Biblos inaugura a súa libraría en Betanzos

Ilustración de Xosé Tomás para a libraría © Xosé Tomás

Unha nova libraría abre este xoves, 15 de agosto, en Betanzos. Trátase da Libraría Biblos, estabelecemento que pon en marcha a editorial do mesmo nome encabezada por Carmela González Boo e Tucho Calvo. O local, situado no número 4 da Rúa Santiago, aproveita as festas da localidade para darse a coñecer entre a súa veciñanza cunha primeira xornada de actividades. A partir das 11.30 horas, os ilustradores Xosé Tomás, Xoti de Luis, Suso Cubeiro, Xoán G. e Manel Cráneo asinarán as súas obras ante o público. A sesión de sintaturas, na que todos os rapaces recibirán globos, dará paso á primeira presentación da nova libraría. Ás 13.00 horas presentarase Café con Biblos e a obra En Betanzos, de Alfredo Erias, guía escrita e ilustrada para botarlle unha ollada á cidade e aos seus barrios. Xa pola tarde, celebraranse tres sesións de microteatro. A función titúlase Tapa dura e correrá a cargo do artista Antón Coucheiro Cou.

Con esta primera xornada, arrincará a programación dunha libraría que pretende converterse nun piar máis da actividade da editora e tamén nun punto de referencia na dinamización cultural da vila. “A libraría Biblos en Betanzos vai ter toda a actividade relacionada coa nosa editorial. Tamén vai ter unha sala de conferencias e exposicións. Con ela, pretendemos ter actividade constante: conferencias, cursos, obradoiros, presentacións, exposicións, etc. Consideramos que abrir esta libraría será un revulsivo -ou unha achega máis- para o esforzo cultural que se fai en Betanzos”, sinalaba Tucho Calvo nunha entrevista en Praza.

Esa programación iníciase mañá e seguirá ao longo deste mes cun bo número de presentacións, funcións e mostras. Entre os actos previstos, destacan actuacións de contacontos como María Inés Cuadrado, que actuará o venres ás 12.30 horas; a presentación de 1989, novela do betanceiro Xabier López o próximo martes 20; a conferencia de Cesáreo Sánchez Iglesias sobre Irán o vindeiro luns 26, as presentacións dos libros Bícame Frank, de Miguel Anxo Fernández o día 27, El lejano reino de la Vía Láctea, de Ramón Loureiro o mércores 28, ou de Todos os días, de Alberto Ramos o día 30.

 

Ilustración de Xosé Tomás para a libraría © Xosé Tomás

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.