María Reimóndez: "Hai moita xente que viaxa pero nunca cambia o punto de partida"

María Reimóndez © Xerais

María Reimóndez volve publicar poesía e faino por triplicado. Once anos despois da publicación de Moda Galega, presenta en Compostela (Libraría Lila de Lilith, ás 20 horas) Presente continuo, kleinigkeiten/cousiñas e Moda galega reloaded. María Reimóndez estará acompañada neste acto pola poeta Susana Sánchez Aríns e polos editores Fran Alonso (Xerais), Francisco Macías (Positivas) e Cibrán Rico e Suso Vázquez (Fabulatorio).

Por unha banda, Reimóndez regresa ao universo poético do seu primeiro poemario, Moda galega (Positivas, 2002) máis de dez anos despois. Nesta primeira obra, deitaba unha ollada crítica e mordaz á sociedade consumista e que obxectaliza os corpos das mulleres. O seu novo poemario, Moda galega reloaded (Positivas, 2013) revisa e actualiza a obra de 2002. Mentres, Presente continuo (Xerais, 2013) marca os dez anos da primeira viaxe de María Reimóndez á India en 1994, da relación cambiante e fluída con lugares que xa non definen ben os nomes coñecidos, con culturas, con persoas, con formas de vida que son xa parte do cotián, do ser afortunadamente descentrado. Finalmente, kleinigkeiten/cousiñas (Fabulatorio) é un poemario escrito orixinalmente en alemán durante a estadía de Reimóndez na casa de artistas Villa Waldberta en 2011, promovida polo Instituto Cervantes de Múnic e o Kultureferat do Concello de Múnic. Esta obra debulla o traballo de levar a outredade que o galego e a autora representan, á cerna dunha lingua e cultura central europea, nunha especie de diálogo íntimo no que a lingua de poder se converte na lingua dos afectos e dos desafectos, do privado e do íntimo.

"Este si que é o grande paradoxo, que no medio dunha crise económica brutal, no canto de coller outros carreiros, se siga polos mesmos do capitalismo e do patriarcado máis atroz"

Como muda a túa forma de achegarte á poesía, de escribir, dende Moda Galega até Moda Galega Reloaded, é dicir, dende o 2002 até hoxe?

Creo que a miña forma de achegarme á poesía mudou pouco, achégome a ela con rebeldía, sempre cunha certa dose de humor e tamén como o lugar onde conectan o privado e o público na miña persoa, co cal creo que é un espazo tremendamente vizoso. Sigo entendendo a poesía como unha rede para crear comunidades dunha forma preferente porque creo que o discurso poético é o máis aberto dos xéneros literarios, o cal quere dicir que pode espellar en lecturas infinitas que noutros xéneros están xa de seu máis pechadas.

Ademais, no caso de Moda Galega, o contexto sociopolítico pedía a berros un regreso. Porque os temas de Moda Galega por desgraza estaban, dez anos despois, máis a ferver ca nunca. E este si que é o grande paradoxo, que no medio dunha crise económica brutal, no canto de coller outros carreiros, se siga polos mesmos do capitalismo e do patriarcado máis atroz. Era necesario volver e abrir de novo a cidade para comprobar o horror dende a lingua mordaz e aberta,e dende aí poder encarar novas estratexias.

"Era necesario volver e abrir de novo a cidade para comprobar o horror dende a lingua mordaz e aberta, e dende aí poder encarar novas estratexias"

Que imos atopar en kleinigkeiten/cousiñas?

Seguramente un poemario atípico, pero non sei, pode ser só unha percepción dende dentro da escrita. De feito interésame moito ver que entende un público galego, se cadra sentirá máis os aspectos íntimos fronte aos máis políticos do texto porque estes foron escritos coma unha seta que se envía ao corazón dunha lingua e cultura hexemónicas. Mais non teño nin idea!

Como é o proceso de creación nunha lingua que non é a túa?

Crear en alemán foi un proceso sumamente interesante, escribía para un público que non é o meu habitual, un público polo xeral voraz e curioso que quere escoitar a alteridade, que lle gusta que alguén colla “unha culleriña e remexa na súa lingua”, como di a poeta muniquesa Ulrike Budde sobre este poemario.

"O máis importante desta vida (com)partida non ten nada que ver cos estereotipos nin co lugar concreto en si senón máis ben coa experiencia de descentrarse, de trasladarse sobre todo mentalmente a un lugar moi diferente daquel do que partiches"

Que contas en Presente continuo?

Van agora xa case 20 anos dende a primeira vez que collín rumbo á "India", o poemario rematei de escribilo en 2005. Agora debo poñer o nome entre aspas porque nel conflúen as imaxes coloniais ou os conflitos políticos identitarios internos e para min xa non describe un lugar co que poida identificarme. Despois de 20 anos case falo en exclusiva de Támil Nadu, o poemario fala do proceso de chegar a onde estaba no 2005, un proceso que non remata nunca. Aínda así, creo que o máis importante desta vida (com)partida non ten nada que ver cos estereotipos nin co lugar concreto en si senón máis ben coa experiencia de descentrarse, de trasladarse sobre todo mentalmente a un lugar moi diferente daquel do que partiches e non falo precisamente de viaxes literais porque hai moita xente que viaxa pero nunca cambia o punto de partida. No caso da India é algo moi patente: a xente que viaxa e só ve o que a nosa educación colonial nos inculcou (as cores, os sorrisos, a pobreza...).

"O meu activismo nace desa escoita e analizo todo o que oio coas prioridades das que non adoitan ter voz en mente, busco crear espazos onde poidan falar por si mesmas"

Este poemario defende máis a escoita que a mirada porque aí é a outra parte quen ten a posibilidade de definirse e nós o papel de deixar que nos modifiquen a orixe. A miña forma de entender a vida, as miñas alianzas, víronse totalmente transformadas neste proceso. O meu activismo nace desa escoita e analizo todo o que oio coas prioridades das que non adoitan ter voz en mente, busco crear espazos onde poidan falar por si mesmas. Este proceso non remata nunca, por iso o presente continuo, igual que non debe de rematar nunca a visión crítica sobre nós mesmas e a nosa sociedade cando entra en contacto coas outras.

"Unha cousa que aprendín con Moda Galega é que os libros doutros xéneros poden morrer axiña pero a poesía vive. En que lugar podería estar máis cómoda?"

Esta volta á poesía (por todo o alto) terá continuidade? Sénteste cómoda no xénero?

Eu nunca abandonei a poesía, outra cousa, como pode constatar calquera poeta, é o complicado da publicación polo menos por vías convencionais. Mais a vida poética -a miña e a colectiva- é cada vez máis efervescente e máis conectada coa sociedade, independentemente do que nos queiran facer crer. Aínda hai uns días Henrique Alvarellos falaba disto e eu estou totalmente de acordo coa súa análise. A poesía está máis viva ca nunca, abonda con ver os festivais como Poetas Di(n)versos na Coruña, Ponte Poética en Pontevedra ou o Obradoiro de Tradución Poética “Con Barqueira e Remador” que xusto se celebra estes días en San Simón, organizados todos eles pola incansable e magnífica Yolanda Castaño ata os Picaversos de Branca Novoneyra e Olalla Cociña en Compostela ou as xuntanzas da Porta Trece en Vilanova da Cerveira onde se reúnen da man de Edicións Positivas e a asociación cultural do mesmo nome poetas dun lado e doutro do Miño, o traballo de Dandy Lady, os recitais de Lucía Aldao e María Lado, Poetas da Hostia, os espectáculos de Antón Lopo, a interacción coa música...

Xa non digamos o traballo que se fai nalgúns centros de ensino como por exemplo no IES Lama das Quendas de Chantada, onde tiven a sorte de participar este ano con Xosé Daniel Costas na semana poética, algo que debería visibilizarse e gardarse coma un tesouro. É moi importante que se coñeza todo isto, eu síntome feliz de pertencer á mesma fraga biodiversa destas e moitas outras iniciativas poéticas. Ademais, unha cousa que aprendín con Moda Galega é que os libros doutros xéneros poden morrer axiña pero a poesía vive. En que lugar podería estar máis cómoda?

Os tres libros de Reimóndez que se presentarán este xoves en Compostela Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.