Uns María Casares repartidos reivindican que “cando a realidade é brutal só nos pode salvar a ficción”

A gala dos Maria Casares no 2013 © Gabriel Tizón

Os María Casares son todos os anos un escenario para a crítica e denuncia, tanto da situación do sector das artes escénicas coma doutras problemáticas sociais. Os profesionais do teatro galego levan meses protestando, nas rúas, en asembleas improvisadas e mesmo na Cidade da Cultura. Díxose todo e este mércores volveuse dicir, aínda que a mensaxe máis importante que lanzou a gala foi máis de afirmación que de queixa, de futuro máis que de pasado. O discurso de Toño Casais, Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) foi breve e directo: “Vivimos un desmantelamento dende o 2010. Estamos coa auga ao pescozo e temos a impresión de que alguén nos pon o pé na cabeza. Cando a realidade é brutal só nos pode salvar a ficción”.

Casais lembrou que o ano 2012 fora “moi duro para a profesión”, polo aumento dos “recortes nas axudas á produción e á distribución” , polos “atrasos nos pagamentos” e cunha moi notoria caída no número de funcións. “E cando pensabamos que todo o malo podería ter pasado xa, atopámonos cun 2013 absolutamente desastroso”. E tamén fixo un chamamento de unidade, xa que “entre todos podemos sacar adiante a situación”. “Pero antes teñen que deixar de vernos coma un problemal. Non o somos. En realidade, somos parte da solución”. 

Os María Casares obrigan decote tamén aos responsables da xestión cultural do Goberno galego a enfrontarse, ou cando menos asistir en primeira fila, a este rosario de críticas. Jacobo Sutil, nomeado finalmente como novo director de Agadic, foi o branco das demandas duns profesionais que están fartos dende hai moito tempo. "Ten experiencia? Si, na construción. Un sector con futuro", foi un dos chistes que se escoitou nunha noite na que tamén a Cidade da Cultura foi necesaria protagonista: "Puxeron unha bomba no Gaiás. Debemos desactivala, pode haber xente (risos)".

Ánxeles Cuña chamou á loitar unidos: "Contra a desesperanza, resistencia"

Pero entre as bromas, os momentos determinantes chegaron cando unha premiada Ánxeles Cuña chamou á loitar unidos: "Contra a desesperanza, resistencia". Santiago Cortegoso resumiu a situación dos actores, como "metade mendigos, metade putas". E Pilar Pereira, que recolleu o Premio de Honra Marisa Soto, ofreceu os seus "folgos" e pediu que "non nos deixemos avasallar por este ataque de mediocridade". Puidéronse ver moitas camisolas de Cultura contra a Mentira, ás que fixo referencia Marián Bañobre: "Somos os encargados de dicir a verdade, por iso dámoslles tanto medo". Bañobre tamén reivindicou que "isto é un oficio", polo que lle dedicou o premio "a todos os traballadores, sexan do metal funcionarios ou actores".

Os premios estiveron moi repartidos. Tokio3, de Voadora, levou cinco premios. Viaxe a ningunha parte, de Sarabela Teatro, obtivo tres, mentres que o premio ao mellor espectáculo foi para Nuncabunga, de Elefante Elegante

Os premios estiveron moi repartidos. Tokio3, de Voadora, levou cinco premios. Viaxe a ningunha parte, de Sarabela Teatro, obtivo tres, mentres que o premio ao mellor espectáculo foi para Nuncabunga, de Elefante Elegante. En canto aos gañadores individuais destaca Marta Pazos, premiada como como escenógrafa e como directora por Tokio3. Emocionada ao recibir este segundo galardón, destacou "o pracer desta profesión, por iso este premio é tan importante". Tamén destaca o premio ao mellor texto orixinal, que levou Santiago Cortegoso por Pequenos actos pseudorrevolucionarios... En canto ás interpretacións, Xosé Manuel Olveira Pico (Kafka e a boneca viaxeira) e Marián Bañobre (Pequenos actos pseudorrevolucionarios) foron os mellores actor e actriz. E Luisa Merelas (A función do Tequila) e Víctor Mosqueira (Galicia Canibal) os mellores secundarios.

Os responsables de Nuncabunga dedicaron o premio "a todas as compañías que fan teatro infantil" e tamén "aos que loitan polo teatro do futuro, á xente que estuda arte dramática ou na ESAD". Un premio que como boa parte da gala mirou cara ao futuro e que amosou que o teatro galego está moi vivo.

 

“O teatro fainos seres libres”

O presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez, foi o encargado de ler o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro. “Se facemos memoria dos últimos corenta anos, a biografía do teatro galego é a biografía da cultura galega. No devir do teatro galego está insculpida a biografía deste pobo de noso”, di Cesáreo Sánchez no seu manifesto. No documento, Cesáreo Sánchez tamén destaca que “o teatro fainos seres libres”. 

Toño Casais, presidente da AAAG, na gala © Gabriel Tizón
Marta Pazos recolleu dous galardóns © Corsino
Pilar Pereira © Corsino

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.