O Parlamento aproba paralizar de vez as obras da Cidade da Cultura

Espazo que ocuparían os edificios pendentes CC-BY-SA Merixo

A Xunta paralizará definitivamente as obras dos dous edificios pendentes de construción na Cidade da Cultura. De seguir a recomendación da Cámara, o Goberno galego procederá á paralización de vez destes dous inmobles do Gaiás -Centro de Arte Internacional e Teatro da Música- e será posible logo de que o PP apoiase un punto da moción presentada polo grupo do BNG no pleno do Parlamento e que tamén apoiou AGE, mentres que o PSdeG se abstivo. O Executivo decidira deter provisionalmente as infraestruturas por mor da crise como mínimo até 2014.

O PP apoiou a petición do Bloque, ao igual que AGE, mentres que o PSdeG abstívose

Foi a deputada do Bloque Ana Pontón a que presentou unha moción na Cámara na que se instaba á paralización definitiva dos dous edificios pendentes de construír na Cidade da Cultura, así como a avaliación do impacto económico, social e cultural do Gaiás. Malia que o PP rexeitou a proposta completa, si votou a favor do primeiro punto da moción, que foi tramitado de forma independente e no que se insta o Goberno galego a que inicie os trámites para poñer fin ás polémicas obras no monte Gaiás.

O PSdeG abstívose porque di que a paralización definitiva suporá 18 millóns en indemnizacións, pero Caballero apoia a decisión do Parlamento

O socialista  Francisco Caamaño, na súa intervención, xustificou a abstención e avogou  nunha emenda pola paralización "sine die" de ambos edificios pero non pola súa paralización definitiva como solicitaba o BNG. Segundo o PSdeG, a paralización definitiva das obras podería supor o pago de 18 millóns de euros en indemnizacións ás empresas adxudicatarias.

Pero non todo o socialismo está en contra desta postura. Abel Caballero, alcalde de Vigo, emitiu un comunicado para manifestar "o seu apoio" á moción aprobada polo Parlamento por deter "unha obra que nunca debeu ter sido empezada", ademais de solicitar o reparto dos fondos culturais "en función do tamaño das poboacións".

A moción defendida pola parlamentaria nacionalista tamén reclamaba a reprogramación dos fondos da actividade da Cidade destinando, como mínimo, “o 50% dos fondos consignados nos orzamentos da Xunta á Fundación Cidade da Cultura", e destinalos a axudas aos diferentes sectores culturais así como remitir ao Parlamento galego unha copia das contratacións da Fundación dende xaneiro de 2011 ate a actualidade. Todas estas peticións non prosperaron finalmente.

O PP censurou a oposición por non ter paralizado as obras durante o Goberno do bipartito

O portavoz de Cultura do grupo Popular, Agustín Baamonde, sorprendeu coa defensa da moción, pero defendeu o traballo do actual Goberno galego para “facer da Cidade da Cultura un proxecto rendible e convertelo en referente da cultura galega, adaptándoo á situación de crise que se vive na actualidade e reducindo o gasto nesta infraestrutura”. No entanto, e malia o apoio á proposta do BNG, non dubidou en criticar a oposición porque “a súa música non é crible e carecen de argumentos e alternativas propios, porque é imposible de superar o mal que o fixeron durante a súa etapa de bipartito”.

Agustín Baamonde lembrou que foi un Goberno do PP o que “tomou a decisión responsable no ano 2011 de suspender as obras dos dous edificios pendentes de construír, unha decisión adoptada en resposta á situación de crise que estamos a vivir e que supón un aforro de 77 millóns de euros”.

“Como poden explicar que estean dicindo que se gasta moito na Cidade da Cultura cando vostedes foron os que máis gastaron co Goberno
bipartito; como poden pedir que se paralice, cando vostedes tiveron catro anos para paralizar as obras e non o fixeron; ou como van entender os cidadáns as criticas á xestión, se vostedes en catro anos non foron capaces de rematar un só edificio nin de deseñar un programa de actividades”, espetoulle Baamonde á oposición.

Vista do Gaiás e do espazo que ocuparían os edificios pendentes CC-BY-SA Merixo
Feijóo, na plantación simbólica do Gaiás © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.