O Estado é "consciente da importancia" do Festival de Cans, pero ratifica que non o axudará

Presentación dunha edición do festival de Cans © Festival de Cans

O pasado outubro os organizadores do Festival de Cans, o popular certame cinematográfico do Porriño, confirmaban que o Ministerio de Cultura non lles ía conceder neste 2013 a axuda do Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA) que viñan recibindo, 10.000 euros que supuñan arredor do 12% do orzamento total do festival. Xunto a Cans, tamén sufrían a retirada dos fondos estatais o Curtocircuíto de Compostela, a gala dos premios Mestre Mateo e a Mostra de Cine Periférico da Coruña. A organización de Cans, que segue a procurar sacar adiante o festival en solitario, subliñaba que o Goberno central lle viña de dar "un duro golpe á liquidez do festival". Catro meses despois, o Ministerio explícase. Escuetamente, pero explícase.

O Goberno central vén de responder, a través da Secretaría de Estado de Relacións coas Cortes, unha pregunta parlamentaria formulada pola deputada do BNG no Congreso Olaia Fernández Davila, na que a nacionalista reclamaba coñecer as razóns da retirada das axudas. Nesa resposta oficial, de apenas dous parágrafos, o departamento que dirixe José Ignacio Wert asegura ter "constancia da importancia do Festival de Cans" e da "súa grande repercusión e popularidade", algo que vai "na liña doutros certames cinematográficos que, dentro das distintas tipoloxías, concorren ás axudas a festivais que se conceden anualmente".

As axudas estatais supuñan arredor do 12% do orzamento do festival

Neste contexto, o Ministerio asegura que o ICAA está a realizar un "esforzo" para "tratar de atender, dentro das severas restricións orzamentarias, ao maior número posible de festivais". Así e todo, di, existen "limitacións inherentes aos procesos de concorrencia competitiva -os mesmos polos que Cans recibiu axudas en anos anteriores- que fai imposible conceder axudas a todas as solicitudes presentadas". Estas convocatorias, evidencia o Goberno central, están "limitadas polo crédito dispoñible".

Esta evidente circunstancia, unida á "avaliación que realiza o comité asesor, de acordo cos criterios de valoración determinados na propia convocatoria", leva o Estado a concluír que "a eventual contribución do ICAA en 2013 ao Festival de Cans", así como "noutras anualidades", deberá "dilucidarse dentro do procedemento de concorrencia competitiva que se convoque ao efecto". Dito doutro xeito, Cans queda sen cartos estatais.

Presentación dunha edición do festival de Cans © Festival de Cans

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.