"A perda do Sónar sitúanos na realidade das cousas: o underground e o traballo de base, nada novo"

A primeira edición do Sónar Coruña, en 2010 CC-BY-NC-SA Berto García

A música electrónica goza de boa saúde en Galicia, no creativo, con ducias de produtores, dj's e bandas moitas veces máis escoitadas e aprezadas máis aló do Padornelo, e tamén grazas a unha pequena pero crecente estrutura de difusión e distribución, redes que permiten que os creadores e afeccionados se coñezan e traballen xuntos. Hai dous anos espertamos un día coa noticia de que o Sónar barcelonés celebraría un festival na Coruña, unha fenomenal oportunidade para escoitar o mellorciño da escena internacional, que se repetiu un ano despois. E xa. Neste 2012, pechada a billa das axudas públicas, o festival non se celebrará en Galicia, e si en São Paulo, Tokyo, Cidade do Cabo e Barcelona.

Para Isaac González (Sak), responsable de Radioceánica, o programa de novas músicas que se emite os domingos á noite en Radiogalega Música, as dúas edicións do Sónar celebradas en Galicia “significaron que un dos mellores festivais de música electrónica do mundo estivo na Coruña, poñéndoa a carón de Barcelona, Tokio, Chicago ou São Paulo. Foi unha oportunidade de ouro para os artistas, o público galego e a industria (ou como se lle queira chamar)”. Para Sak, “aproveitouse na medida das posibilidades e con certa sensación de excepcionalidade ou de curta duración, aínda así houbo moita ilusión e moi bos momentos nos dous anos. O director do Sónar, Ricard Robles, comentou en Radio Oceánica que chegaban a Galicia con vontade de establecerse, e estou seguro que así foi, pero no segundo ano non se chegaron ás condicións mínimas de público e patrocinios”.

De igual xeito, para José Antonio Sanjurjo, creador do grupo Electrónica Galega, a celebración do Sónar “significou que tiñamos a música de vangarda na nosa terra, outra cita onde poder canalizar fontes de inspiración. Creo que no momento que aterrou o Sónar en Coruña era un momento no que Galicia contaba cun bo panorama de festivais, con varias citas ineludibles na súa axenda. Todo este tipo de eventos tamén serven para impulsar o traballo que fai a xente desde aquí e lle dan visualización e un empurrón as súas carreiras. Debido á crise isto freouse pero creo que deixou pegada nos djs e produtores galegos”. A perda do festival, para Sak, “quítanos esa beizón que nos chegou do Sónar e sitúanos na realidade das cousas, isto é, o underground e o traballo de base, nada novo. Foi bonito mentres durou”.

Para Sak, os retos máis urxentes da música galega sitúanse na comunicación e na difusión: ”Hai música e hai público, as estruturas amóldanse e os casos de éxito no eido da comunicación musical apoian isto”. Preguntámoslle a Sak se o uso do galego limita a difusión da música, unha cuestión que nalgún momento se puxo enriba da mesa, de xeito explícito ou implícito. Sak responde preguntándose “Cantos grupos galegos que cantan en inglés teñen grande acollida fora? E españois? E portugueses? Creo que hai unha obsesión coa lingua na que se canta, que resulta paradoxal nun país no que na radio a metade das cancións son en inglés e a maioría da xente non as entende.

 

Moito nomes entre os que escoller

Hai uns meses presentábase Nova escena galega, un documental do ordense Marcos Sánchez, que realiza un percorrido polos productores e realizadores máis destacados das provincias de Lugo e A Coruña, achegándose a nomes tan importantes como Fernando Mesa, Jandokán, Tacca, Óscar López, AGM&Quintrix, Electronic Operators e Lefrenk. Os responsables deste traballo inciden na idea da importancia e relevancia que a producción galega está a ter no ámbito nacional e internacional da música electrónica. Como é habitual nos netlabels o traballo é de descarga libre, legal e gratuita a través da súa web, Moucho Electronic Netlabel, unha páxina que permite ver o bo nivel da electrónica galega. 

Para José Antonio Sanjurjo, en Galicia “hai bo nivel en calquera dos estilos dentro da electrónica, hai xente de renome e, incluso, produtores ós que fóra (Centroeuropa, especialmente) valoran máis os seus traballos que aquí. A mágoa é que as grandes salas e programadores culturais non aposten tanto polo autóctono”. En canto á escena electrónica galega, Sak láiase de que “a situación semella seguir coma sempre, a noite e o baile son latinos na grande maioría de locais, nunha uniformidade que eu non logro comprender. E no musical propostas interesantes hai en calidade e número ben superior do que cabería esperar da situación”. Entre os seus favoritos, cita a 6PM, Colectivo Oruga, Projecto Mourente, Zimmer103, Projecto Trepia ou Fluzo (e todo o que toca o Hevi) na parte máis híbrida da electrónica, e Dr Think (incluido Telémaco e a Safari Orquestra), eMe DJ, Cora Novoa ou Woyzeck como os Djs/produtores dos que gosta máis.

Pola súa banda, Sanjurjo di que lle gusta  “case todo” e enumera un bo feixe de produtores galegos: “encántame a vertente máis comercial que fan os The Prieto Brothers, dende Ourense, en Arteixo David Voxx ou Slevin, dende Pontevedra. Tamén é moi destacada a electrónica experimental de The magnetic Project ou Esperando por Hache, de Compostela. E dende A Coruña os AGM & Qüintrix, Lefrenk e Frances Lerouge, sen esquecernos de Fernando Mesa e Dr Think, de Lugo. Destaco tamén a Dimension e Iris Deejay que son uns grandes da múscia Trance en toda Europa. Ademais, Decepticons, un par de chavales de Santiago que producen dubstep e electro cunha calidade de moito nivel”.

 

Un xénero cada vez máis permeable

As fronteiras entre a música electrónica e outros xéneros van diluíndose, tamén a posible fenda que nalgún momento puido existir entre moitas persoas que escoitaban moitos estilos de música, pero que rexeitaban este. Sak salienta que “en moitisimas cancións que saen na MTV (nos poucos momentos que poñen videoclips) non se escoitan guitarras, é dicir, a música electrónica está xa por todas partes se somos estritos. Se falamos do xénero música electrónica, penso que as fronteiras seguen a diluírse aos poucos, seguindo a traxectoria dos últimos anos e a tendencia actual de que hai menos distancia e mais mistura entre os xéneros musicais. Se ata hai carpas tecno en Ortigueira!”, conclúe.

Para Sak, “non se chegou a ese futuro que algúns prevían, no que co nivel e expansión social dos computadores entraríamos nunha época na que os esquemas clásicos do pop e do rock serían superados; máis ben abríronse camiños híbridos ou novos, situados en paralelo aos estilos clásicos, que acadaron maior ou menor suceso no seu tempo”. Entre as propostas que máis lle gustan, cita a Burial, Four Tet, Junior Boys, M83, Cut Copy ou The Field.

2manydjs na Coruña en 2010 CC-BY-NC-SA Berto García

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.