0 Gardados para despois

“Carlos Casares non só deixou orfos os seus fillos, tamén a cultura galega”

Alberto RamosAlberto Ramos | @alberto_ramos


O próximo 9 de marzo cumpriranse dez anos da morte de Carlos Casares. A efeméride servirá para lembrar a un escritor cuxa relevancia cultural segue moi presente no país. Kristina Berg, escritora, viúva do intelectual e presidenta da Fundación Carlos Casares, lembra a figura do intelectual para Praza Pública e analiza a situación da súa fundación unha década despois do pasamento do autor de obras como Ilustrísima, Vento ferido ou Os escuros soños de Clío.

Vaise cumprir unha década do falecemento de Carlos Casares. Como foi para vostede este tempo sen el? Esta conmemoración dos dez anos esperta a nostalxia?

É unha pregunta complicada, non sei moi ben que dicir [Fai unha pausa para pensar] O 9 de marzo cúmprense dez anos do seu falecemento. A súa morte fora unha sorpresa moi desagradable para todos, ninguén esperaba que o final ía chegar así, de súpeto. Durante os trinta anos nos que estiven casada con Carlos... El nunca se puxo enfermo, nunca faltara ao traballo. Nin un só día. Todo sucedeu de súpeto! Coa súa morte non só quedaron orfos os seus fillos, tamén quedou orfa a cultura galega. Moitos amigos del dixeron iso, que a cultura do país sentira esa orfandade pola súa marcha. Seguramente foi por iso que tanto os seus fillos como os amigos máis próximos decidiron que a historia non podía terminar así. Carlos morrera demasiado novo e tiña moitos proxectos. Era importante crear a Fundación Carlos Casares. Fundámola inmediatamente. Pasaron seis meses dende que morreu até que se creou a Fundación. E naceu para seguir cos proxectos que el anunciara en vida. Se hai nostalxia? Pois claro! Aínda que pasaran dez anos, para min, como a súa muller, non pasou tempo ningún. Pasarán os anos, pero el non pasa. El está sempre presente, na fundación e na casa. Está en todo! Pero está claro que dá moita alegría comprobar que hai tanta xente que se lembra del e que foi tan querido.

Como é o balance da Fundación Carlos Casares nestes dez anos?

A Fundación ten feito até hoxe un traballo moi importante. Non tanto en divulgar a figura de Carlos, pero si en seguir os seus pasos e darlle continuidade aos seus proxectos. Neste tempo sempre buscamos salvagardar os principios de Casares e quixemos facelo cun comportamento cívico. Coido que o traballo da fundación axudou á cultura galega na medida en que organizamos moitísimos encontros internacionais nos que participaron xentes de moitas culturas. Todos os que pasaron por eses encontros marcharon con boas impresións de Galicia. É un proxecto que fixemos posible entre todos coa axuda xenerosa de tantas institucións e colaboradores. Moitas persoas prestan o seu coñecemento e o seu tempo no desenvolvemento desta fundación.

Conservan materias inéditos nos fondos da Fundación Carlos Casares que se vaian publicar proximamente?

Estamos niso. Quedou un arquivo de Carlos desordenado. Nestes anos, apareceron papeis por todos lados. Hai moitos manuscritos e aínda hai persoas que están clasificando todo o material. É moi posible que haxa textos inéditos que se poidan aproveitar. Carlos sempre estaba escribindo. Se quedou algo, quedou porque Carlos Casares quería publicalo.. Hai posibilidades de que sexa así. Se hai algo e se se decide publicar, será  algo que dependerá dos seus amigos máis próximos e, sobre todo, dos fillos. Eles terán que decidir sobre ese asunto.

"Carlos Casares cumpre os requisitos para dedicarlle as Letras Galegas, pero será a RAG quen decida"

Fálase moito de que as Letras Galegas do 2013 poderían ser para Carlos Casares. O Concello de Xinzo xa está facendo chamamentos ao respecto. A Fundación Carlos Casares fará algo para promover a súa candidatura?

É a Real Academia Galega a encargada de escoller e elixir a persoa a quen se lle vai dedicar as Letras Galegas. Carlos era membro da Academia, fixo un gran traballo alí e foi escritor.. Por todo iso, penso eu que cumpre os requisitos, pero será a Real Academia Galega quen decida. Agora, a Fundación non debería promover candidatura, sería un xeito de presionar e está fóra de lugar. Eu, como presidenta, non farei unha cousa así. Iría en contra da forma de ser de Carlos, que sempre quixo ser discreto. Non se fará nada nese sentido. É cousa da Academia decidir.

Por que escolleu vostede a Cidade da Cultura como espazo para acoller o arquivo e a biblioteca de Casares?

Pódese dicir que foi unha mestura de moitas cousas. Nos comezos, cando se creou a fundación, falábase de que iamos ter un edificio propio. A idea era que estaría a biblioteca e o arquivo nese espazo propio. Co tempo, iso non se materializou. Non temos edificio e nos locais que temos non nos caben tantas cousas. Eu tiña medo de que todo se estragara. Por outra banda, Carlos dicía que unha biblioteca non se podía dividir porque tamén era a historia dunha persoa. Eu non quería dividila nin quería que se botase a perder. Entón, ao final, vin que a única alternativa para salvagardar todo o material era atender a petición de Roberto Varela para que todo fose para o Gaiás. Non houbo outro motivo.

Logo era o único espazo posible? Que lle parece ese lugar?

Parece que falar da Cidade da Cultura é un tabú. Sempre con tanta polémica! Non sei se cando se construíu a Catedral de Santiago, a xente tamén estaba indignada. Non o sei. Eu antes de coñecer o Gaiás, era tan crítica como tanta outra xente. Ao estar alí e vela, hei de recoñecer, simplemente dende o punto de vista da arquitectura, que resulta impresionante. Só me refiro a iso, á arquitectura. Nos demais temas, xa non quero entrar. Xa está feito e iso non se pode tirar. A ver os usos que lle van dar. Por outra banda, penso que un patrimonio como este non pode quedar só para a familia, debe estar ao servizo da xente. Ten que estar nun espazo público.

"Piñeiro conseguía, dun xeito especial, sacar o mellor de cada persoa"

Que pensa que diría Carlos Casares ante a situación actual da cultura, dos recortes, da situación da lingua?

Carlos era un home de consenso e supoño que traballaría moito para xuntar persoas de distintas cores políticas para buscar solucións conxuntas e consensuadas, para que, dalgún xeito, todos puideran saír como gañadores. É o que me podo imaxinar, sempre foi así. El tiña un don que compartía con Ramón Piñeiro. Cando se xuntaban nunha mesa doce persoas para falar da cultura galega e todos tiñan posturas distintas, Piñeiro conseguía, dun xeito especial, sacar o mellor de cada persoa. Cada unha desas persoas achegaba o mellor e sentíanse protagonistas. Ese xeito de xuntar persoas era un don que tamén tiña Carlos. Os dous compartían iso e moito máis, eran moi amigos. Falaban a diario.  

Como presidenta dunha Fundación como a Carlos Casares, que opinión lle merece que non haxa xa unha consellería dedicada en exclusiva á cultura?

Normalmente os políticos, dunha cor ou doutra, teñen esa tendencia a recortar na cultura. Non sei por que, xa que sen cultura non temos pobo. É unha tendencia, non só aquí e agora, en moitos momentos e lugares. A cultura galega merece unha consellería, iso está claro. Se o Goberno de agora considera que non hai cartos para iso, haberá que reaccionar e falar máis galego entre nós.

"Simplemente direi que prefiro claramente a ensinanza pública. Non direi máis nada"

As antigas galescolas foron rebautizadas pola Xunta de Feijóo como as escolas Galiña Azul, nome cedido pola Fundación Casares. Que lle parece que cinco deses centros vaian pasar á xestión privada?

Simplemente direi que prefiro claramente a ensinanza pública. Non direi máis nada. Os meus fillos estudaron na pública. É cousa de familia. Eu tamén, Carlos, os seus irmáns... Todos estudamos na pública.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Xinzo acollerá diversos festexos entre o 5 e o 9 de marzo

Xinzo de Lima, localidade na que pasou a súa infancia Casares, acollerá esta semana unha serie de actividades para lembrar o autor de obras como Ilustrísima, Vento Ferido ou O sol do verán. Inaugurarase unha mostra de manuscritos e varios dos paneis da exposición Os mundos de Carlos Casares. Celebraranse diferentes tertulias literarias e o día 9 terá lugar unha lectura dramatizada de textos de Vento Ferido na voz do intérprete Luis Iglesia. Está previsto que o conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, asista a este acto.

Outros actos que están previstos para este ano por parte da Fundación será a celebración da segunda edición dos Diálogos no Gaiás, que terán como gran tema os dez anos sen Casares. Analizaranse así aspectos da evolución literaria e da lingua en Galicia dende que faleceu o escritor. En setembro celebrarase ademais un curso en colaboración coa Universidade Internacional Menéndez Pelayo  e os encontros de Mondariz, xirarán ao redor do leado cívico do autor e antigo presidente do Consello da Cultura Galega

A Cidade da Cultura xa recibiu 3.000 exemplares da biblioteca de Casares

O pasado ano a Fundación Carlos Casares e a desaparecida Consellería de Cultura asinaron un convenio de colaboración polo cal se cedía en réxime de comodato por 25 anos a biblioteca e o arquivo persoal do escritor. En total, a Fundación cedería preto de 6.000 volumes e máis de 22.000 documentos de diversa índole ao Gaiás. Preto de 3.000 exemplares xa están na Biblioteca de Galicia e a Fundación espera que os outros 3.000 sexan trasladados este ano. Dos documentos, que acollerá o Gaiás, uns 8.000 xa foron dixitalizados e até final de ano se espera sexan outros 4.000 os que sigan este proceso.

A catalogación do arquivo e da biblioteca é un traballo que a Fundación vén desenvolvendo dende hai uns catro anos. A cesión é gratuíta, a propiedade segue a ser da familia e a Cidade da Cultura corre unicamente cos gastos da dixitalización e do traslado

Os fondos da Fundación Casares caeron un 50% en cinco anos

Os recortes afectaron nos últimos anos ao orzamento da Fundación Carlos Casares. A dureza da crise tamén deixou a súa pegada nos seus orzamentos. As axudas institucionais da Xunta, das Deputacións da Pontevedra e Ourense minguaron e as achegas das caixas desapareceron por completo. Antes da crise, no ano 2007 a Fundación contaba cun orzamento aproximado de 250.000 euros. Para este 2012, a contía queda nuns 130.000 euros, aínda que a Fundación espera conseguir “a cifra ideal de 150.000 euros”.

As achegas da Xunta descenderon estes anos preto do 45%, mentres que as deputacións recortaron preto dun 20%. O apoio das caixas desapareceron por completo. No ano 2009, só sumaron 9.000 euros e, para este 2012, a Fundación Carlos Casares xa non contan con elas. Segundo a Fundación, dous terzos dos seus orzamentos destínanse á organización de actividades, mentres que o resto destínase ao pagamento de salarios e ao gasto corrente.