Alonso Montero e González achegan posturas para unha lista unitaria á RAG

Fachada da Real Academia Galega © CCG

O que parecía unha quimera xa non o é tanto. O que se presumía como unha loita electoral polos votos dos académicos de cara ao plenario do vindeiro sábado 20, onde se elixirá a nova executiva da Real Academia Galega (RAG), podería acabar coa presentación dunha única lista unitaria e coa elección de Xesús Alonso Montero como presidente. Iso é o que se está a negociar xa entre as dúas candidaturas, a do catedrático vigués e a do tesoureiro Manuel González, logo de que nos últimos días ambas as dúas partes deran por practicamente imposible o pacto.

As listas de Alonso Montero e Manuel González manteñen contactos formais desde o luns para chegar a un acordo

Así o recoñeceu a Praza o propio Alonso Montero, que asegurou a Praza que desde o pasado luns á tarde ambas as dúas candidatura están a achegar posturas para presentar esa lista unitaria pola que devecían a inmensa maioría dos académicos logo da dimisión de Xosé Luís Méndez Ferrín. "As cousas non están en mal camiño desde que mantivemos ese primeiro contacto", di. Foi unha primeira conversa formal tan só unhas horas despois de que Manuel González asegurase en rolda de prensa que non houbera "ningún sinal de achegamento" por parte da candidatura rival para intentar un pacto.

"Formais non os houbo, pero si informais, ademais de numerosos ofrecementos a través da prensa, así que por iso non ía quedar", aseguran a Praza fontes académicas achegadas á candidatura de Alonso Montero. Foron membros da lista do catedrático vigués os que deron o paso. Manuel González, que recoñeceu que perdera apoios desde que anunciara a súa candidatura á presidencia, semella agora disposto a un pacto. "Agora sei que non teño o apoio maioritario; todo o mundo ten dereito a cambiar de opinión", recoñeceu o pasado luns.

Alonso Montero cedería dous postos na súa lista á outra candidatura, pero a súa presidencia é innegociable

A case segura vitoria de Alonso Montero, que semella contar con máis apoios de cara ao plenario do sábado, fixo que González aceptase unha negociación para chegar a un acordo que aínda non é seguro. As condicións da lista do catedrático vigués son claras: a presidencia é innegociable, pero cederíanse os dous postos vacantes da candidatura a dúas persoas propostas polo equipo de Manuel González. Aínda que con matices. "Non calquera das propostas por eles porque hai persoas que teñen unhas implicacións que outras non teñen", aclara Montero. Segundo fontes académicas, a condición sería que, preferiblemente, non se incluísen na listaxe definitiva académicos que formasen parte de directivas anteriores.

"As cousas van por bo camiño", engade Alonso Montero, que cre que conseguir unha lista unitaria sería o ideal para que a RAG traballase "a partir do día 20 cunha certa cohesión e cun espírito de unidade". Malia todo, non é aínda seguro que Manuel González acepte o pacto. Os contactos seguirán este mércores, xusto despois de que os dous candidatos participen nun debate na TVG, pero poderían dilatarse ata, cando menos, o vindeiro xoves. Será entón cando quede claro se os académicos terán que dividir o seu voto ou se unha única lista se presenta na sede da rúa Tabernas da Coruña.

 

Xesús Alonso Montero © Editorial Galaxia
Manuel González, nun acto na RAG © RAG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.