Ferrín advirte de que "sempre se pode cambiar de opinión"

Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da RAG © RAG

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Luís Méndez Ferrín, segue deitando dúbidas sobre a súa marcha da institución logo de admitir este sábado que "sempre se pode cambiar de opinión", ao ser preguntado polos xornalistas sobre a posibilidade de que dea marcha atrás na súa anunciada intención de dimitir.

Ademais, e preguntado sobre o apoio recibido por académicos como Manuel Rivas ou Darío Xohán Cabana e por varias institucións para que reconsidere a súa postura, Méndez Ferrín limitouse a dicir que "pode ser". "Quizais, maybe ou perhaps, estamos nun país plurilingüe, ou non?", asegurou con retranca ante os xornalistas. O aínda presidente da RAG non aclarou se o acto de hoxe sería o último como máximo dirixente da Academia, pero si asegurou que era un día "dificilmente olvidable" ao "entrar un amigo" na institución, o escritor e xornalista Xosé Fernández Ferreiro, que se converteu en académico numerario.

Manuel Rivas reitera a súa confianza en Ferrín porque "sen el a Academia non sería o mesmo"

Ademais, Manuel Rivas, escritor e tamén membro da RAG, retirerou este sábado a súa confianza en que Ferrín "reconsidere a súa dimisión". "Sen el a Academia non sería o mesmo", manifestou, logo de defender a súa "actividade" á fronte da institución.

Rivas louva "a valiente postura de presentar un recurso contra o decreto do plurilingüismo"

Así, Manuel Rivas xa adiantou que no plenario do vindeiro mércores, onde se agarda que Ferrín comunique a súa decisión definitiva, pedirá a palabra para que "reconsidere a súa posición". "O fundamental é que exista vontade de que a Academia sexa o que debe ser, a institución de refrencia en defensa da lingua de Galicia e que sexa coñecido por ese traballo, e estes anos foi así", engadiu, tras louvar a "valiente postura de presentar un recurso contra o decreto do plurilingüismo da Xunta". Precisamente, a RAG anunciou que vindeiro luns ofrecerá unha rolda de prensa para dar detalles sobre o recurso de casación presentado ao Supremo tras a sentenza do TSXG sobre a norma.

Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da RAG © RAG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.