Os zombis teñen orixe galega

Night of the Living Dead (1968) Dominio Público Praza Pública

George Andrew Romero non inventou os zombis, pero si moitos dos clixés relacionados con eles, de obrigado cumprimento en todos os filmes do xénero, inaugurado en 1968 con A noite dos mortos viventes. Con este filme, a súa opera prima, e con outros posteriores, coma O amencer dos mortos ou A terra dos mortos, converteuse nunha das figuras imprescindibles do cinema de terror nas últimas décadas. Naceu en Nova York en 1940, de pai de ascendencia cubana e nai procedente de Lituania, pero afondando nas orixes do seu apelido -Romero- chegamos a Galicia.

O seu avó naceu en Neda, no fondo da ría de Ferrol, na zona da Mourela, e emigrou a Cuba, aínda que sempre regresaba a Galicia cando a súa muler estaba embarazada, porque quería que os seus fillos nacesen aquí, destaca un texto publicado no número 11 da Revista de Neda, que relata as orixes do director. É por iso que, aínda que fose circunstancialmente, tamén o pai de George A. Romero, Jorge Marino Romero, naceu en Galicia, posiblemente na Coruña, e alí viviu até os dous anos de idade. Criouse en Cuba, pero emigrou moi novo a Nova York, ao Bronx, onde se instalaría finalmente e casaría con Ann Dvorski.

As orixes nedenses do director pódense documentar a varias xeracións atrás. Os seus tataravós foron Lorenzo Romero e Juana Rodríguez, os bisavós chamábanse José Romero e Vicenta Rodríguez e os seus avós Antonio Romero e Josefa González. Os Romero eran unha familia moi coñecida na Mourela do Medio polo nome da casa na que vivían, denominada A Casa do Galo, pola veleta metálica en forma deste animal colocada no alto da vivenda. O edificio acolleu anos despois unha das máis importantes tendas daquel barrio.

Algúns dos Romero dedicáronse ao comercio e instaláronse en Ferrol, abrindo a coñecida Casa Romero, nun fermoso edificio modernista próximo ao Teatro Jofre. Ademais, sábese que dúas irmás de Jorge Marino Romero, tías de George polo tanto, casaron en Cuba con dous comerciantes, e abandonaron a illa despois da revolución, establecéndose en Miami. Dende o Caribe enviaron cartos para axudar á construción da escola de Caamouco, y e mercaron un coñecido chalé modernista situado en Redes. 

En 2007 Guillermo Escrigas, acabado de nomear director do Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI) salientaba a galeguidade de George A. Romero e sinalaba a importancia de reivindicar a súa obra dende a filmoteca galega. E destacaba que xa contaban cunha fotografía del cos seus país na Coruña, obra de José Selier.

Casa Romero, en Ferrol Dominio Público Praza Pública
George A. Romero CC-BY-SA Nicolas Genin
A Mourela, en Neda © joseantromero

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.