Tembrás, Marga do Val, Gonzalo Hermo e Eduardo Estévez, entre outros. Elas e eles serán unha mostra do que, din, é "unha das antoloxías poéticas sonoras con textos inéditos máis extensas e plurais da historia da literatura galega".

Creación gráfica que procura un xogo de actualización da figura da poeta, obra da deseñadora Elba Fernández CC-BY-SA Elba Fernández

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.