"Na idea do 'triunfo' como ser máis espilido que o do lado danse a man Thatcher e o minifundio"

Membros de Das Kapital e A Magnifique Bande, gañadores de Discos da Máquina dos I Premios Galegos da Música Dominio Público Praza Pública

Son “un selo de rock modular” de mozos tirando a novos que levan quilómetros de notas no corpo. Hai magníficos instrumentistas, altas doses de sensibilidade, humor, insólitos letristas para tempos delirantes, poetas e ousados músicos. Teñen en común a fraternidade, o interese polos respectivos proxectos e a convicción do labor colectivo. Discos da máquina (DdM) confórmano “seis bandas que cren no que fan e que, modestamente e precisamente por iso, fano bastante ben no escenario”, "unha asociación non profesional á que lle consta que catro ollos ven mellor que dous e que para poderen seguir facendo o traballo creativo con independencia é preciso asociarse para que o outro traballo, o de xestión, o chungo, se faga máis soportábel". Todos homes, aínda que convencidos de que “a hipermasculinización da maioría dos proxectos underground en Galiza fede e cómpre solucionalo”.

Nos seus concertos respírase “a conspiración contra os de arriba, belas melodías, rabia contida -e sen conter-, ruído como bela arte, poesía material, ritmos insubmisos, pop antiimperialista e fermosos bailes e cantos colectivos. Ah, e cervexa”. O que vén sendo “unha comuñón colectiva tal, que é como se a sala estivese perfumada con MDMA”. Con este panorama, veñen de celebrar os primeiros directos de aniversario dun ano en pé e de recibir o recoñecemento dos Premios galegos da música en dúas categorías: a de electrónica para Das Kapital e a de Orquestras para A Magnifique Bande dos homes sen medo.

Hoxe responden ás preguntas de Praza un poeta-músico e dous xornalistas-poetas-músicos: Samuel Solleiro, de Ataque Escampe, Martin Wu, de Grampoder e Daniel Salgado, de Das Kapital. Todos eles sobreviventes con escasos ingresos económicos, “como a maioría social esmagada”.

"Hai bastante faena ultimamente. E primeiro hai que matar ao pequeno fascistilla que todos levamos dentro"

Esta máquina é como a guitarra de Woody Guthrie, pois din vostedes que ten vocación de matar fascistas. Amoréase o choio?

Martin Wu: A verdade é que hai bastante faena ultimamente. E primeiro hai que matar ao pequeno fascistilla que todos levamos dentro.

Samuel Solleiro: O certo é que aínda non matamos ningún.

Daniel Salgado: Facemos o que podemos. Coido.

Discos da Máquina nace o 22 de decembro de 2012, o mesmo día que o planeta Nibiru ía impactar coa Terra e acabar co noso mundo. Que lles levou a escoller esa data?

D.D.: A decepción polos erros na predición? Porque non é “o noso mundo”, é o seu!

S.S.: En realidade, algo tan prosaico como a dispoñibilidade da sala Capitol, que foi onde presentamos o proxecto hai un ano. Pero reciclámolo para brincar un pouco con ese discurso catastrófico tan caro ao mundo da música en Galiza. No fondo era un discurso optimista na medida en que para que comezase o proxecto tiña primeiro que non rematar o mundo. Quixemos xogar cos dous polos, co vaso medio cheo e o medio baleiro a un tempo.

Máis que un pobo apocalíptico, gostamos de desafiar morbosamente a apocalipse?

M.W.: Ui, iso sería concedernos demasiada imaxinación.

S.S: Pode ser. Pero tamén somos un pobo resignado a que teña que haber unha apocalipse.

D.S.: Non estou nadiña seguro do que somos. Acaso clases subalternas desorganizadas e mentalmente colonizadas?

"Os galegos temos moito talento para autoexterminarnos. Cústame crer que sexa necesario que "os de fóra" veñan espoliarnos, acabar coa nosa identidade, etcétera. Levamos séculos demostrando que nos bastamos sós para iso"

Algún avezado analista político podería concluír que os galegos votan de xeito suicida. Queremos elixir o noso propio planeta Nibiru porque non nos fiamos de que o de fóra nos extermine con xeito?

S.S: No entanto, goberna “o de fóra”. E extermínanos con bastante garbo e 'salero'.

M.W.: Os galegos temos moito talento para autoexterminarnos. Cústame crer que sexa necesario que "os de fóra" veñan espoliarnos, acabar coa nosa identidade, etcétera. Levamos séculos demostrando que nos bastamos sós para iso e dando ao mundo os mellores golpistas, gardas civís e protectores da propiedade allea en xeral.

D.S.: Non creo que sexa “o de fóra” o que nos extermina. Levamos o becho dentro e admitilo sería un bo primeiro paso de cara a combatelo.

"A hipermasculinización de case todos os proxectos underground fede"

Por que cren vostedes que o underground galego é tan sumamente fértil -se é que concordan con isto-, que temos un subsolo creativo tan rico, cando arriba se tende á inanición?

D.S.: A palabra underground referida ao campo cultural galego créame problemas. Non é toda a galega unha cultura underground? Ben, xa me respondo eu: non, non o é. Imaxino que a situación nesta nación de lobos é máis ben semellante á situación noutras nacións da periferia da Europa turbocapitalista.

S.S: A min paréceme que entre esa inanición e a riqueza do underground hai unha relación directamente proporcional. Dito isto, o underground galego ten algúns problemas graves que debería comezar a solucionar: ordenados de menos a máis grave, eu enumeraría: a) a pouca diversidade de estilos pode aburrir; b) o feito de moitas veces sermos underground como produtores pero non como público pode facer pensar, se non se remedia, nunha burbulla insostíbel; c) a hipermasculinización de case todos os proxectos underground fede. E ollo que son problemas que afectan tamén a DdM, agás talvez o primeiro.

M. W.: O bo que temos é que sempre hai xente disposta a facer cousas e palmar pasta facéndoas; por iso hai sempre tantos grupos, tan bos, e ultimamente de estilos tan diversos –non hai máis que mirar o noso catálogo!-. O malo é que o underground é cada vez máis underground e chega a menos xente, e tamén que os músicos acaban por cansar de pelexar sen que ninguén lles faga moito caso e tiran a toalla. Como dicía creo que Diego Manrique, o indie é a música que se fai mentres a realidade non te obriga a facer outras cousas para sobrevivir.

"As orquestras, que tamén fan música -aínda que daquela maneira-, funcionan mellor ca nunca, séguense a financiar exposicións, museos e concertos enormes sempre que non desafíen o establecido..."

O que cheira a cultura -xa non digamos a cultura en galego- mírase con desconfianza, cando non se tenta destruír?

M.W.: Eu creo que o que se mira con desconfianza é certo tipo de cultura crítica co poder -non só o político, tamén o económico, etc.-, e máis as formas de facer cultura fóra dos circuítos institucionalizados. As orquestras, que tamén fan música -aínda que daquela maneira-, funcionan mellor ca nunca, séguense a financiar exposicións, museos e concertos enormes sempre que non desafíen o establecido...

D.S.: Non creo que se mire con desconfianza todo o que cheira a cultura. É máis, a cultura é talvez o principal ingrediente da graxa que contribúe a que o sistema de explotación funcione sen renxer demasiado.

"O fraguismo tiña a vantaxe de que, por moito que nos foda, estaba súper ben adaptado á forma de pensar da maioría, e tiña trazas "raciais" coas que aínda botabas unhas risas"

Por estraño que pareza, nos últimos tempos presenciei varias conversas nas que se citou a Pérez Varela, nunha sorte de medida de resultados entre os nosos fitos culturais de Carmiña Burana e os Tis-chet-tein, con algo semellante á saudade do primeiro.

D.S.: É sintomático da profundidade da nosa derrota político-cultural.

M.W.: O fraguismo tiña a vantaxe de que, por moito que nos foda, estaba súper ben adaptado á forma de pensar da maioría, e tiña trazas "raciais" coas que aínda botabas unhas risas (pulpada, gaiteirada, meu querido amigo, o cacique bo...). O actual... non sei se pensar que son un submarino dentro da administración dedicado a privatizar e desviar pasta cara aos seus amigos ou simplemente un grupiño de figurantes. Supoño que as dúas cousas.

S.S.: Eu non lembro moito os tempos de Pérez Varela. En todo caso non espero nada das institucións, que nos deixen en paz se acaso. Non digo que me dea igual porque non me pode dar igual que os tipos que se supón que me representan non fagan o traballo polo que lles pago, pero dedico a maior parte dos meus pensamentos a construír algo á marxe deles.

De que viven os músicos en Galiza? E concretamente vostedes?

M.W.: Da música non, desde logo. En Grampoder temos un deseñador, un xornalista e agora un enxeñeiro en paro. En Discos da Máquina hai un pouco de todo, aínda que creo que somos unha boa mostra do sign of the times. Poucos viven da música por aquí, e da súa música en concreto serán tres ou catro, sorte que teñen.

S.S: Eu persoalmente vivo de ter aforrado algo en dous anos emigrado, do desemprego e dalgunha cousiña non musical que sae. Moitos en DdM están parecido, algún traballa e creo que hai quen vive da música, pero non de tocar nos grupos, até onde sei.

D.S.: Cada un do que pode, como a maioría social esmagada. Eu non son músico nin nada que remotamente se lle asemelle. Vivo de traballar como xornalista.

"En Ataque Escampe chegounos a pasar que a distribuidora que tiñamos contratada, supoñemos que dependente das subvencións do bipartito, entrou en concurso de acredores e non só quedou con todos os cartos que deron os dous primeiros LPs do grupo senón tamén con todas as existencias sobrantes"

Reproduzo palabras súas: "Os selos discográficos coñecémolos das películas dos Beatles, as distribuidoras son un gasto innecesario no mellor dos casos (no peor, non diremos o que son) e na maior parte dos festivais que nos contratan non deixa de resultar exótico que os grupos pretendan vender o seu material. Canto a internet, está demasiado chea de cousas e estar aí é, por desgraza, bastante parecido a non estar en ningures". Tras analizalo poñen en marcha o proxecto de autoxestión Discos da Máquina. Está a ser unha vía de saída a esa realidade?

D.S.: Non está a selo, non. Non sei se será así de momento ou para sempre. Pero xuntarse para facermos ruído e despotricar contra o réxime non deixa de conformar unha valiosa iniciativa e un inocente pasatempo, ao meu ver.

S.S: Imos moi pouquiño a pouco. Pero si. Eu non me arrepinto nada. En Ataque Escampe chegounos a pasar que a distribuidora que tiñamos contratada, supoñemos que dependente das subvencións do bipartito, entrou en concurso de acredores e non só quedou con todos os cartos que deron os dous primeiros LPs do grupo senón tamén con todas as existencias sobrantes. Este é o panorama. Algo así nunca pasará cun proxecto como DdM, e só por iso xa paga a pena.

M.W.: É unha maneira de ir un pouco máis alá da autoedición. En Discos da Máquina todos botamos unha man no que podemos para sacar adiante entre todos o máis escuro do asunto musical: desde a distribución (sobre todo!) e a comunicación a buscarmos ese trompetista que nos fai falta para este tema ou esa man milagreira que converta as miñas bases merdentas en programacións con xeito.

"Moitos de nós, a maioría, levamos tanto tempo nisto que xa me parece que non sabemos facer outra cousa... Máis en serio, para min significou unha revitalización, volveu darme ganas de facer cousas nisto da música"

Que sensación lles queda deste ano de traballo?

M. W. Moitos de nós, a maioría, levamos tanto tempo nisto que xa me parece que non sabemos facer outra cousa... Máis en serio, para min significou unha revitalización, volveu darme ganas de facer cousas nisto da música. Está moi ben atoparte ou volver a atoparte con xente que tamén quere sacar este asunto adiante, seguir facendo cancións e seguir intentando que cheguen á xente.

D.S.: Eu particularmente estou satisfeito. En case cada un dos nosos concertos –os de Das Kapital- vendimos discos das outras bandas do selo e tivemos –fóra modestia- grandes ocorrencias. Como o festival destes días ou o disco compartido sobre os monstros. E aínda por riba, eu polo menos, pásoo ben.
 
Teño entendido que Marcos Paino participou en cada un dos discos do selo e que é un traballador inesgotábel. É así ou trátase dun mito?

S.S.: É un mito, naturalmente. En realidade Marcos Paino non existe, pero invocamos ese nome en todos os nosos discos para que pareza que hai un polo menos que non é un lacazán.

D.S.: Eu o que teño entendido é que Marcos Paino non é máis que o pseudónimo que se procurou Giorgio Moroder para meter o fociño nas músicas dese país raro que denominamos Galicia.

M.W.: Estivo en todos, si, e ten pinta de que vai seguir sendo o Messi de Discos da Máquina. É un currante, un tío con moitísimo talento e ademais conta as mellores historias de furgoneta que nunca oín.

"Ademais de seres con nádegas e ollos sorprendémonos descubrindo que temos brazos, pernas, orellas e corazón. O mundo segue sendo un lugar físico e material, malia todo"

Sacan os discos (tamén) en soportes físicos e cren nos directos.

D.S.: Internet cansa. E por vocación materialista.

S.S.: Porque ademais de seres con nádegas e ollos sorprendémonos descubrindo que temos brazos, pernas, orellas e corazón. O mundo segue sendo un lugar físico e material, malia todo. A música, para alén do cerebral, ten que ter unha dimensión afectiva, cinética e táctil.

M.W.: Un disco é coma un fito na traxectoria dun grupo, polo menos para nós, e imaxino que para o resto dos grupos do selo. Estamos afeitos a preparar as cancións por quendas, con certo sentido de unidade, polo menos en principio. O físico é coma una fotografía do grupo nun momento determinado, e, ademais, perdura. E retroaliméntase cos directos: o disco é a escusa para facer concertos, os concertos son a escusa para vender discos.

Onde é que venden máis discos, a través da web, nos concertos? Quen é o supervendas de Discos da Máquina?

S.S.: Nos concertos e nas feiras, e nalgunhas tendas máis que noutras. De momento está a cousa aí aí, pero temos grandes esperanzas postas en Caxade.

M.W.: Vendese máis nos concertos, supoño que porque a xente que vai ver os grupos sabe o que vai escoitar. En canto a "supervendas", por aí lle andamos todos, pero ten pinta de que A dança dos moscas de Caxade vai ser o disco do ano, non só para nós, senón para moitísima xente. Ben que o merece.

D.S.: Si, aínda que non teño os números a man, penso que nos concertos. O concepto de supervendas é cadora máis relativo, pero, igual que o compañeiro Solleiro, confío enormemente no disco de Caxade. E na súa pelexa por comprender a riqueza da historia musical galega.

"A dança dos moscas de Caxade vai ser o disco do ano, non só para nós, senón para moitísima xente. Ben que o merece"

En Discos da Máquina hai proxectos, formatos, máis sinxelos para mover en directo, como Caxade ou Grampoder, e outros máis complexos, como Das Kapital, polo número de instrumentos, de aparellos que incorporan e de integrantes (aínda que a Magnifique Bande dos Homes sen Medo son tamén un bo feixe de músicos). En que medida condiciona as contratacións e a supervivencia?

D.S.: No caso de Das Kapital, enormemente. Adoito esquécense as condicións materiais concretas que precisa unha banda para realizar un concerto. E estas son absolutamente determinantes.

M.W.: Cada grupo ten o seu espazo máis axeitado. De todos modos, unha cousa que observo na maioría dos grupos de Discos da Máquina é que son capaces de adaptarse a case calquera espazo. Somos un selo de rock modular.

SS: O certo é que, agás ocasións puntuais como este festival, DdM limítase ao traballo de selo discográfico, sen entrar a traballar o directo de forma colectiva. Cada grupo é soberano das súas actuacións, o que non quita que se poida negociar algún tipo de contratación colectiva se alguén o requixer.
 
Cal é o nexo común entre as bandas?

S.S.: A fraternidade, o interese polos respectivos proxectos musicais e a crenza no traballo colectivo.

D.S.: O odio á burguesía parasitaria? Falo por non estar calado, claro.

M.W.: Discos da Máquina é un proxecto semiaberto. É dicir, non nos pechamos a ningunha proposta, pero ten que haber consenso entre os que xa o formamos para que entren novas bandas. Supoño que polo novo que é o proxecto de momento os que estamos aí somos amigos e coñecidos, e está ben para facilitar as cousas nestes primeiros momentos, pero isto non é unha reunión de ex alumnos de La Salle nin nada así, virá xente nova a medida que vaiamos avanzando.

"Discos da Máquina é un proxecto semiaberto. É dicir, non nos pechamos a ningunha proposta, pero ten que haber consenso entre os que xa o formamos para que entren novas bandas"

Como é o proceso de incorporación de novas bandas? Haberá pronto nova fichaxe?

S.S.: Crecer non é a nosa principal prioridade. Cando nos chegan propostas concretas estudámolas e decidimos o que facer. Só incorporamos o que realmente nos convence musical e operativamente. Tampouco temos un protocolo moi definido nin nos chegan as propostas a centos, o que está ben. Noutros casos procuramos nós mesmos os grupos que nos interesan.

D.S.: E o que haberá axiña é o novo disco da nosa última fichaxe The Lost Omelette-Makers, os nosos particulares Modern Lovers/Violent Femmes/Beat Happening e moi probabelmente novos traballos polo menos da Magnifique Bande e Ataque Escampe, para alén dun EP temático colectivo.

"Que non fagamos máis traballo cooperativo supoño que terá algo a ver coas ideas dominantes nunha sociedade integrada no capitalismo avanzado"

En Discos da Máquina acreditan no traballo colectivo. A unión fai a forza pero aínda non nos quixemos decatar ou non sabemos?

D.S.: A liberdade de todos é a condición da liberdade de cada un. E viceversa. Que non fagamos máis traballo cooperativo supoño que terá algo a ver coas ideas dominantes nunha sociedade integrada no capitalismo avanzado. Aínda que a estafa esta que chama crise e que non é máis ca unha redistribución da riqueza cara arriba igual fai mudar un algo as cousas. 

S.S.: En realidade o de ir cada un pola súa conta é un hábito de antonte, como quen di. Até hai uns poucos anos a cousa organizábase máis en torno a selos, pequenos ás veces pero cun tecido empresarial. Os cambios viñeron demasiado rápido e estivemos uns anos despistados. Pero hai que asociarse sempre, témolo claro. O de que para triunfar hai que ser máis espilido que o do lado é unha idea horrorosa na que se dan a man o minifundio e Margaret Thatcher. Nós non somos así.

Traballan con licenzas abertas, “of course”. Por que? Hai un sector, cuxa amplitude descoñezo, que olla a quen defende as licenzas libres como desleal cos dereitos dos músicos, e incluso un outro que os ven como perroflautas. Que opinan?

S.S.: O colectivo dos músicos -como tantos outros, por outra parte- está moi maltratado, pero os problemas de verdade non son os que afectan os dereitos de autor. Que dereitos de autor, sendo realistas, poderían xerar proxectos como os nosos? Baseándose en que? Estando, por exemplo, tan mal pago en xeral o directo, poñer no centro do debate os dereitos de autor é como debater sobre a explotación laboral e poñer no centro do debate a mala calidade do café na cantina das empresas. O traballo co Creative Commons supón unha cesión razoábel e controlada de dereitos que non nos interesan, e non significa que toquemos de balde nin que non gostemos de vender discos cando se pode. Hai un sector de cidadáns que pensa así? Moi ben, tamén hai un sector de cidadáns que colecciona selos.

"O traballo co Creative Commons supón unha cesión razoábel e controlada de dereitos que non nos interesan, e non significa que toquemos de balde nin que non gostemos de vender discos cando se pode"

M. W.: É que unha cousa é unha cousa e outra cousa é outra cousa. Unha cousa é ceder certos dereitos e renunciar, por exemplo, a cobrar uns 'royalties' que, no noso caso, ían ser minúsculos e o máis probable é que nunca os cheirásemos, e outra é tocar gratis (que se fai, pero a partir da quinta vez en dous meses un xa empeza a mosquearse).

D.S.: Intentamos limitar o máis posíbel o roubo que supón a propiedade intelectual privada tal e como a entende a versión neoliberal do capitalismo.

Que pensan da SGAE?

S. S.: Eu non son socio dela, así que non estou en situación de avaliar o que fai ou o que deixa de facer.

M.W.: Eu tampouco son socio e o que menos me gusta segue sendo que a Sgae sexa de facto a única entidade de xestión de dereitos que existe.

D.S.: Non coñezo a SGAE por dentro, senón apenas como aqueles señores que lle cobran aos meus bares favoritos por facer soar discos que os propietarios dos mesmos mercaran. Non lle podo dicir máis.

Caxade © J. Teixeira Fotografía
Ataque Escampe Dominio Público Praza Pública
Das Kapital Dominio Público Praza Pública
Grampoder Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.