González aposta por unha RAG "continuísta" que "non cambie de rumbo"

Manuel González, nun acto na RAG © RAG

Manuel González vén de presentar oficialmente a súa candidatura e o seu programa á presidencia da Real Academia Galega (RAG) apostando por unha "liña de continuidade" co último mandato de Méndez Ferrín e por unha executiva que afonde "no camiño andado e na dirección seguida". "A Academia non precisa un cambio de rumbo, senón camiñar pola senda marcada", asegurou o candidato e tesoureiro no último mandato, en clara referencia ás supostas necesidades de cambio ás que alude a outra lista, a encabezada por Xesús Alonso Montero.

"A Academia non precisa un cambio de rumbo, senón camiñar pola senda marcada"

"Non existe razón para cambiar o rumbo", deixa claro González no programa repartido aos medios, unha idea na que incidiu nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polos outros dous membros da candidatura, Francisco Fernández Rei e Xosé Luís Regueira, e á que tamén asistiron académicos como Manuel Rivas, Barreiro Fernández, Xosé Luís Axeitos ou Luz Pozo Garza.

Manuel González fixo unha firme defensa do paso de Méndez Ferrín pola Real Academia e da evolución que a institución levou a cabo nos últimos anos. Así, e aínda que asumiu como necesarios "cambios e reformas", tamén advertiu de que non se pode "tirar pola borda" todo o acadado nos últimos tempos, entre o que citou o achegamento da RAG á sociedade, a súa modernización ou a decidida defensa da lingua galega, tamén a través dos recursos xudiciais.

González di que "non houbo sinal ningún de achegamento" por parte da outra candidatura para lograr unha lista conxunta

Ademais, González asegurou que "non houbo nin o máis mínimo sinal de achegamento" por parte da outra candidatura para conseguir unha lista de consenso, razón pola cal -e malia que esperou "ata o último momento"- tardou en oficializar a súa candidatura. "Non hai vontade de chegar a acordo", insistiu, a pesar de que insiste en "deixar aberta" a posibilidade dun pacto de última hora que non ve posible. "Non son optimista", engadiu, logo de explicar que intentou un acordo na pasada semana a través dunha xuntanza privada cos membros do plenario da RAG.

"Algúns negáronse a vir argumentando que o que eu pretendía era un acto electoral, mentres que outros puxeron desculpas para non acudir", explicou, tras aclarar que foi "o fracaso" deste último intento de acordo o que o decidiu a presentar este luns o seu programa. "Non fun pedir o voto a ninguén", afirmou, tras recordar que estaba disposto incluso "a negociar a presidencia", en contra da negativa de Alonso Montero neste aspecto. 

O candidato asegura que intentou un acordo a semana pasada e di que Alonso Montero lle asegurara que era moi difícil que se presentase

Ademais, advertiu que logo de anunciar que optaría á presidencia da RAG falou con Xesús Alonso Montero, o outro candidato, que segundo González lle asegurara que as súas posibilidades de presentarse "eran mínimas". "Cifrounas nun 10%", engadiu. "Se eu soubese que se estaba xestando outra candidatura, non tería anunciado a miña antes de falar cos outros promotores", xustificou, tras aclarar que no momento de anunciar que optaría á presidencia "contaba co apoio da maioría absoluta do plenario". "Agora sei que non teño o apoio maioritario; todo o mundo ten dereito a cambiar de opinión", manifestou, non sen antes amosar a súa "tristeza" polo feito de que algún académico lle advertise do seu cambio de postura "malia que seguía pensando o mesmo" que antes.

No mesmo sentido, negou a posibilidade de que algún dos membros da candidatura rival ocupasen as dúas prazas vacantes que quedaron en ambas as dúas candidaturas logo da votación do plenario do vindeiro sábado 20. "Non é posible porque antes de votar tense que presentar unha lista íntegra da xunta", lembrou, tras criticar tamén algunha declaración da outra lista que aspira á presidencia. "Non se pode aspirar á RAG dicindo que non se pode vir dous días á institución e non se pode dicir que non se presenta programa porque xa existen os estatutos", censurou.

Na súa defensa da anterior executiva, e tras a dimisión de Ferrín, González criticou a "tremenda demagoxia e as medias verdades" que saíron na prensa "con non sei que intención". "Todas esas cousas que se dixeron non trouxeron nada bo á Academia", insistiu, tras negar que houbese "ningún tipo de nepotismo" na RAG. "A política de contratación era a que era e nunca se sacaron a concurso público as contratacións; igual a sociedade agora así o esixe e fun eu mesmo quen propuxo xa un protocolo de contratación para a institución", defendeu.

Do mesmo xeito, censurou a aqueles que intentaron ver no uso dun automóbil cedido pola Xunta algo inmoral ou ilegal. "O uso dese coche cedido pola Xunta permitiu o aforro duns 12.000 euros ao ano", defendeu, tras apostar pola "transparencia" en todos os ámbitos da institución, tamén no económico.

"A RAG non debe ser condicionada por ningún axente externo", dio candidato, que defende a "independencia" da Academia "doutras institucións"

Por outra banda, e en canto ás críticas do propio Méndez Ferrín, que situou a Academia "en perigo" tras a súa dimisión, González defendeu "a independencia" da RAG tanto das administracións, como do poder político, pero tamén "das outras institucións culturais e da lingua". "A RAG non debe ser condicionada por ningún axente externo", insistiu, aínda que defendeu unha "colaboración" co Consello da Cultura, o ILG ou a AELG, ademais de con outras academias da lingua do Estado.

Ademais, tamén aclarou que "non se pode garantir a independencia se non hai independencia financeira" e destacou o feito de que a RAG conseguise que o Estado achegue, agora si, unha cantidade fixa á institución, aínda que censurou o "tratamento insatisfactorio e discriminatorio" que a Xunta lle dá á Academia galega en comparación con outros gobernos autónomos. "Non temos unha asignación fixa, nunca estamos seguros e temos que negociar ano a ano", criticou, tras lembrar que mentres que as administracións cataláns ou valenciás achegan 6 e 3,2 millóns de euros ás súas institucións da lingua, o Goberno galego "tan só achega medio millón".

González defende manter o recurso contra o decreto no Supremo e non descarta chegar á UE

En canto ao recurso de casación presentado pola RAG ante o Supremo contra o decreto do plurlingüismo, González defendeu "manter ese recurso", pero advertiu que non descarta "acudir a instancias europeas" para defender a lingua galega porque "é unha obriga" da institución. "Retiraremos o recurso cando se dean pasos para un acordo semellante ao Plan Xeral de Normalización Lingüística ou para unha protección real do idioma", concluíu.

Manuel González, nun acto na RAG © RAG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.