Entrudo

Unha figura tradicional do entroido ourensán Dominio Público Tomás Montes

De noite, en tempo de Entroido (ou Entrudo). Percorremos as montañas centrais da provincia de Ourense a través de quilómetros e quilómetros de estrada comarcal iluminada polos faros da furgoneta. De súpeto, as luces dan de cheo co indicador da poboación que buscamos, un lugar solitario de dez ou doce casas recortadas en sombra, dispersas entre campos e galpóns de cemento e uralita. Recíbenos o frío ao saírmos do vehículo, e tamén un son afastado: bombos, xunto con algo máis, metálico, retumbando con ritmo rápido e implacable en metade do silencio do monte.

Seguindo o seu son polos camiños desertos da aldea, chegamos a unha costa, encaixonada entre muros altos de pedra, que dá a un espazo alumado por unha única luz pública. Na costa, ás escuras, un grupo compacto de corenta ou cincuenta figuras golpean bombos, sachos e cazos: vellos de face colorada e asucada de engurras, rapaces con perrucas fluorescentes e vestimenta de camuflaxe, nenos pequenos observando cos ollos moi abertos. Ante eles, baixo a luz dura do farol, tres homes vestidos de branco con campás ao cinto viran sobre si mesmos ao ritmo feroz, ergueitos, os brazos en cruz. As súas cabezas fulguran con escintileos irisados: os que despiden os seus altos chapeus cónicos, completamente revestidos de espumillón.

Para nós, viaxar a través da inverosímil diversidade de entroidos rurais dispersos polo interior do noso país ten algo de procura alucinatoria das propias raíces. En cada encontro, familiaridade e estrañeza son inseparables. Somos turistas no Heimat, exploradores en nosa propia patria marciana.

Por que estes festexos populares, asociados no discurso oficial coa "tradición máis ancestral", son tan pouco etnograficamente correctos?

Por que estes festexos populares, asociados no discurso oficial coa "tradición máis ancestral", son tan pouco etnograficamente correctos?

Precisamente porque son populares e á vez están nas marxes, ou enteiramente fóra, do discurso oficial.

Canta máis importancia ten unha determinada festa ou rito no proceso de construción dunha identidade colectiva, sexa esta rexional ou nacional, máis importante é que se manteña sempre idéntica a si mesma, inmune ao cambio, fóra do tempo. Porque só así poderá ser a representación dun vínculo esencial, perenne, cunha orixe colectiva ahistórica. (Con vimbios como estes se urden, polo menos parcialmente, as identidades territoriais ás que aínda nos adherimos).

Cando, por contra, a cultura hexemónica non lle prestou atención, cando non foi absorbida e fixada para formar parte do "patrimonio", para preservala como tradición, queda circunscrita ao uso local e segue o seu camiño como costume.

E o costume, como resposta cultural ás condicións materiais da vida social, é por necesidade flexible, adaptable. Os procesos mantéñense, e por iso cambian os materiais, cambian as imaxes.

Por iso ao urbanita, moi seguro de como debe lucir unha tradición convincentemente ancestral, aparéceselle híbrida, por iso é fea para o gusto convencional, por iso esperta a ironía máis ou menos condescendiente, ou a risa. Ou ben o queixume pola interferencia, a contaminación, a ruptura da pureza.

Ambas as reaccións proveñen dunha mesma concepción, domesticada e aproblemática, pero dominante, da chamada «cultura popular tradicional».

Esta reportaxe foi publicada en Reset

Celebracións do Entroido na provincia de Ourense © Tomás Montes

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.