"Fasero censura a voz da cultura"

A manifestación, no seu inicio CC-BY-SA Alberto Ramos

"Fasero censura a voz da cultura", "Fasero dimisión", "CDG, solución xa", "censura tras censura, ensaiando a ditadura", "O teatro é noso, non dos morosos". Esas foron algunhas das consignas que hoxe ecoaron polas rúas de Compostela no transcurso da marcha convocada pola recén nacida Plataforma das Artes Escénicas. Centos de profesionais do sector secundaron a "mani-festa-acción" convocada para celebrar o Día Internacional do Teatro na que se reivindicou a importancia cultural das artes escénicas e se denunciaron as súas dificultades.

Os recortes, os atrasos nos pagamentos e o cesamento de Blanca Cendán, ex directora do Centro Dramático Galego (CDG), foron os grandes protagonistas dun acto que, máis alá das protestas ante a política teatral da Xunta, buscaba tamén concienciar a sociedade da relevancia do sector e os seus atrancos. "Non somos alleos á educación, á sanidade, ao naval. Os golpes da crise tamén nos afectan. Hai que apoiar as artes escénicas e este acto busca visibilizar a situación", sinalou a Praza Salvador del Río, presidente de Escena Galega, quen admitiu que para moitas compañías a situación é "estrema" e que as dúbidas cara ao futuro preséntanse como un dos grandes problemas.

"Non somos alleos á educación, á sanidade, ao naval. Os golpes da crise tamén nos afectan. Hai que apoiar as artes escénicas e este acto busca visibilizar a situación"

"O grave é a incerteza que temos neste 2012 e que se pode reproducir no 2013. Pedimos un diálogo coa administración, porque é certo que dependemos moito do sector público. Por iso precisamos un diálogo, que non se cambien as cousas dun día para outro e poidamos ter unhas mínimas previsións", sinalou Salvador del Río.

"O grave é a incerteza que temos neste 2012 e que se pode reproducir no 2013. Pedimos un diálogo coa administración"

Ante esa situación "estrema", a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Escena Galega, Danesga, a Salas de Teatro Privadas, a Asociación de Festivais de Artes Escénicas (Afearte), Asociación de Ilusionistas de Galicia (Asilga), a Unión de Marionietistas de Galicia (Unima Galicia) a Asociación Alumn@ da ESAD e Asociación de Profesionais do Circo de Galicia (AGAG) crearon --coas achegas e apoios da Asociación de Guionistas, a Revista Núa, Revista Galega de Teatro e a Asociación de Amigos do Teatro- a Plataforma das Artes Escénicas, nova entidade que reúne a gran parte das asociacións do sector e convocante da manifestación de hoxe polo Día Mundial do Teatro.

"Este Día do Teatro é unha xornada de sensacións contraditorias, é un día de celebración para as artes escénicas e no que buscabamos visibilizar o noso sector e o único que podemos celebrar é que presentamos a Plataforma das Artes Escénicas", sinalou Antonio Durán Morris, presidente da Asociación de Actores e de Actrices.

Os representantes encabezaron a marcha polas rúas de Santiago e leron o manifesto polo Día Mundial do Teatro ás portas do Salón Teatro, despois de que a Consellería de Cultura e Educación denegase o permiso para que o acto culminase na sede do Centro Dramático Galego, cuxa directora, Blanca Cendán, foi destituída o pasado venres. O motivo da citada destitución foi -sempre segundo a versión da propia Cendán- a cesión do espazo as asociacións. "Vémonos obrigados a celebralo na rúa. Iso si, todos xuntos por primeira vez. Quizais é algo que temos que agradecerlle as administracións", ironizou Morris.

"Vémonos obrigados a celebralo na rúa. Iso si, todos xuntos por primeira vez. Quizais é algo que temos que agradecerlle as administracións", ironizou Morris

 

"Desmantelamento cultural"

O manifesto da Plataforma das Artes Escénicas foi lido  polos representantes das asociacións e nel denunciábase a política de austeridade e a xestión cultural do Goberno de Núñez Feijóo. "Vivimos coa pavorosa sensación de estarmos inmersos nun claro desmantelamento cultural, provocado pola falta de ideas e plans de futuro, lexitimado agora coa máscara da crise. E imos calar? Non, non podemos", dixo Salvador del Río, o primeiro en ler o manifesto, ante os aplausos dos asistentes. O documento tamén recollía os obxectivos e intencións da nova plataforma, cuxa meta é aglutinar o conxunto das artes escénicas e visibilizar as súas circunstancias ante o público.

"Vivimos coa pavorosa sensación de estarmos inmersos nun claro desmantelamento cultural, provocado pola falta de ideas e plans de futuro, lexitimado agora coa máscara da crise. E imos calar? Non, non podemos"

"É o momento de xerarmos unha ferramenta de unidade, unidade dos distintos axentes do sector e unidade entre creadores e público. Xuntos contra aqueles que pretender facer da cultura elite, os mesmos que consideran o traballo un artigo de luxo ou unha vivenda, un privilexio. Porque a cultura nace do pobo e é para o pobo. O outro é espectáculo, circo mediático e bufonada faraónica", sinalaba un manifesto que concluíu cunha arenga colectiva: "Non renunciamos, nin renunciaremos nunca a que a arte, a cultura, transcenda a nosa condición humana cambiando humanidade".

Ás portas do Salón Teatro escoitouse tamén o manifesto internacional do Día do Teatro promovido pola Unesco e que este ano redactou o intérprete John Malkovich. Ademais, un voceiro da Asociación de Profesionais do Circo leu un manifesto propio para dar a coñecer a súa asociación, que naceu para ser "unha carpa común" e reivindicar que o circo é "un feito global en Galicia". Varios directores teatrais e actores recitaron fragmentos dos manifestos do teatro galego que cada ano se len nos Premios María Casares e cuxo autor, nesta edición de 2012, será Méndez Ferrín, segundo adiantou Morris.

Foi Braxe que pronunciou as críticas máis duras: "Pido a dimisión de toda a imbecilidade que nos goberna. Non podemos permitir que un recén chegado ao mundo de Talía tente rematar con todo"

Finalmente, autores como Xúlio Lago ou Lino Braxe, puxeron o broche ás lecturas diante do Salón Teatro con reflexións propias nacidas dende a súa experiencia. Foi Braxe que pronunciou as críticas máis duras: "Pido a dimisión de toda a imbecilidade que nos goberna. Non podemos permitir que un recén chegado ao mundo de Talía tente rematar con todo", proclamou no treito final dun acto que rematou como comezou: Con consignas en contra a Consellería de Cultura e Educación en xeral e contra Fasero en particular. "Fasero dimisión", "Fasero mentiroso dános o que é noso", escoitábase ante un Salón Teatro totalmente pechado.

O acto non se puido celebrar no interior do Salón Teatro, aínda que a manifestación finalizou nas súas portas CC-BY Alberto Ramos

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.