Os Vilares: a terra baixo a poesía de Díaz Castro

Cibrán Tenreiro e Pastora Veres Dominio Público Praza Pública

Todo comeza con Manuel María. "Aló polo ano 93 eu estaba na organización da Romaría Labrega da Chaira e fixéramos unha exposición de fotografías antigas da parroquia. Viñera Manuel María inaugurala e dixo que todo aquilo estaba moi ben, pero que había que completalo cunha pequena historia sobre a parroquia, porque é unha parroquia que tiñan certas peculiaridades. E, dese xeito, encomendoume dalgún modo o facelo". Fala Pastora Veres, que ultima un libro sobre a parroquia dos Vilares, en Guitiriz, o lugar no que creceu e viviu Xosé María Díaz Castro.

De seguro que o autor de Nimbos será un dos protagonistas deste ano 2014 que comezaremos en poucas horas, e ao igual que noutras ocasións estes meses serán unha boa oportunidade para afondar en todos os aspectos que conforman a súa obra e que definiron a súa vida. E poucos tan importantes como a terra que pisou e a paisaxe que mirou: a parroquia dos Vilares. "Estívenlle dando voltas, falando con veciños, pero fun deixando o tema. Sempre tiña aí ese tema, e este ano, aproveitando a celebración da Letras, decidín sacalo adiante", comenza Veres, que lembra que o propio Manuel María salientara naquel encontro que "era unha parroquia que ía dar que falar, referíndose precisamente ao tema de Díaz Castro e das Letras, pois supoñía que nun futuro sería homenaxeado".

O proxecto complétase cun documental en preparación, a cargo de Cibrán Tenreiro, que ao igual que a publicación, verá a luz nos vindeiros meses

Porén, Os Vilares: Lareira de soños é moito máis ca un libro de textos e fotografías sobre a parroquia. O proxecto complétase cun documental en preparación, a cargo de Cibrán Tenreiro, que ao igual que a publicación, verá a luz nos vindeiros meses. Un e outro traballo recollen as imaxes das aldeas e da paisaxe, e tamén a voz dos veciños que habitan o lugar: "Cada veciño ara o seu rego para facer dos Vilares a Terra Sucada, sementada e traballada nas miles de páxinas que podería ter cada libro e cada vida. Sabemos que Os Vilares e Guitiriz van ser no ano 2014 o centro da cultura e as letras galegas pola homenaxe que o mundo rendirá ao indixena parroquiano Xosé María Díaz Castro. Independentemente da merecida dedicatoria ao poeta chairego, a contorna do seu nacemento e crianza merece tamen proxectarse ao coñecemento dos que alí nunca estiveron nin saben".

"Curiosamente hai algunha xente que comenta que Díaz Castro nunca mencionou os Vilares, porque o nome non aparece en ningún verso, pero Os Vilares está presente continuamente"

Pastora Veres engade que "Díaz Castro vai aparecer, porque é o veciño máis ilustre que temos, pero non é un libro dedicado a el. Si que vai estar presente ao longo do libro, en citas, en textos, hai algún familiar del que comenta cousas, pero non vai centrado nel". Comenta que queren "dar a coñecer ao mundo, a todas as persoas que non son de aquí, como é esta parroquia, que está moi presente na súa poesía" e destaca que "curiosamente hai algunha xente que comenta que Díaz Castro nunca mencionou os Vilares, porque o nome non aparece en ningún verso, pero Os Vilares está presente continuamente. Eu cando leo a súa poesía vexo continuamente a parroquia", conclúe.

Alén de Díaz Castro, no libro e no documental aparecen moitos outros personaxes que foron importantes na historia recente da parroquia, dende os emigrantes que fixeron fortuna en Barcelona ou Cuba, até o actual deán da Catedral de Santiago, tamén deste lugar, pasando polas historias dos trapeiros e comerciantes que deu esta parroquia, e que recolleu Marica Campo nun poema. Ou a pegada que deixou un famoso axente de extensión agraria nos anos setenta: "marcou un antes e un despois neses anos, nese proceso de desenvolvemento que viviu o agro", comenta Veres. "É moi importante esta figura, porque utilizou a parroquia dos Vilares como lanzandeira de moitas experiencias novas, e converteuna en referente para outras parroquias. A xente aínda o recorda agora, e recórdano como un deus practicamente, o que el dicía todo o mundo o facía, lanzábanse de cabeza a onde fora. Logrou tirar duns cantos gandeiros, que aumentaron e modernizaron as súas explotacións e foron un exemplo para os demais".

Así pois, este libro e este documental constitúen o retrato dunha aldea singular en moitos aspectos. Pero son tamén o relato de todo un mundo, o rural galego, un relato no que moitas outras parroquias e persoas se poderán ver reflectidos, ao igual que nos versos de Díaz Castro.

Os Vilares Dominio Público Praza Pública
Pastora Veres, entrevistando un veciño Dominio Público Praza Pública
No enterro de Díaz Castro © Xosé Marra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.