Pontevedra acollerá un concerto de 111 bicicletas

Cartaz do TAC © Taller Atlántico Contemporáneo

111 bicicletas, 111 buguinas, un concerto polas rúas de Pontevedra. Esa é a proposta que o Taller Atlántico Contemporáneo (TAC) vai desenvolver este domingo, no marco das actividades do Culturgal. O TAC propón unha interpretación colectiva do Eine Brise de Mauricio Kagel, para a que pide a colaboración de ciclistas voluntarios. 

Pode participar calquera persoa que teña unha bicicleta con timbre. As persoas voluntarias terán que ir vestidas con pantalón negro e parte superior branca

O concerto partirá ás 12 horas do peirao das Corvaceiras e nel pode participar calquera persoa que teña unha bicicleta con timbre. As persoas voluntarias terán que ir vestidas con pantalón negro e parte superior branca. Percorrerán arredor de 1.800 metros pola Avenida de Uruguai, a ponte das Correntes e o paseo de Domingo Fontán para chegar ao Pavillón Municipal de Deportes de Pontevedra, que será o espazo no que os membros do TAC darán as instrucións e procederán a un pequeno ensaio da acción fuxidía para 111 bicicletas. Así, o concerto desenvolverase entre o Pavillón e o Pazo da Cultura de Pontevedra, na rúa Alexandre Bóveda. Serán uns 500 metros de percorrido, nun concerto que terá unha duración duns noventa segundos. Quen queira participar na proposta tense que anotar no correo 111bicicletas@culturgal.com.

O TAC iniciou a súa andaina en marzo de 2010 na Praza do Obradoiro en Santiago con este mesmo concerto. Reivindicaba “por un lado a cercanía que a música contemporánea pode ter para calquera tipo de público, e por outro a posibilidade de facer concertos introducindo novos elementos”. O TAC atopa na obra de Mauricio Kagel "unha proposta que se adapta especialmente ao seu obxectivo de ampliar o público para a música contemporánea". Con ese fin, interpretou a obra de Satie cun piano de cola no faro de Fisterra ou desenvolveu numerosas accións como Os seráns do TAC na Cidade da Cultura encamiñadas a achegar a música con formatos orixinais e singulares. 

O TAC atopa na obra de Mauricio Kagel "unha proposta que se adapta especialmente ao seu obxectivo de ampliar o público para a música contemporánea"

Taller Atlántico Contemporáneo é finalista nos Premios Galegos da Música e obtivo o Premio da Crítica na categoría de música. O xurado destacou que "o interesante desta agrupación é que está a innovar constantemente na procura da normalización da escoita da música contemporánea, que durante moito tempo permaneceu nun eido marxinal e elitista. Cos seus espectáculos conseguen aproximar a todo tipo de público propostas de autores galegos do último século xunto ás doutros compositores consagrados do mundo contemporáneo”.

Mapa do percorrido previsto Dominio Público Taller Atlántico Contemporáneo
Cartaz do TAC © Taller Atlántico Contemporáneo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.