A Xunta reduce á mínima expresión as axudas á produción audiovisual en galego

Sutil, nunha táboa redonda sobre o audiovisual galego © Fundación Carlos Casares

Malos tempos para a cultura. O Goberno galego vén de decidir por enésima vez que a creación cultural pague a factura dos recortes orzamentarios, desta volta nun sector que o propio Executivo segue a cualificar como "estratéxico", o audiovisual. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) vén de convocar as súas subvencións para producións e coproducións audiovisuais en lingua galega "con decidido contido artístico e cultural" e convocatoria trae consigo unha tesoirada que reduce este programa á mínima expresión. A retallada acumulada dende a chegada do gabinete de Alberto Núñez Feijóo a San Caetano é xa do 77%.

Cunha dotación de 1,1 millóns de euros financiados por partidas orzamentarias nas contas públicas de 2013, 2014 e 2015 a Agadic formúlase obxectivos, a priori, tan ambiciosos como colaborar na "produción e realización de películas de valor cultural, que contribúan á diversidade do panorama cinematográfico de Galicia e da Unión Europea e que non poderían ser producidas sen axuda de fondos públicos". Tamén di procurar a "produción de obras audiovisuais que fomenten o talento audiovisual galego, así como o cumprimento das tarefas que a Lei do Audiovisual lle atribúe ao sector na normalización da lingua galega".

As axudas perderon un 77% da súa dotación orzamentaria dende 2010

Para lograr estas finalidades este organismo público, con dependencia orgánica da Consellería de Cultura e Educación, perde en tan só un ano o 62% da dotación orzamentaria das axudas, toda vez que en 2012 lles achegou 2,9 millóns de euros que serviron para cofinanciar dezaoito proxectos. Eses 2,9 millóns de euros foron os cartos a asignar en 2012 e tamén en 2011, cando as achegas sufriron outro notable recorte a respecto dos 4,9 millóns coas que estiveron dotadas en 2010, primeiro ano cun orzamento elaborado polo Goberno do PP, e en 2009, cando as contas públicas aínda eran herdadas do Executivo anterior.

Nunhas datas que non son especialmente cómodas para que o sector poida presentar os seus proxectos a Agadic mantén, non obstante, que a súa aposta polo audiovisual está intacta. Así, na propia convocatoria das axudas, o ente dirixido por Jacobo Sutil di ser "consciente da importancia decisiva do sector audiovisual para contribuír ao desenvolvemento da cultura e facilitar o acceso á diversidade cultural das producións audiovisuais da comunidade autónoma de Galicia".

Sutil, nunha táboa redonda sobre o audiovisual galego © Fundación Carlos Casares

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.