Impulsan un manifesto en defensa das editoras en galego

Libraría no Culturgal © Culturgal

Está circulando pola rede un manifesto en defensa das editoras en galego impulsado por Héitor Picallo, que recolle sinaturas de apoio até este xoves. O texto lembra o peche recente d'A Nosa Terra e alerta sobre novas desaparicións de selos históricos. E reivindica: "Queremos vida onde ten que habela, entre a letra e os seus espazos, entre o son e a escrita, no pano do teatro e na ringleira de carácteres". Di así:

 

E hoxe –mentres os ladros de ilusións e normalidades reclinades as vosas cabezas nos acolchados diváns, a golpe elástico do tirante de don Celidonio– tócanos pór a man no peito e escoitar o latexo da máquina comunitaria, con sinceridade e dor ao unísono. A nosa vida comeza a fallar, o motor de arranque axustouse ao trebello pero este non carbura: a explosión na buxía cultural apenas sincroniza co avance das mentes políticas, baixa o pistón e a biela non se move.

A explosión na buxía cultural apenas sincroniza co avance das mentes políticas, baixa o pistón e a biela non se move

Prefire don Celidonio –man no bandullo– as empresas de lonxe, e os nosos artesáns da escrita perden medios de difusión,… Pecha o papel de prensa en galego, botan o fecho tamén algunhas editoras (A Nosa Terra liquida as súas existencias, as nosas re-existencias dende a memoria e a certeza), outras mantéñense sobre o arame –temerosas– e debaixo non hai rede para illalas do baleiro. Actrices e actores piden “cidades para a cultura”, músicos e artistas buscan papel e partitura para as súas voces. Non se baixa a claqueta do cinematógrafo nin se ergue o pano, non se respectan as vangardas musicais de noso e tampouco o folclore do país. Unicamente ouvimos riseiras, gargalladas e arroutos dende as gorxas que engolen a nosa voz sen atragoarse.

Xa sopra sen buguina o verso desacougante de Espiral Maior. De momento fica en puntos suspensivos a súa existencia. Mais,… quedarán xanelas para a esperanza? Cando deixarán de nos roubar o brillo e a fachenda? Cando? Cando a cor do horizonte será nosa na liña dun verdadeiro “progreso”?

Don Celidonio “ten as fazulas hipertrofiadas, da cor do magro do xamón”,…

Quen é capaz de comprender a historia da lírica galega dos últimos vinte e cinco anos sen esa espiral maior de autoras e autores? Sen ese labirinto de títulos e ese mosaico de estrofas e versos libres? Libres,… libres sodes para nos exterminar, para nos sacardes o pan da boca e darllo ao que máis devora e infla o bandullo. Libres,… libres sodes para nos introducir nun role-playing game no que non haberá vítimas humanas –iso coidamos– pero do que nacerán cadáveres entre as primaveras de Cunqueiro.

Quen entende o ensaio de ideas sen Laiovento e o ensaio histórico sen Toxosoutos?

Quen entende o ensaio de ideas sen Laiovento e o ensaio histórico sen Toxosoutos? Quen saborea dozura cando esas e outras enormes “pequenas” editoriais poden –se cadra– fechar mañá as cancelas das súas vidas? Estamos de rebaixas,… ou en LIQUIDACIÓN por peche? Deberase preguntar en “industria”, en “cultura”, en “lingua”, no INEM,… Igual son eles os nosos xefes e nós non nos decatamos,… Igual a patronal ideou a deslocalización da nosa cultura para chantala sen regadío no país de ningures.

Don Celidonio “é igual por dentro ca por fóra: carne e espírito son a mesma zorza”.

Espiral Maior continúa co peche do círculo, co peche de ciclo, co cadeado e co grillón que nos resta pés para andar por camiño seguro e vieiros de antano,… polas liñas da certeza e do acerto, polos versos do compromiso e da lealdade a este recuncho do Atlántico, baluarte da nosa historia e da nosa identidade. Perdón, desculpen logo,… sentímolo moito, mais por aquí non rendemos preitesía, nin bicamos mans, nin pousamos o xeonllo en terra para sacarmos o chapeu e saudar ao amo… A reverencia só é para a Palabra, que se verte libre en torrente e manancial de saúde dende o maxín até a tórculo, dende a man que comeza a escrita até a letra impresa. Só guindamos caraveis á lingua de noso, á voz de antano, ao namoro do galego, ao amorodo nos beizos ao saborear os 150 anos dos Cantares de Rosalía.

Queremos vida onde ten que habela, entre a letra e os seus espazos, entre o son e a escrita, no pano do teatro e na ringleira de carácteres

Don Celidonio: “adubo de ourego e pemento”.

Queremos medios para sermos nós, e non medos, nin remendos, nin remedios,… Queremos vida onde ten que habela, entre a letra e os seus espazos, entre o son e a escrita, no pano do teatro e na ringleira de carácteres. Queremos ser núcleo e cerna, trabe e alicerces do paraíso, e escorrentar de vez os que non aman esta Terra porque non a senten dende as veas e dende o peito,… Hai pantasmas no castelo e nós non temos medo.

Seredes culpábeis dos vosos actos.

Seredes responsábeis de abrir a gabia e o nicho.

Seredes furtivos da palabra, homicidas da linguaxe e ladróns. Iso, ladros e ladras da alma comunitaria.

Seredes o que hoxe sodes e do que mañá quizabes vos arrepentiredes.

Seredes o que hoxe sodes e do que mañá quizabes vos arrepentiredes

Seredes,… E por iso para nós non sodes presuntamente inocentes.

Seredes,… unicamente fedor, fenda e ferida; loito, pranto e inxustiza.

 

Marzo de 2013, cumpríndose 90 anos de ser elixido Afonso D. Rodríguez Castelao como Director Artístico da revista Nós e a 80 de se crear –xunto con Vascos e Cataláns– o pacto Galeusca

 

Libraría no Culturgal © Culturgal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.