Poesía, Política, Nación

Éirí Amach Dominio Público O Figurante Edicións

Máis que interesante e altamente informativo o volume Éirí Amach publicado hai pouco polo selo O Figurante Edicións, unha antoloxía poética galego-inglesa que xira en torno á escrita dos chamados Poetas do Alzamento da Pascua de 1916 en Irlanda.

A presente escolma —traducida, antologada e anotada por Edelmiro Momán— recolle unha selecta representativa de catro célebres poetas irlandeses que sufriron presidio e foron axustizados pola rebelión contra a coroa inglesa que lideraron aquel luns de abril do ano amentado. Pádraig Anraí Mac Piarais (Patrick Pearse, 1879-1916), Tomás Mac Donnchadha (Thomas Mac-Donagh, 1878-1916), Seosamh Máire Pluincéid (Joseph Plunkett, 1887-1916) e Ruairí Dáithí Mac Easmainn (Roger Casement, 1864-1916) son os catro mártires literarios dos que aquí se ofrecen versos.

Como era de esperar nunha antoloxía desta natureza, sobrancean nas composicións traducidas os textos de carácter patriótico, inzados de figuras tiradas directamente da mitoloxía celtoirlandesa, salientando tamén a defensa da súa lingua gaélica e de moitos dos símbolos definitorios desta cultura.

Porque, convén lembralo, en Irlanda, como noutro lugares, o papel que a poesía cantada, recitada ou lida xogou en clave de loita identitaria coadxuvante do proceso de liberación nacional foi, xaora, decisivo. De feito, o impacto da morte destes catro poetas mobilizou o conxunto da poboación de Éire e gardouse por sempre na memoria colectiva, que hoxe os recorda como auténticos mártires da causa irlandesa, tal como os lembran os versos de Gertrude Parry: “They shall be remembered for ever,/ They shall be alive for ever,/ They shall be speaking for ever,/ The people shall hear them for ever”.

Da biografía destes autores ocúpase Momán nunha ben documentada introdución, pola que sabemos a adhesión temperá de Mac Piarais á Liga Gaélica e do seu activismo como educador entre as crianzas do seu idioma secular, sobre o que adoitaba asegurar que “un país sen lingua é un país sen alma”; mais tamén do douto profesor e autor teatral que Mac Donnchadha foi; da habelencia como estratego político de Pluincéid, católico fervoroso que vía a súa propia entrega á causa como unha sorte de sacrificio místico, ata o punto de que participou na revolta daquela Pascua de 1916 tendo sido operado o día antes, polo que saíu do hospital ás présas co fusil na man; e inclusive coñecemos por este limiar da importancia como diplomático de Mac Easmainn, antiimperialista convencido polo que tentaron interceder sen éxito A. Conan Doyle, B. Shaw e outros, e a vida do cal ten sido literaturizada en diversas ocasións, unha das máis recentes na novela El sueño del celta do laureado Mario Vargas Llosa.

Canto á tradución destes versos por parte de Momán, debe dicirse que respecta e traslada con fidelidade os textos ingleses dos que se serve, adaptándoos con acerto á lingua de noso. Agora ben, non pode esquecerse tampouco que só uns cantos poemas do volume foron creados orixinalmente en inglés, pois a maioría foron escritos en irlandés, sendo o texto resultante en galego, xa que logo, unha re-versión indirecta do que os poetas escribiron.

Doutra parte, é xusto advertir tamén que se ben o traslado das estruturas morfosintácticas e as escollas léxico-semánticas foi levado a cabo por Momán con evidente solvencia, este tivo que sacrificar os metros e rimas existentes, que se ofrecen como versións versolibristas en galego.

Éirí Amach complétase coa reprodución doutros poemas vencellados ao episodio de “rebelión” que o propio título anuncia (de feito iso é o que significa “Éirí Amach” en irlandés, rebelión, pois a sublevación da Pascua do 16 chamouse xustamente “Éirí Amach na Cásca”, o “Easter Rising” dos contrarrevolucionarios británicos). Eses poemas van encabezados pola célebre composición “Easter, 1916” de William Butler Yeats ―amigo persoal dalgúns dos axustizados e simpatizante da sublevación― e proseguidos por outras non menos aplaudidas poesías, como “A Rebel Song” de Séamas Ó Conghaile, “Ways of War” de Lionel Johnson e outros tres poemas que Mac Piarais traduciu do gaélico ao inglés.

Loable, pois, o esforzo tanto do selo O Figurante Edicións coma de Edelmiro Momán por achegarnos a poética destes catro mitos fenianos, exemplo admirable de como un pobo pode chegar a ter nos seus poetas líderes cidadáns de inmorrente memoria.

Éirí Amach Dominio Público O Figurante Edicións

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.