"O Vilariño é unha metáfora da devastación do rural galego, algo do que todos en maior o menor medida somos cómplices"

Fotograma de O Instante Eterno Dominio Público Praza Pública

Este 19 de febreiro, centenario do nacemento de Díaz Castro, proxectouse en Guitiriz o documental O instante eterno, dirixido por Xosé Antón Cascudo, que nas vindeiras semanas impartirá o seminario Díaz Castro: transferencias poéticas e visuais. O filme indaga nalgunha das constantes poéticas de Díaz Castro a través de entrevistas con persoas vinculadas a esta figura, tanto amigos como especialistas na súa obra. Ademais, afonda na xenealoxía emocional de Nimbos a través de dous elementos fundamentais: a lingua e a paisaxe da infancia. 

A partir deste sábado, as tres sesión das que consta o seminario (22 de febreiro, 1 de marzo e 8 de marzo) que Cascudo dirixirá en Guitiriz, realizarán unha radiografía social, política e demográfica do tempo do poeta, incidindo nos cambios experimentados na súa contorna, na paisaxe, na lingua e nos costumes, amosando como Nimbos é "o espello da historia sentimental da Galicia do século XX" e como esa obra, cincuenta anos despois da súa publicación, "segue tendo vixencia e proxecta a súa luz sobre o século XXI".

Que imos descubrir sobre Diaz Castro neste ano? Que descubriches ti?

Neste 2014 imos descubrir a un poeta, Díaz Castro, que traballou incansable, en silencio, durante toda a súa vida. Un poeta que fixo da discreción un arte e que exercía a escritura como unha necesidade espiritual, por iso Nimbos veu a luz pola insistencia de persoas como Fernández del Riego ou Ramón Piñeiro. Díaz Castro desconfiaba de que eses poemas non tivesen a suficiente calidade para ser publicados. Xa que Nimbos existe, descubriremos nos seus poemas a luz que anuncia no seu título. Descubriremos unha obra que sintetiza os grandes temas que atinxen ao ser humano e aos que toca desde diferentes prismas, desde o existencial, desde o relixioso ou o social. 

"Imos descubrir a un poeta que coida do mesmo xeito o elemento máis nimio da súa contorna como o máis transcendental, que usa a fala popular do seu microcosmos natal como dialoga sen complexos cos grandes poetas universais"

Imos descubrir un poeta que coida do mesmo xeito o elemento máis nimio da súa contorna como o máis transcendental, que usa a fala popular do seu microcosmos natal como dialoga sen complexos cos grandes poetas universais. A idea que latexa na súa poesía é que calquera cousa, por pequena que sexa, está inzada de segredos. Eu coñecía Nimbos desde a infancia polos vínculos de proximidade que me unían ao poeta pero desde que comecei a investigar a fondo a súa obra cada día me parece máis rica, cada lectura me ofrece matices novos; é unha fonte inesgotable de coñecemento.

Como comezas a traballar no proxecto de O Instante Eterno?

Comecei a traballar en O instante eterno no 2011 despois dunha conversa con Alfonso Blanco, presidente da Asociación Cultural Xermolos e gran amigo do poeta. Daquela ía cumprirse medio século da publicación de Nimbos e pensamos que era necesario realizar algún tipo de traballo co obxectivo de divulgar a figura e a obra de Díaz Castro. Pareceunos que o campo audiovisual era ideal para a súa difusión, e así, a grandes trazos, foi como xurdiu este proxecto, xa coa mirada posta na celebración do centenario do seu nacemento.

"Cando empezou a rodaxe aquela xente que o coñecera reaccionou con enorme ledicia, mesmo axudáronme a completar a documentación sobre o poeta"

Como foi a reacción dos veciños de Guitiriz e Os Vilares ante o documental?

En Guitiriz Díaz Castro é coñecido sobre todo polos nenos, que o estudan na escola, e polos vellos, que foron os que o trataron e gardan a lembranza del. Cando empezou a rodaxe aquela xente que o coñecera reaccionou con enorme ledicia, mesmo axudáronme a completar a documentación sobre o poeta. Pero na maior parte dos casos a reacción foi de escepticismo, entendo que polo feito de non coñecer á persoa nin a súa obra. Logo, cando a RAG designou a Díaz Castro como autor para as Letras Galegas, foi medrando o interese sobre o poeta, e de xeito paralelo sobre O instante eterno. Agora existe unha verdadeira paixón sobre a súa figura, tanto é así que se converteu en tema de conversación nas rúas e nas tabernas, e a xente visita a aldea e outros lugares emblemáticos do poeta. Parece que ese recoñecemento que non tivo en vida o vai ter agora despois de morto.

En que medida podemos facer unha historia do século XX en Galicia a través de Díaz Castro?

Ao ler con atención Nimbos podemos ir reconstruíndo a nosa historia. Díaz Castro nace nunha casa de labradores e aquela infancia pasada na aldea do Vilariño marcará para sempre a súa poesía. O poeta retrata nos seus versos a realidade que percibe, as carencias materiais, o traballo de sol a sol dunha sociedade afeita aos sacrificios, pero nunca se percibe un ápice de infelicidade xa que aquel mundo estaba desprovisto desa obsesión por cousas superficiais que tanto nos atormenta na actualidade. É un retrato do ser humano fronte á vida, na austeridade máis esencial.

"Nunca se percibe un ápice de infelicidade xa que aquel mundo estaba desprovisto desa obsesión por cousas superficiais que tanto nos atormenta na actualidade"

Díaz Castro non só canta o agro galego senón que capta sen edulcorar unha das grandes eivas do seu tempo (tamén do noso), a emigración. O autor de Nimbos considérase a moita honra un poeta labrego, e non hai que esquecer que foron as clases populares, os labradores e os mariñeiros, os que sostiveron a nosa cultura e a lingua. Neste sentido tamén é de xustiza recoñecerlle que a pesar de ser un políglota que dominaba máis dunha ducia de idiomas nunca deixou de falar, pensar e sentir en galego.

Que imaxes poden definir a Díaz Castro?

A imaxe que define a poesía de Díaz Castro, é a que el vía pola mañá ao levantarse e abrir as contras da súa fiestra. Nun primeiro plano unha paisaxe profundamente humanizada, as leiras e as chousas de onde a súa familia obtiña o sustento para sobrevivir. O pano de fondo desde esa fiestra era a Serra de Montouto, unha paisaxe inhóspita, ateigada de penedos. A pesar de que esta paisaxe mudou moito desde aquela, aínda existe unha vinculación íntima entre os versos de Díaz Castro e esa natureza dura e silenciosa que rodea a súa aldea.

"O Vilariño é unha metáfora da devastación do rural galego, de todo o que a modernidade mal entendida foi fagocitando ao seu paso, algo do que todos, en maior o menor medida somos cómplices"

Supoño que a paisaxe da Terra Cha e Guitiriz é fundamental nel e na súa obra, non si?

Para min a paisaxe era un dos elementos claves ao botar a andar o proxecto. Dediqueime a filmar sen présa os camiños que transitou o poeta, os ríos, as árbores, o paso das estacións, os traballos do agro, todo aquilo que el foi transformando en materia poética. Finalmente atopeime con ducias de horas de imaxes e decidín primar a vertente moral do plano antes que ceder á mera contemplación estética do mesmo. Pareceume interesante amosar os cambios acaecidos nesa paisaxe da infancia, por exemplo no parque eólico que invade agora a Serra de Montouto e sobre todo na aldea do Vilariño, hai cen anos unha das máis prósperas da parroquia dos Vilares, hoxe en día abandonada. O Vilariño é unha metáfora da devastación do rural galego, de todo o que a modernidade mal entendida foi fagocitando ao seu paso, algo do que todos, en maior o menor medida somos cómplices.

"A idea principal sobre a que gravita o seminario é amosar a transferencia entre o poético e o visual, partindo de Nimbos, xogando cos seus versos pero tamén coa peripecia vital do autor"

Que obxectivos ten o seminario que dirixes a partir deste sábado?

O seminario que terá lugar os tres próximos sábados en Guitiriz ten como obxectivo afondar na figura de Díaz Castro desde a perspectiva do documental O instante eterno. A través dunha ollada retrospectiva irei reconstruíndo o proceso de realización do filme, desde o xerme da idea até a montaxe definitiva.
Traballarei con diferentes materiais como fragmentos de entrevistas que a pesar do seu interese non chegaron a incluírse no documental xa que non encaixaban no discurso trazado. Por suposto terá presenza a poesía de Díaz Castro, interésame mostrar ao poeta mozo, comparándoo con algúns dos seus colegas de seminario e trazar un itinerario a través dalgunhas das súas lecturas poéticas foráneas para descubrir o xeito en que estas conformaron o seu estilo de madurez, patente en Nimbos. Con todo, a idea principal sobre a que gravita o seminario é amosar a transferencia entre o poético e o visual, partindo de Nimbos, xogando cos seus versos pero tamén coa peripecia vital do autor e con outros elementos xa especificamente cinematográficos como a música, a montaxe, as fotografías ou as imaxes de arquivo.

Fotograma de O Instante Eterno Dominio Público Praza Pública
Xosé Antón Cascudo © AELG
Fotograma de O Instante Eterno Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.