O Cantos na Maré máis lírico e rosaliano

Presentación de 'Cantos na Maré' en Pontevedra Dominio Público Praza Pública

"O Cantos na Maré máis lírico e poético dos que temos feito", así define Uxía Senlle, directora artística do festival, que acollerá o Pazo da Cultura de Ponteveda o vindeiro sábado 11 de xaneiro. Actuarán Amancio Prada, Vitor Ramil, Gabriela Mendes, Luiz Caracol e Budiño, acompañados como é habitual por Uxía, e por Paulo Borges na dirección musical. Haberá moitas sopresas, coma todos os anos, pero o que é seguro é que os textos de Rosalía de Castro serán os protagonismos, nunha homenaxe ao Cantares Gallegos e ao 150 aniversario da súa edición.

Porén, Cantos na Maré non se limitará aos concertos do día 11. A vindeira semana está programado en Pontevedra un amplo conxunto de actividades complementarias, pois "o festival non quere perder a conexión coa viveza da cidade, que lle permite chamar a atención dun público máis heteroxéneo". Entre elas, celebrarase unha charla musicada de Amancio Prada o día 10 na Casa das Campás en torno á figura de Rosalía de Castro e Federico García Lorca. De igual xeito, o día 9 haberá no mesmo escenario un encontro con Uxía, Najla Shami, Marina Seoane e Ainoa Calvo ao fío da poeta e da súa obra. De igual xeito, o 8 de xaneiro, Vítor Ramil presentará o seu novo disco-libro Foi non mês que vem na Casa das Crechas de Santiago de Compostela.

"Será o Cantos na Maré máis lírico e poético dos que temos feito, ao fío do 150 aniversario da edición de Cantares Gallegos", destaca Uxía

"Será o Cantos na Maré máis lírico e poético dos que temos feito, ao fío do 150 aniversario da edición de Cantares Gallegos", destaca Uxía, nun compromiso que se reitera nos textos de presentación do festival: "As nosas voces e outras voces cantarémoslle a Rosalía, nunha nova lectura, reinterpretada á luz dos problemas de hoxe. Ela representa a dignidade desta terra (a cultura, a lingua e a paisaxe), a súa épica (a emigración) e a expresión dun afouto pensamento crítico, especialmente social e feminista". Uxía salienta a este respecto que "dicía Coppini que vivimos 'malos tiempos para la lírica'. Eu creo que non, eu creo que vivimos tempos precisamente en que a poesía e a arte é o que pode salvarnos. Por que non pensar nun 2014 intimista, reflexivo?".

 

Os a as participantes

No ano máis lírico de Cantos, non podía faltar Amancio Prada, "que nos descubriu o esplendor da nosa poeta a través de cancións que fan parte de nós, que nos seguen a emocionar e nos ensinaron que a música segue a ser un dos mellores vehículos para gozar da mellor poesía". E con idéntico obxectivo, chega dende Río Grande do Sul (Brasil) Vítor Ramil, "un gran creador que visita por primeira vez a terra dos seus antepasados de Ares e que ten na súa biblioteca un exemplar de Cantares Gallegos, que garda como ouro en pano. Traeranos todo o sabor dunha música que ten milonga e unha tradición que entronca con Arxentina e Uruguai, de harmonías abertas, melodías hipnóticas e letras cheas de poesía impresionista".

No ano máis lírico de Cantos, non podía faltar Amancio Prada, "que nos descubriu o esplendor da nosa poeta a través de cancións que fan parte de nós, que nos seguen a emocionar e nos ensinaron que a música segue a ser un dos mellores vehículos para gozar da mellor poesía"

A mestizaxe chega desde Portugal da man de Luiz Caracol, que nos trae no seu primeiro disco en solitario a poesía de Mia Couto e Pessoa, "o sabor afro-luso con aromas de Brasil e da cidade que o inspira: Lisboa". Dende Cabo Verde aterra Gabriela Mendes, que -destacan- "as súas cancións beben dos sentimentos e da vida cotiá do seu pobo. A 'sodade', tristeza e nostalxia da morna, xunto á mestura perfecta de alegría e baile da coladeira".  E, por último, o gaiteiro Budiño, un músico que levou este instrumentos a outras xeografías e a outros oíntes afastados da tradición e que, aínda que nos seus traballo prima o instrumental sobre o textual, emprega decote a poesía, por exemplo "a través da voz profunda do actor galego Luis Tosar, que nos emociona recitando a Celso Emilio Ferreiro no seu último disco".

Vítor Ramil Dominio Público Praza Pública
Amancio Prada Dominio Público Praza Pública
Gabriela Mendes Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.