O Sinsal San Simón brilla no medio da ría

A Illa de San Simón volveu acoller dous días de música CC-BY-SA Praza Pública

O Festival Sinsal San Simón completou este domingo a segunda das súas xornadas. Débeda saldada, despois de que o festival fose suspendido o pasado 27 de xullo en solidariedade coas vítimas do accidente de Angrois. E a proposta, un ano máis, non defraudou. A pesar dos obrigados cambios no cartel e da urxencia coa que os seus organizadores tiveron que deseñar unha nova programación, os Samaris, Austra, Sam Amidon ou Fluzo do fallido cartaz de xullo foron ben suplidos por Baden Baden, Stealing Sheep ou Denis Jones.

O criterio musical de Sinsal ofrece plena confianza, despois de ter traído a Galicia na última década a bandas coma Explosions In the Sky, Gang Gang Dance, Múm, Dominique A, Lali Puna, CocoRosie con Antony & the Johnsons, Young Marble Giants, Dirty Projectors, Bonnie Prince Billy, Ariel Pink’s Haunted Graffiti ou Joanna Newsom, moitos deles algúns anos antes de seren coñecidos polos seus públicos actuais. Ou o pasado ano en San Simón os daquela case descoñecidos Alt-J (hoxe camiño de seren un dos hypes do ano, actuando en festivais de todo o planeta e poñéndolle música aos anuncios do Microsoft Phone Nokia) ou a mesma Julia Holter.

Os loops, delays e samplers de Denis Jones, procedente de Manchester, foron do máis destacado do festival, nun concerto in crescendo, onde os sons propios dun cantautor acabaron facendo bailar a todos os asistentes. Tamén os franceses Baden Baden, banda moi sólida que pode chegar a encher escenarios moito máis grandes. Ou o trío feminino Stealing Sheep, que trascenderon a base de percusións e harmonías vocais. O dúo Le Parody, a medias granadino e cubano, foi unha das grandes descobertas do festival, letras e fraseos de canción popular adornados por melodías de ukelele e trompeta e un intelixente uso dos loops.

Moitos coñeceron a Caxade nesta fin de semana, coa súa aposta polos instrumentos de vento, os sons de orquestra tradicional con espírito pop e indie. Unha das cousas que vén demostrando Sinsal na última década é que a música non está formada por compartimentos estancos: mestúrase, móvese, evoluciona, vai e volve; nos últimos anos a electrónica penetra en todos os estilos até virar a mesma normalidade, e no entanto, ben podería suceder que a decada que vén esteamos escoitando discos de pizarra. Caxade sabe ben de que vai todo isto. Nada máis rematar o seu concerto en San Simón, ante un público eminentemente indie e lector da Rockdelux, marchou a fume de carozo para actuar en Doncos, en plenos Ancares, coa súa Orquesta Moderna, que recrea as charangas e bandas de música dos anos 20 e 30.

Triángulo de Amor Bizarro pechou o festival, e os de Boiro, xa con tres discos (e medio) ás costas demostran concerto a concerto que son un dos grupos máis sólidos e intensos da escena española nas últimas décadas. Ruído, ruído e ruído, controlado, case sempre acelerado, mesmo garaxeiro, pero que ás veces flue para lembrar os mellores My Bloody Valentine no ano no que os irlandeses nos entregaron o seu primeiro traballo en vinte anos. E a sorpresa de ver no escenario a Roberto Mallo, técnico de son embarcado ademais en proxectos de improvisación como Volonté, acompañando cun saxo free jazz o tema Robo tu tiempo. Imposible non moverse cunha banda que xa é quen en encadear media ducia de hits ben coñecidos mesmo polos indiferentes.

Este ano Sinsal mantivo as súas apostas habituais en San Simón, que tan boa acollida tiveras nos dous anos anteriores. E explorou novos camiños. O primeiro foi o da relación co espazo, coa illa, un marco irrepetible que volveu fascinar a artistas e público. Distintos lugares da illa acolleron un "programa de Músicas Escondidas" no que Lucía Riveiros interpretou as Cantigas de Amigo de Martín Codax, tan vencelladas a San Simón; o saxofonista Rafael Yebra interpretou Intercambios Sonoros co Espazo; e Alejandro Vargas, Lar Legido e Mónica de Nut presentaron as Miniaturas Musicais de Granell, igualmente entre o mellor da fin de semana e toda unha descuberta para os que aída non coñecían o proxecto.

Tamén fixo máis fincapé no debate ao redor da música e das artes en varios dos seus ámbitos, dende á creación á produción e distribución. O Paseo dos Buxos acolleu dous debates cada día (o sábado moderados por Iago Martínez e o domingo por Xurxo Souto) sobre Muller e cultura: representación e diferenza (coa participación de Mercedes Peón, Belén Regueira, María Yáñez e Mar Caldas) e sobre Repúblicas do minúsculo: cultura a escala (con Julio Gómez, José Bienpica, Moisés Álvarez e Ángel Rueda) centrado este último nas estruturas e prácticas de produción e difusión cultural autónomas e dende a base.

Por se había algunha dúbida sobre o compromiso ou o respecto á memoria histórica contida e representada pola illa, Rodrigo Caamaño (Triángulo de Amor Bizarro) lembrou que o seu avó estivo preso en San Simón, e Le Parody dedicou unha canción de Juana Molina aos asasinados pola represión fascista. Por non falar da presenza de Eugenio Granell a través da voz de Mónica de Nut, ou das referencias que tamén fixeron Caxade ou Rafael Yebra ou das cancións republicanas da guerra adaptadas por Germán Díaz.

Un festival integral, unha experiencia que comeza antes de coller o animado e fashionable barco de ida e volta dende Cesantes, San Adrián e, desta vez, tamén Vigo. E unha mostra de que as propostas de calidade, orixinais, únicas, deixan pouso e pasan por riba de crises. Hai moita vida fóra da televisión.

Denis Jones CC-BY-SA Praza Pública
O marco de San Simón sorprendeu a quen non coñecía o espazo CC-BY-SA Praza Pública
O Festival tamén incluíu dous debates diarios CC-BY-SA Praza Pública
Triángulo de Amor Bizarro en San Simón CC-BY-SA Praza Pública
Baden Baden CC-BY-SA Praza Pública
Le Parody CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.