O "achado do século" na literatura medieval galega

Monteagudo, primeiro á esquerda, durante a presentación dos manuscritos © Xoán Crespo

Pasou demasiado desapercibido. Ou polo menos non tivo a repercusión que merece o seu achado. Hai tan só unha semana, o investigador Henrique Monteagudo presentou en Compostela En cadea sen prijon, un volume editado pola Xunta que recompila 23 poemas inéditos da lírica galega postrovadoresca do século XV, localizados polo experto Gabriel Quiroga nun arquivo privado e con características definitorias que nunca foran vistas na poesía galega medieval.

"É un dos descubrimentos máis importantes no eido da filoloxía galego-portuguesa das últimas décadas", di Monteagudo

"É un dos descubrimentos máis importantes no eido da filoloxía galego-portuguesa das últimas décadas; se non aparecen textos medievais novos -oxalá aparezan, pero desgrazadamente non é moi probable-, será o achado do século na literatura medieval galega", di con contundencia o sociolingüista, profesor da USC e secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo sobre uns documentos atopados no arquivo privado da familia de Pilar Iglesias, que foron escritos entre 1380 e 1434 en Ferrol, que semellan "relacionados coa casa de Andrade", segundo se deduce dunha dedicatoria, e que son atribuídos ao autor Afonso Paez.

"O mérito do achado débese fundamentalmente aos profesionais do Arquivo de Galicia, Dolores Pereira Oliveria e Gabriel Quiroga", aclara Monteagudo, que accedeu aos textos logo da "sorpresa" de Quiroga ao atopar estes versos "no medio dunha colección documental dunha familia de Lugo". "Cando me puxen a lelos comprobei que eran totalmente inéditos, calculouse a data e lugar da copia (Ferrol, 1434) e deime conta axiña de que estabamos ante un manuscrito extraordinario, dun valor excepcional", explica.

A propietaria do fondo, Pilar Iglesias Osorio, deu todo tipo de facilidades para a reprodución fotográfica e autorizou a publicación. A Dirección Xeral de Cultura da Xunta, da que depende o devandito Arquivo, tamén se decatou da importancia da descuberta e coincidiu na conveniencia de editar os textos cando antes. De aí a súa presentación de hai tan só uns días.

O achado é histórico para Galicia, pero tamén para Portugal e para a historia literaria peninsular

O achado é histórico para Galicia, pero tamén para Portugal, xa que alí "practicamente non existen testemuños poéticos desde 1350 ata a metade do século XV". Ademais, segundo Monteagudo, o descubrimento é tamén moi relevante para a historia literaria peninsular, pois "dunha banda non existen moitos manuscritos (tampouco en castelán nin en catalán) como o que acaba de vir á luz, e doutra banda, o tránsito da poesía lírica ou cantada á recitada, sobre o que estes textos botan luz, é un proceso complexo e aínda envurullado na confusión".

 

Por que é un achado tan importante?

A importancia do descubrimento de En cadea sen prijon é difícil de asimilar para quen non é experto, pero Henrique Monteagudo deita luz sobre o que supón o achado destes textos únicos. De feito, ata o de agora en poesía medieval tan só se tiñan, dunha banda, "os cancioneiros galego-portugueses -que globalmente só chegan a 1350 e que para o século XIV ofrecen basicamente testemuño da lírica que se desenvolveu en Portugal-", e por outra banda o chamado cancioneiro galego-castelán, "que depende fundamentalmente do Cancionero de Baena e que cobre o período entre 1350 e 1420 aproximadamente, con algúns escasos exemplos máis de textos da primeira metade do século XV recollidos noutros cancioneiros casteláns".

O achado demostra que o cultivo poético do galego seguiu desde a metade do XIV e que en galego tamén se tentou o paso da poesía cantada á recitada

Xa que logo, pensábase que "desde a metade do século XIV o cultivo poético do galego decaera, languidecendo nas cortes castelás (sobre todo, dos primeiros Trastámara) e da man de autores non galegos (Villasandino, Gerena, Mendoza, etc.)". "A decadencia do cultivo do galego asociábase á emerxencia da poesía recitada, que viña substituír á cantada", aclara Monteagudo, que lembra que os autores da líreica galego-portuguesa  eran trobadores que compuñan o texto e a música das cantigas. Arestora, con este achado, vemos que o cultivo poético do galego seguiu, aparentemente tamén nas cortes nobiliares galegas (a referencia a Diego de Andrade na marxe dun texto así parece indicalo) e que "en galego tamén se tentou o paso da poesía cantada á recitada, ao menos nas primeiras décadas do século XV".

O manuscrito que agora se publica "mostra moito máis fielmente como era o galego literario de comezos do século XV

Ademais, o feito de que os versos estean escritos en galego xa é, en si mesmo, unha novidade excepcional. E éo porque os textos da escola galego-castelá, transmitidos polo Cancionero de Baena e outros copiados fóra de Galicia, están moi deturpados. "Nalgúns casos, podemos reconstruír a forma orixinal galega, pero noutros casos isto é dubidoso, pois compróbase que un certo hibridismo galego-castelán é constitutivo da maior parte deles", engade Monteagudo, que destaca que o manuscrito que agora se publica "mostra moito máis fielmente como era o galego literario de comezos do século XV, cunha lixeira pegada do castelán, pero fundamentalmente galego".

"Era un galego evoluído, claro está, en relación coa lingua dos cancioneiros galego-portugueses, mais tamén que se nos presenta sen a mediación lusitana que se aprecia no Cancioneiros da Vaticana e Colocci-Brancuti (ou da Biblioteca Nacional), como dependentes que son do Livro das Cantigas compilado polo Conde de Barcelos por volta de 1350", explica o experto, que cre que, dalgún xeito, "como o cancioneiro da Ajuda e o pergamiño Vindel", este cancioneiro "preséntanos o galego poético escrito no seu feitío real, sen fortes mediacións nin castelás nin portuguesas".

Así, Monteagudo salienta o "interese excepcional" da composición piadosa, de 103 versos, que responde a unha tradición totalmente distinta ás Cantigas de Santa María. "Trátase dunha especie de confesión dunha persoa ao final da súa vida, e responde a unha tradición específica de cantigas de contrición", explica o profesor, que ten "a certeza" de ese poema "pasará a todas as antoloxías da literatura galega".

"Se o descubrimento se referise a textos en castelán, portugués ou catalán, tería maior difusión e recoñecemento público"

Malia a importancia do achado, Monteagudo cre que non tivo a repercusión que merecía. "Estou convencido de que se ese descubrimento se referise a textos en castelán, portugués ou catalán, tería maior difusión mediática e recoñecemento público", di, tras insistir en que se trata dunha descuberta "de valor excepcional para a lingua, a literatura e a cultura galegas".

"Ás veces os medios de comunicación salientan novas de escasa relevancia ou aspectos escabrosos das cousas e non saben dar o destaque debido a outras cousas", asegura Monteagudo, que cre que este é un fenómeno que "pasa  moito cos asuntos culturais, e moito máis se se refiren ao galego". "A sociedade galega ten que tomar conta do inmenso valor, material e inmaterial, que supón ter unha tradición cultural e unha lingua propias", engade.

Agora, e malia a difusión e publicación dos textos, Monteagudo aposta por volver sobre eles e "afondar no seu estudo", polo que proporá convocar un simposico con especialistas en lírica peninsular de finais do XIV e primeiros do XV. "Agora xa poderán dispor da edición e estudo preliminar, e seguro que dese re-exame en profundidade saen novidades importantes, cunha avaliación máis coidadosa e probablemente tamén con correccións ao meu traballo, que loxicamente serán benvidas", remata o investigador que cre que, en todo caso, as novidades "non afectarán ao fundamental do achado".

© Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.