“Arrancaban os mozos do agro e metíanos á forza no frente de guerra”

Xosé Neira Vilas CC-BY IES-MGB

Un mozo emprende a viaxe cara América desde a súa aldea. Coa mala sorte de que, coa emoción das despedidas, demora máis da conta e perde o coche de liña. Non lle queda máis remedio que esperar polo camión do leiteiro. Sentado na súa maleta de emigrante, cavila sobre a súa vida. Acompáñano na espera unha vendedora de figos e un pai que quere levar ao seu fillo miope ao oculista. Así comeza Esperando o leiteiro, (Galaxia), a nova novela de Xosé Neira Vilas. O autor volve ollar, nesta obra, á emigración da Galicia rural desde a perspectiva dun rapaz. Mais, desta volta, é o humor o aliado da súa capacidade para retratar a realidade socio-política do seu país.  

Esperando o leiteiro é un monólogo con moitas conexións coas súas anteriores obras sobre a emigración. Lembra tamén a Memorias dun neno labrego...

Ten cousas semellantes, si, ás obras que situei no ámbito da infancia. Pero cambian as situacións, a linguaxe... É un monólogo en segunda persoa, que non é algo habitual na literatura galega. Con algo de costumes, de antropoloxía, de socioloxía... Está ambientada nunha época moi triste, que foi a dos anos 40. Pero este libro, ao contrario de Memorias, tamén ten moito humor. É certo que eu tratei moito dous temas nas miñas novelas: a aldea e a emigración. Pero chegou un momento, cando estaba en Cuba, que decidín deixar de lado a narración ficional e dedicarme á investigación. Entendino como un deber con Galicia. Despois volvín á novela.

"Está ambientada nunha época moi triste, que foi a dos anos 40. Pero este libro, ao contrario de Memorias, tamén ten moito humor"

O protagonista, que está a punto de marchar para América, pensa nas súas cousas mentres agarda polo transporte. E vai contando anacos das vidas dos seus veciños. Como Remuíño de sombras, acaba sendo un libro poboado por moitos personaxes...

Remuíño de sombras tiña un discurso fragmentario, unha técnica que foi considerada innovadora. Falaba de emigrantes en Bos Aires, aínda que a auténtica protagonista era a propia cidade, que acollía os galegos. 'Esperando o leiteiro’ tamén describe fragmentos de vidas, pero é un discurso fluído, como o propio pensamento. Por iso non hai parágrafos, porque o pensamento non utiliza puntos e comas. Cando pensamos, ou cando soñamos -os surrealistas escribían a partir dos soños- todo flúe por asociacións, conexións...

Hai moita historia tamén na novela. A guerra civil, os escapados, o contrabando de wolframio... Respecto da guerra hai nos personaxes un sentimento de incomprensión, como se fose algo alleo a eles. Que quería subliñar?

É unha obra de fición, pero tamén recolle testemuños reais. É verdade que os soldados andaban devorados polos piollos, que algúns se disparaban nos dedos para que os levasen... e que ían de caza cando non estaban combatendo. Quixen salientar algo que xa dixen máis veces, que é que arrancaban os labregos do agro e metíanos á forza no frente de guerra. Non sabían nin onde estaban, nin sabían por que loitaban. Eran recrutados, non era unha cuestión de ideoloxía. O do wolframio era a corrupción total. Gañábase moito diñeiro, e ata traían prostitutas de Francia. Os gardas requisaban as pedras que levaban os labregos para o contrabando e vendíanas eles mesmos. Eu mesmo sendo rapaz fun algunha vez, pero non atopei ningunha daquelas pedras. Corrín, si, diante dos gardas. Mesmo a xente que traballaba de xeito legal buscando wolframio collía algunha pedra para vendela de estraperlo. Chegou a cousa a tanto que deixaban as terras sen traballar para dedicarse a buscar o mineral. En Querido Tomás falo algo disto.

O protagonista de Esperando o leiteiro é un mozo. Maior que Balbino de Memorias, ou que os rapaces de Cartas a Lelo ou Aqueles anos do Moncho. Pero igual de cavilador e espelido. Nenos adultos, di a crítica. É así?

Unha vez dixéronme nunha entrevista que o meu Balbino non era crible porque tiña razoamentos de adulto. Eu respondín que en Galicia os nenos daquela non tiñan case infancia, nin adolescencia, porque tiñan que traballar no agro, coidar os irmáns... A min mesmo non me gustaba nada que me puxesen de exemplo diante dos meus irmáns. Hai algo de min no personaxe, pero tratado con distanciamento. E traballar esa distancia foi un esforzo, a verdade. O mozo de Esperando o leiteiro é xa maior, ten unha noiva, que é Aurora, e marcha para Bos Aires reclamado por un familiar. Balbino ou Lelo son máis novos.

"Unha vez dixéronme nunha entrevista que o meu Balbino non era crible porque tiña razoamentos de adulto. Eu respondín que en Galicia os nenos daquela non tiñan case infancia, nin adolescencia, porque tiñan que traballar no agro, coidar os irmáns.."

A emigración significa historias tristes, di o libro, pois non todo foi “coser e cantar”. “Gallegos de mierda”, lles chamaban ás veces, como lle pasaba a Antonio...

A emigración supoñía oportunidades nuns anos de bonanza económica en Bos Aires, Brasil ou Uruguai e de dificultades en Europa. Pero tamén era deixar a aldea, a familia, e adaptarte a un novo mundo. Cando emigrei, Bos Aires era a primeira gran cidade que vía. Antes estivera en Santiago ou en Pontevedra, pero ningunha coma aquela, de catro ou cinco millóns de habitantes. Todo era distinto, desde o propio idioma. Ademais chegabas e proletarizábaste, traballabas nunha fábrica, cuns horarios, sindicábaste... Chegabas alí e tiñas ata medo de cruzar a rúa. Eu sei dun que cruzaba detrás do tranvía para que o protexese dos coches. Os galegos integrabámonos na sociedade: nas asociacións, nos sindicatos... É certo que ás veces te insultaban, pero iso non era o normal. Mal íalles aos que andaban de festa en festa... Uns poucos emigrantes chegaron a ser empresarios de éxito, ou directores de bancos... pero a maioría eramos asalariados que tiñamos bastante para vivir e ter unha familia.

Hai moita violencia de fondo, como en Xente no rodicio. Non só a guerra e a represión física. Os dezmos que cobraba a Igrexa, ou mesmo eses actos de “purificación” das mulleres que acababan de parir. 

Era esa imaxe da Eva pecadora. Se unha muller acababa de ter un fillo, consideraban que estaba en pecado e tiña que “entrar na Igrexa”. Pero o pai do fillo non estaba en pecado ningún. Era así de brutal e discriminatorio coas mulleres. Claro que había moitas formas de violencia. Había que pagar tributos á Igrexa, e a xente pasaba tanta miseria que acababan vendendo na feira o que lle facía falta para comer, como o leite. Tamén había violencia lingüística, que practicaban os señoritos que viñan falando castelán. 

"Así que, mira, fun reprimido por escribir en galego xa aos 9 anos"

Ao protagonista repréndeno na escola por escribir en galego. O señorito non é desta volta coma Manolito. Pero algo perturba aos outros nenos... Non si?

Si, porque lles conta que non existe o inferno nin o pecado, pero que lles menten para telos collidos polos collóns. Iso está baseando nunha anécdota real, que é cando Rafael Dieste, sendo rapaz, lles dicía aos outros que non había pecado. Xa entón era sabio... O que lle pasa na escola ao protagonista pasoume a min. Castigáronme por falar cun compañeiro, e era inxusto porque quen falara fora o outro. Escribino nun papel, fixen unha boliña e tireilla, pero a mestra colleuna. E díxome que protestaba “y encima en gallego”. Así que, mira, fun reprimido por escribir en galego xa aos 9 anos. Aínda que é verdade que eu moita represión lingüística non vivín. Tiñamos un grupo de teatro e faciamos obras en galego escritas durante a República. Os meus libros estaban en galego, pero é certo que os publiquei fóra. Eu creo que non se metían tanto con nós na aldea por iso, porque era alí, non era Santiago nin A Coruña.

"E é o que lle digo á xente nova de agora. Que hai que ter iniciativa. Cambiar de rumbo se non se atopa traballo no que se estudou. Pero non quedar quieto"

O motivo da emigración era fuxir da “miseria moral e da outra”. Era así?

Marchabas para abrirte camiño no mundo, para fuxir da miseria, si. Eu non pasei miseria, non pasei fame, pero si pobreza. Emigrabas para buscar traballo do que fose, e despois podías estudar e tentar mellorar. E é o que lle digo á xente nova de agora. Que hai que ter iniciativa. Cambiar de rumbo se non se atopa traballo no que se estudou. Pero non quedar quieto. Eu estudei algo de contabilidade, e aos 16 anos gañaba máis que un mestre. Despois marchei a Bos Aires, e traballaba polo día e estudaba pola noite. Vendín teas, madeira, fixen pan... despois traballei nunha oficina...

Xosé Neira Vilas CC-BY IES-MGB

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.