"O problema non é dar cartos, senón termos unha política audiovisual. E en Galicia carecemos dela dende hai moitos anos"

Así estaba o Torreiro de Cans na edición do pasado ano © Manuel Piñeiro

Cans fai dez anos e, a pesar das dificultades económicas e da redución das achegas da Xunta e do Goberno central, despregará do 22 ao 25 de maio unha programación variada e con estreas e figuras de primeiro nivel. Entre elas, algúns dos principais convidados que pasaron polo Torreiro da Festa na última década: Wyoming, Jorge Ilegal, Víctor Coyote, Juanma Bajo Ulloa, Manuel Manquiña, Tony e Elio dos Santos ou. Silvia Superstar. Unha décima edición que recoñecemento a todas as persoas que apoiaron esta idea, un tanto disparatada pero xenial, pero unha décima edición para ollar cara ao futuro e para pensar como será a segunda década do Festival de Cans.

Na programación destaca a estrea de Somos gente honrada, de Alejandro Marzoa, Toñito Blanco, só, perdido e vicioso, de Xacobe Sineiro e Nico Campos. E tamén de Encallados, de Alfonso Zarauza, dentro da sección "Primeiro test", un espazo no que se somete un filme sen rematar á valoración do público antes da súa versión definitiva. Haberá 21 curtas a concurso: 14 de ficción e 7 de animación, máis traballos ca nunca. E tamén se inaugura a sección “A que andas?” na que novos realizadores nos contarán en que proxectos están mergullados na actualidade. Outra das novas seccións é Cans Visibles, unha selección de curtas LGTB made in Galicia. Tamén haberá música, cunha vintena de actuacións de todos os estilos: rock, pop, folk, música lixeira, charanga... E recuperarase a Canastro Experience cun espectáculo de Víctor Coyote no Hórreo da Casa de Bugarín. Falamos con Alfonso Pato, director do festival.

Esta é unha edición de homenaxe e de autohomenaxe?

Pensamos esta edición do décimo aniversario como un encontro cos amigos do festival e tamén como un recoñecementos a todas aquelas persoas que se implicaron connosco cando Cans non era nada, como por exemplo Juanma Bajo Ulloa. Ou a Tony Lomba, que deu unha actuación brutal, e que a xente levaba anos pedíndonos que volvera. Ou o concerto no hórreo con Víctor Coyote, que non se pode facer moitas veces por temas de produción.

Que todos eles repitan é unha mostra diso que sempre se conta sobe Cans: que a xente sae máis que satisfeita?

Houbo xente que nos custou moito traer, como Isabel Coixet ou Fernando León. E cando por fin o trouxemos e xa marchaba para coller o avión, Fernando León chamoume dende o aeroporto moi emocionado dicíndome que fora unha experiencia incrible para el. Nós sempre tratamos de que a xente estea a gusto. Preferimos iso a ter tres mil persoas máis. E a xente é moi correcta cos convidados: moitos actores comentáronme moi sorprendidos como a xente os paraba con moita educación polos camiños e lles pedían facer unha foto con eles.

"Nós non reclamamos cartos porque si, senón porque cumprimos unha función social"

Haberá Cans 2013, pero dende logo foi un ano complicado sobre todo no económico, non si?

Foi un ano moi complicado. E, de feito, nos meses de novembro ou decembro eu tiña moita dúbidas de que o festival fose saír adiante. Entre os recortes dunhas administracións e a completa eliminacións das axudas doutras, como foi o caso do Ministerio, quedamos noqueados. E iso que hai xa algúns anos comezamos un plan para depender máis dos recursos propios e dos patrocinadores privados. E estámolo conseguindo: o 60% son recursos nosos fronte a unha achega pública do 40%. O que non quita que a administración ten responsabilidades, porque nós asumimos funcións que debería facer a administración, dende ciclos educativos cos centros de ensino, as axudas aos novos creadores ou a revitalizacións dos núcleos rurais. Nós non reclamamos cartos porque si, senón porque cumprimos unha función social.

"Está habendo un éxodo. Hai xente en Barcelona, en Nova York, en Londres... E están neses lugares pola súa iniciativa persoal, pero tamén porque en Galicia non hai oportunidades"

Primeiro as axudas á creación, agora aos festivais... Estase desmantelando o sector por partes?

Cans é un bo termómetro para medir a situación do sector: polas pezas que chegan, pola súa calidade... O que observo este ano é que entre as obras galegas a concurso en animación, a metade son de xente que está fóra. Está habendo un éxodo. Hai xente en Barcelona, en Nova York, en Londres... E están neses lugares pola súa iniciativa persoal, pero tamén porque en Galicia non hai oportunidades. Outro dato: das 21 curtas a concurso apenas tres ou catro recibiron axudas dalgún tipo. Até hai un par de anos a maioría dos autores tiñan axudas á creación e á produción. Pero o problema non é dar cartos ou non dalos, senón que a clave é ter ou non unha política audiovisual. E en Galicia carecemos dela dende hai moitos anos.

"Das 21 curtas a concurso apenas tres ou catro recibiron axudas dalgún tipo. Até hai un par de anos a maioría dos autores tiñan axudas á creación e á produción"

Pero o poblema non está na base, segue habendo moita produción por parte dos creadores... Falta esa axuda necesaria para consolidar o sector?

Vivimos o mellor momento creativo na historia no peor contexto que se puido dar. Hai diversidade e hai moita produción en todos os xéneros. Pero toda esa corrente non se canaliza como se debera. Hai que buscar fórmulas para que non se perda todo ese talento.

En calquera caso o audiovisual galego ben merece unha festa. E Cans serve como festa, pero tamén é xeradora de creación, de encontros, de novos proxectos...

A nós enorgullécenos moito que haxa proxectos de ida e volta. Que algúns filmes naceran aquí ou que Cans servira como punto de encontro para moitos creadores. Está o tema do Apóstolo, que en parte se xestou aquí e aquí coñecéronse o director e o responsable da súa música. Eu dígolles a moitos profesionais: vinde a Cans, porque hai xente que nin vos coñecedes entre vós. Neste ano fainos moita ilusión a presenza de Alejandro Marzoa, que gañou dúas veces o festival de curtas, e agora presenta unha longa. Isto fainos pensar que Cans é útil para os novos creadores.

"Concibimos esta edición como un encontro de amigos, pero tamén como unha oportunidade para repensar o Festival. Como o peche dunha primeira etapa e como o momento no que debemos pensar como debe ser a seguinte"

Que liñas debe seguir o festival na súa segunda década?

Nós concibimos esta edición como un encontro de amigos, pero tamén como unha oportunidade para repensar o Festival. Como o peche dunha primeira etapa e como o momento no que debemos pensar como debe ser a seguinte. E cremos que nalgúns aspectos debemos ampliar o foco. Imos entrar máis en contacto co Brasil e con toda a produción da lusofonía, porque é un campo moi interesante e porque pode que no futuro xa non abonde coa produción galega, se a cousa segue así. Nestes obxectivos enmárcase Cans Proxectaque serve para que se reúnan alumnos de Arquitectura e veciños da parroquia nun proxecto de recuperación da arquitectura tradicional. O obxectivo é que todo isto deixe pouso na aldea. Imos traballar moito tamén en cuestións coma a sostibilidade e a integración coa natureza. E debemos darlle unha estrutura máis sólida ao propio festival para cando non esteamos as persoas que formamos parte do equipo actual.

Alfonso Pato, segundo pola dereita, na presentación da camisola oficial desta edición © Festival de Cans
Presentación da programación de Cans 2013 © Festival de Cans
Os tres trebóns, na edición 2011 © Festival de Cans
Non só en Cannes hai alfombra vermella © Festival de Cans

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.