O García Barros celebrará o seu 25 aniversario reunindo os seus premiados

Anxos Sumai, premiada este ano Dominio Público Praza Pública

O Premio de Novela Manuel García Barros fai 25 anos. Promovido polo Concello da Estrada dende 1989, neste tempo serviu de escaparate en toda Galicia de esta vila e converteuse nun dos galardóns de referencia da literatura galega. Juan Constenla, concelleiro de Cultura, destaca a importancia "da consolidación" deste premio, e o seu valor para A Estrada e para a súa proxección cultural en todo o país.

Juan Constenla, concelleiro de Cultura, destaca a importancia "da consolidación" deste premio, e o seu valor para A Estrada e para a súa proxección cultural en todo o país

O propio Concello da Estrada, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, organizan o vindeiro sábado 16 de novembro na Cidade da Cultura un acto que servirá para conmemorar a traxectoria deste certame e "promocionar e difundir en toda Galicia os valores e a aposta cultural e literaria do premio estradense". O obxectivo é reunir á maior parte dos e das gañadoras que tivo este premio, unha listaxe que reúne o máis destacado da narrativa do noso país das últimas décadas. Anxos Sumai é a máis recente premiada, e súmase a Santiago Lopo, Xesús Constela, Antón Lopo, Manuel Veiga, Santiago Jaureguizar, Xabier López, Bieito Iglesias ou Antón Riveiro Coello. Ou os Aníbal Malvar, Xosé Ballesteros, Xosé Miranda ou Manuel Forcadela recoñecido nas primeiras edicións.

De momento xa está confirmada a presenza de Alfonso Álvarez Cáccamo, Xerardo Agrafoxo, Francisco Castro, Xesús Constela, Antonio Piñeiro, Bieito Iglesias ou Anxos Sumai

De momento xa está confirmada a presenza de Alfonso Álvarez Cáccamo, Xerardo Agrafoxo, Francisco Castro, Xesús Constela, Antonio Piñeiro, Bieito Iglesias ou Anxos Sumai. En recoñecemento á súa contribución á consolidación do premio e á construcción do seu prestixio actual, todos eles recibirán unha serigrafía creada especificamente para a ocasión polo artista estradense Ramiro Cimadevila. O acto será presentado pola xornalista local Mireia García e contará coa actuación do pianista estradense Javier Otero. Ademais, tamén terá un protagonismo especial o IES Manuel García Barros da Estrada, xa que os seus estudantes de Literatura Galega de 2º de Bacharelato participaron na gravación dun vídeo sobre a traxectoria do premio que se proxectará durante o evento

Anxos Sumai, premiada este ano Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.