A edición de libros en galego caeu un 36% nos gobernos de Feijoo

Libraría no Culturgal © Culturgal

Este venres comeza o Culturgal, onde a cultura galega e a súa industria amosarán o seu músculo e vitalidade. Vida, a pesar de todo, despois de anos de crise, recortes e esquecemento institucional, que dende logo se están deixando notar nas grandes cifras de negocio do sector e tamén nos postos de traballo que xera. Un informe do Observatorio da Cultura Galega, do Consello da Cultura, revela que a edición en galego continúa a descender, acumulando unha caída do 36% dende 2008, último ano completo do goberno bipartito de PSdeG-PSOE e BNG. O sector do libro xera en Galicia uns 190 postos de traballo, pero en 2012 perdéronse un 18,6% dos empregos. En total, 39 postos de traballo menos, acumulando unha caída de 101 traballadores dende 2009.

En 2008 acadouse un máximo, con 2070 títulos publicados en galego, setecentos máis que o pasado ano

O Observatorio sinala que "o número de títulos editados en galego tocou fondo no ano 2012, con 1.322 títulos editados". O galego está moi por baixo do catalán (9.326) e por primeira vez é superado polo éuscaro (1.810) en número de títulos. En 2008 acadouse un máximo, con 2070 títulos publicados en galego, setecentos máis que o pasado ano. O informe subliña que aínda que o contexto xeral de caída é global para todas as linguas do Estado, “a lingua máis afectada é a galega”.

E o peor é que este descenso nas cifras globais non se ve compensado por un despegue na edición en galego en soportes distintos ao papel. O libro electrónico e outros formatos, que en 2011 chegara a unha cifra récord de 461 títulos, en 2012 caeu até os 220.

O libro electrónico e outros formatos, que en 2011 chegara a unha cifra récord de 461 títulos, en 2012 caeu até os 220

Hai tres grandes fontes que recollen a evolución dos títulos editados en España cada ano, que pola súa diversidade metodolóxica amosan resultados dispares: o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, o Instituto Nacional de Estadística e a Federación de Gremios de Editores de España. Porén, nostres obsérvase unha forte caída en 2012 na edición de libros en Galicia. De feito, nos rexistros do ISBN vemos como os libros editados en Galicia pasaron de ser 4.754 en 2010 a apenas 2.528 en 2012, case a metade. Pola contra, no conxunto de España o descenso, de 114 mil a 104 mil foi moi inferior.

Tamén descenden as tiraxes medias dos libros editados en Galicia, que pasaron dos 1.405 de 2009 aos 1.137 de 2011 (non hai datos de 2012). En paralelo, tamén se reduciu o número de editoriais existentes no noso país (de 157 en 2009 a 147 en 2012) e a súa produción media anual (de 26 a 17 títulos). Outros indicadores, coma o número de títulos traducidos do galego a outras linguas, tamén amosan a situación de crise. En 2012 acadouse o peor dato dos últimos sete anos, con tan só 89 títulos traducidos, menos da metade do 198 de 2007.

Outros indicadores, coma o número de títulos traducidos do galego a outras linguas, tamén amosan a situación de crise. En 2012 acadouse o peor dato dos últimos sete anos, con tan só 89 títulos traducidos, menos da metade do 198 de 2007

Como único dato positivo atopamos que a facturación das editoriais galegas, segundo a Federación de Gremios de Editores de España, aumentou en 2012 un 1,3%, despois de anos de descensos (do oito por cento en 2010 e do doce por cento en 2011). Tamén é positivo o dato ofrecido polo Ministerio de Cultura sobre Hábitos e Prácticas Culturais, que sinalan que en 2011 o 53,3% dos galegos leran algún libro no ano anterior, fronte ao 48,5% do ano 2007. Porén, nesa mesma enquisa indicábase que se en 2007 o desembolso dos galegos era de 84,6 millóns de uros en libros, catro anos despois o gasto caeu 24 millóns de euros euros.

 

Menos cartos para o libro galego

A Asociación Galega de Editores realizou esta semana unha valoración dos orzamentos para 2014 presentados pola Xunta,amosando a súa "preocupación e clara disconformidade" coas contas, nas que haberá 440.000 euros menos para o libro o próximo ano

Neste contexto, a Asociación Galega de Editores realizou esta semana unha valoración dos orzamentos para 2014 presentados pola Xunta,amosando a súa "preocupación e clara disconformidade" coas contas, nas que haberá 440.000 euros menos para o libro o próximo ano. Un novo retrocese na colaboración do goberno galego, que de seguro terá o seu efecto nos datos de edición, facturación e emprego dos vindeiros anos. Os editores engaden que esta cantidade vén sumarse "aos 250.000 euros da desaparecida orde de axudas á edición de grandes obras, que xa experimentara unha reducción acumulada do 75% dende o ano 2010", así como aos recortes que se veñen realizando, en cada un dos exercicios económicos, ás axudas tradución, edición de materiais curriculares e adquisición de fondos de libros en galego para as bibliotecas públicas.

En concreto, nas contas para 2014 a axuda para a tradución de obras do galego e para o galego, descende en máis de 100 mil euros. O mesmo sucede, din, coa partida destinada a dotar ás bibliotecas públicas de fondos bibliográficos en galego, reducida nun 60% no ano 2010, e que se recurta noutros 71.540 euros. E outro tanto pasa coa axuda para a edición de materiais curriculares en galego, que xa sufrira unha drástica reducción do 50%, e que vén de experimentar un novo recorte de 100.000 euros, "deixando a publicación de materiais curriculares en lingua galega sen apoio institucional, a pesar da renovación dos materiais didáticos de tres cursos de Educación Primaria, prevista no calendario de implantación da LOMCE", sinalan os editores.

Libraría no Culturgal © Culturgal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.