"Un deseño galego autóctono non é unha camiseta coa cara popeira de Rosalía, como parece que entendeu moita xente"

© Pancho Lapeña

Pancho Lapeña ofrece outra das charlas que compoñen o Foro de Edición e Deseño que organiza a Asociación Galega de Deseñadores este venres e sábado en Compostela. A primeira xornada estará dedicada ao deseño gráfico e editorial, cun seminario a cargo de César Ávila (Gráfica Futura), así como charlas e presentacións e Uqui Permui e Pancho Lapeña, nunha sesión que pechará unha mesa redonda con César Ávila, Uqui Permui, Pancho Lapeña, Carlos Figueiras (Estaleiro Editora) e Juan Carlos Pichel (Eurográficas), moderada por Suso Vázquez (desescribir).

Tanto na súa formación coma no seu traballo posterior, Pancho Lapeña (Panchez) combinou áreas temáticas distintas, afondando na teoría e na técnica. De feito, comezou estudando Filosofía en Compostela e completou a súa formación cursando dúas carreiras técnicas de artes aplicadas: cantaría e volume. Foi tamén bolseiro do Laboratorio de Formas de Galicia do Grupo Sargadelos e posteriormente cursou gravado e serigrafía na Escola de Impresión de Edimburgo. Trasladouse a Italia para traballar no eido na industria téxtil e desenvolver o seu interese pola influencia sociolingüística nos dialectos rexionais. A Asociación Galega de Deseñadores defíneo como "un comprometido antropólogo iconográfico, que investiga aspectos da paisaxe, cultura, gastronomía do país, plasmando o que recolle en ensaios e representacións gráficas que chama deseños atlánticos".

Na súa traxectoria destaca tamén o traballo realizado con Berto Yáñez en Aduaneiros sem Fronteiras, ou a creación de importantes iconos que serviron de homenaxe a Isaac Díaz Pardo, ou para as reivindicacións en defensa do monte galego ou do Courel. Tamén realiza, en paralelo, un importante traballo de investigación etnográfica, entre outros aspectos centrada nas máscaras tradicionais, coma as propias do Entroido. Ese labor "non se liga ao meu traballo como deseñador", pero si que o levou a aceptar unha proposta para recuperar a carauta propia do entroido vigués, a dos merdeiros.

"Fálase do triángulo ourensán, pero este triángulo en realidade é un pentágono, un octógono ou un nonágono, que vai alén de Galicia, e chega a toda a serra de Bragança e a gran parte de Zamora cunha cantidade de mascarada tradicional e non só do entroido, tamén máscaras de ciclos precuaresmais, de aninovo", comenta. "Todo isto é descoñecido, e tamén se descoñece que este tipo de carautas as podemos atopar en toda a Península e en toda Europa. Podemos atopar máscaras exactas en Ourense e en Eslovenia. Cando falamos de máscaras rituais, pensamos en África ou a Polinesia, ou como moito na América precolombina", engade.

O deseño galego bota man todo o que debería dos deseños tradicionais?

Non, de ningún xeito. O deseño galego, aínda que soe mais uma vez ao topico martillante, sempre olla cara a fóra, no canto de ollar para si, e os intentos de ollar cara si, se os houber, non pasan dun verniz folclórico mediocre que se fai cando menos irritante.

"Sempre olla cara a fóra, no canto de ollar para si, e os intentos de ollar cara si, se os houber, non pasan dun verniz folclórico mediocre que se fai cando menos irritante"

Que son os deseños atlánticos? Podemos falar dun deseño galego, recoñecible, coas súas características delimitadas?  

Os deseños atlánticos son, coma a dieta atlántica, a antítese cardinal dos deseños e a dieta mediterránea da que todo o mundo fala tam ben. Evidentemente poderíamos profundizar nun modelo autóctono de deseño, mais ademais de estar facendo deseño estaríamos facendo política. Un deseño galego autóctono non é unha camiseta chinesa cunha frase popular ou coa cara popeira de Rosalía, como parece que entendeu moita xente. Un deseño autóctono haino que buscar alén das mamarrachadas postmodernas, ou do folclorismo expres. Na iconografia, na historia, na arquitectura e outras artesanías e oficios propios do pais, para entender cales son os modelos comúns e cales os endémicos.

O mal de Galicia é a falta de curiosidade?

O mal do mundo é a falta de curiosidade! 

Que aprendiches das máscaras de entroido como deseñador? 

Da etnografía sempre se aprende moito, das máscaras tradicionais europeas (sexan de entroido ou non), polo tanto, apréndese moito, simplemente a consciencia delas é unha aprendizaxe, mais ao nível de deseñador non sería quen de dicir que cousa especifica dos deseñadores aprendín. 

En que estás traballando agora?  

Persigo morosos e fago chapuzas domésticas, ademais de estudar os pormenores da tosta mixta.

Como afecta a crise ao deseño? Queda nun segundo plano, como algo superfluo, prescindible? Ou en momentos de máis competencia é máis valorado como un factor diferencial, de achega de valor engadido?

Non podería dicir que noutros lugares do mundo sexa doutro xeito, mais aqui segue nese segundo plano, de onde nom saíu nos ultimos 40 anos.

"Non había deseñadores até que apareceu o primeiro ordenador? Hai un exceso de protagonismo do software que está eclipsando todos os traballos anteriores"

Como valoras a situación actual do deseño en Galicia?

Cuestión complexa. Non podería dicir que non hai bos creativos no pais, é posible que eu non os coñeza a todos e alén diso eu teño os meus predilectos. Fóra diso non hai moito que me sorprenda. Polo xeral podería afirmar que no nivel gráfico o deseño galego é moi inferior ao dos nosos veciños do sur e moi inferior ao dos nosos compañeiros da época pre-dixital. Aínda que isto é comprensibel, nun pais onde o que fas é percibido como superfluo, é normal que o nivel sexa baixo. Mais no nível do deseño industrial sempre tivemos enxeñeiros xeniais, igual que bos artesáns e magnificos ilustradores. Deberiamos achegarnos a eles.

Hoxendía enténdese o deseñador como unha persoa que colle un ordenador e fai un debuxiño, cando eu entendo que ese é un traballo de debuxante, non de deseñador. Que é hoxendía un deseñador? Non había deseñadores até que apareceu o primeiro ordenador? Deseñadores hóuboos sempre e os que hai dende que hai ordenadores son moito máis pobres metodoloxicamente. Hai un exceso de protagonismo do software que está eclipsando todos os traballos anteriores, e acaba parecendo que son dous mundos que apenas teñen relación, cando deberían ser un continuo.

Deseño para a edición dun libro de Carlos Taibo en Através editora © Pancho Lapeña
Os 'merdeiros' de Vigo coa carauta deseñada por Pancho Lapeña Dominio Público Praza Pública
Deseño para 'Un cranio furado', de Quico Cadaval © Pancho Lapeña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.