Falece Carmen Arias 'Mimina', viúva de Díaz Pardo e impulsora de Sargadelos

Carme Arias, Mimina, nunha homenaxe a Díaz Pardo o pasado mes de xuño CC-BY-NC-SA Pontevedra Viva

Carme Arias de Castro Montero, Mimina, faleceu a pasada noite no Castro, aos 92 anos de idade. Foi a compañeira de Isaac Díaz Pardo durante todas as súas vidas, e o seu traballo foi fundamental para botar a andar a Fábrica de Cerámica do Castro e o proxecto de Sargadelos. Carolina Díaz Ripoll escribe hoxe o seu obituario en Praza, no que fai un repaso pola vida de Mimina, a relación con Díaz Pardo e pola súa actividade, dende as súas primeiras clases de debuxo e a decisión de cursar a carreira de Belas Artes.

Lembra as súas orixes, o seu precoz talento para o debuxo, que a levou a tomar clases de debuxo e acuarela con Dolores Díaz Baliño (unha importante pintora do momento, irmá de Camilo Díaz Baliño). Relata, igualmente, que a familia de Mimina desaprobana a súa relación con Díaz Pardo (comunista, republicano e galeguista), polo que o pai non lle permitiu continuar realizando as viaxes a Madrid para rematar a carreira de Belas Artes. Esta prohibición, unida ao feito de ter tres fillos con Isaac en tres anos, levouna a abandonar a súa carreira de Belas Artes e tamén a súa carreira como pintora.

Despois do paso por Arxentina, onde Mimina contacta coa intelectualidade de esquerdas alí exiliada, nos anos setenta, xa no marco do proxecto de Sargadelos, monta o taller de xoiería

Destaca a importancia da súa participación en todos os proxectos que empredeu Díaz Pardo, comezando pola Fábrica de Cerámica do Castro: "da súa famila eran os terreos cedidos para a construción da mesma; dela son os primeiros deseños das porcelanas; e foi ela quen montou o taller de decoración: distintivo básico da casa".  Despois do paso por Arxentina, onde Mimina contacta coa intelectualidade de esquerdas alí exiliada, nos anos setenta, xa no marco do proxecto de Sargadelos, monta o taller de xoiería. "Foron moitos anos nesta tarefa: investigando e aprendendo novos usos de carácter ornamental, empregando deseños cultos e comprometidos para amosar e reivindicar a historia de Galiza", destaca Carolina Díaz Ripoll.

O obituario remata lembrando as palabras de Isaac Díaz Pardo, que destacaba que “Mimina é fidelidade e lealtade ata o final”. "A un home? A un proxecto vital? A ámbalas dúas cousas, quizais…", conclúe Carolina Díaz, neta de Mimina.

O seu corpo será velado este sábado no tanatorio Servisa. O domingo será incinerada, e os seus restos serán esparexidos no mar, en Sada.

Carme Arias, Mimina, nunha homenaxe a Díaz Pardo o pasado mes de xuño CC-BY-NC-SA Pontevedra Viva
Isaac Díaz Pardo e Mimina, con Lorenzo Varela © Sargadelos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.