“A nosa tradición é máis erótica que fúnebre, aínda que ás veces pareza que o país anda un pouco zombi”

Manuel Rivas © Xerais

Manuel Rivas leva anos á escoita das voces baixas. Á procura da palabra das persoas que, malia situárense nunha posición excéntrica respecto do poder, son quen de re-existir, de tecer estratexias para artellar unha segunda vida á marxe desas relacións de dominio. E parte desas voces pertencían á súa propia familia: a nai, o pai albanel, a irmá libertaria, o avó carpinteiro da CNT... Todas elas foron convocadas en As voces baixas, a súa última novela. Un libro autobiográfico no que a memoria individual e a colectiva volven confluír para ollar, unha vez máis, á loita pola liberdade. Como en O lápiz do carpinteiro, A lingua das bolboretas ou Os libros arden mal. As voces baixas é como unha buxola que axuda a navegar entre os fíos que unen cada unha desas obras ou os volumes de relatos do autor. Todos eses “contos engaiolantes” que, como dicía Pardal das explicacións do mestre, non poder ouvir máis sería un castigo imaxinable. Porque é escoitalos e tornarse irremediablemente verbívoro. Como a nai e a irmá de Rivas. Como el mesmo.

As voces baixas comeza lembrando “o primeiro medo” teu e máis de túa irmá María, do que xa falaras no relato A leiteira de Vermeer. En realidade, a túa infancia está presente en boa parte dos contos de Que me queres, amor?, de Ela, maldita alma ou de As chamadas perdidas. Sitúase neles a orixe de As voces baixas?

"Se cadra debería escribir en braille, porque escribo como un cego. Con esa conexión entre os dedos e o maxín"

Hai retallos, trazos que aparecen xa neses libros, si. O que ocorre é que o que conto neles non son experiencias biográficas no sentido literal. Hai, si, unha fonte de experiencias que agroman nestes libros e tamén en Os libros arden mal, pero iso non significa que o que aparece nos relatos me pasase necesariamente a min, no sentido máis inmediato. A escrita ten, para min, o xeito dun fío que cose moitas cousas. É como unha ponte entre un nós e un eu, ou entre un eu e un nós. Hai unha sorte de memoria colectiva que herdamos e incorporamos á nosa memoria individual. Así, o de A leiteira non era un relato da miña vida, senón dun personaxe que si tomou cousas prestadas da miña memoria.

A orixe de As voces baixas sitúase, propiamente, na serie Storyboard, que se publicou no suplemento Luces de El País, e que supón como unha cuarta parte do contido do libro. Antes eu non me planteara escribir sobre a materia da infancia e das lembranzas. Cando Xosé Hermida, o coordinador de El País Galicia, recibiu o primeiro artigo, levou unha sorpresa porque, claro, eu escribía sobre temas de actualidade, cuestións conflitivas, polémicas, de crítica cultural e social...

Eu penso que As voces baixas é un proxecto que foi nacendo a medida que o fun escribindo. Acabei decatándome de que era para min como unha estraña obriga en marcha. En realidade non traballo cun esquema estruturado. Só parto de mapas xeográficos que despois moitas veces quedan en mapas ilusorios, porque acabo tirando por outro lado. Se cadra debería escribir en braille, porque escribo como un cego. Con esa conexión entre os dedos e o maxín. É unha escrita moi sinestésica... e non me sae doutra maneira. Un xeito de escribir menos “poético” non sería o que eu quero. Por iso a imaxe do cego, ou a do vagabundo, resúltanme moi acaídas para explicalo.

En realidade levabas moito tempo escoitando “as voces baixas”: as dos emigrados, as dos represaliados do franquismo, as dos obreiros, as dos nenos... Isabel Castro falaba no seu ensaio Reexistencia do teu xeito de ollar ás persoas situadas na “periferia”, entendida nun sentido amplo e non só xeográfico.

"Todos e todas levamos dentro voces altas e baixas. A todos nos pode saír nalgún momento o ego napoleónico ou a voz do cacique. A cuestión é telas controladas: preocuparse cando nos saen esas voces altas"

A posición do escritor ten que ser a de alguén que está á escoita. Escoitar é clave, tanto na literatura como no xornalismo. Valente xa falaba disto. E nese estar á escoita é certo que me chaman especialmente a atención as persoas excéntricas, é dicir, as que non están no centro, no sentido do poder. Mesmo as voces altas, as do poder e as da xerarquía, vólvense máis interesantes cando se manifestan como voces excéntricas. Iso xa está claro en Shakespeare: o rei Lear é moito máis interesante cando se converte nunha voz baixa. Mais tampouco quero facer unha clasificación maniquea. Quero dicir que todos e todas levamos dentro voces altas e baixas. A todos nos pode saír nalgún momento o ego napoleónico ou a voz do cacique. A cuestión é telas controladas: preocuparse cando nos saen esas voces altas.

Entre esas voces baixas atópanse as das mulleres. A túa nai, as túa irmá, as túas tías, as lavandeiras, a peixeira... mulleres que defines como fortes e ceibes.

"No tempo histórico que abrangue o libro, nese período de prohibicións e constante vixianza do ollo panóptico do poder, as mulleres vivían moito máis amarradas que os homes"

Si. Ademais, no tempo histórico que abrangue o libro, nese período de prohibicións e constante vixianza do ollo panóptico do poder, as mulleres vivían moito máis amarradas que os homes. E eu vivín esa sensación, decatábame por exemplo de que miña irmá tivo que loitar máis ca min pola súa liberdade. E o  que quixen reflectir foi, precisamente, a capacidade das voces baixas para abrir estrelampos. Mulleres que tiñan unha vida moi escrava pois, como se di, os homes traballan moito e as mulleres traballan sempre, pero que tiñan esa capacidade de sacar enerxía e forza fronte a ese imperio da docilidade. O aguante, o sacrificio, a docilidade valorábanse como cualidades dunha muller. E, nesa atmosfera, eran quen de non comportarse como as escravas que lles mandaban ser. Por iso falo no libro da boca da literatura, dese falar diferente delas que non era o falar imposto. Esas outras formas de falar que eran ceibes, e que os nenos podiamos ouvir por exemplo cando as mulleres estaban xuntas no río...

As voces baixas serve, ademais, como de guía para comprender mellor o fío que une todos os teus outros libros. É difícil non ver algo do teu avó carpinteiro da CNT en O lapis do carpinteiro ou en Os libros arden mal. Do mesmo xeito que a escola que describes en As voces baixas ten conexións coa de A lingua das bolboretas...

"Houbo moitos avós da CNT, non foi só o meu. O que ocorre é que as lembranzas son como seres vivos. Ás veces chamámolas e non veñen, senón que aparecen outras"

Non é algo intencionado, aínda que As voces baixas poida servir colateralmente como guía, como dis. A verdade é que neste libro fixen, máis ben, o que me petou. Hai, si, unha psicoxeografía, un país íntimo con marcos, paisaxes, personaxes que se moven por aí e por alá. Hai fíos e trazos que habitaban noutros lugares e que aquí se concertan, nun espazo e nun tempo, pero nada máis. É como un músico que ten unhas pautas que se repiten nas súas composicións. Quero dicir: houbo moitos avós da CNT, non foi só o meu. O que ocorre é que as lembranzas son como seres vivos. Ás veces chamámolas e non veñen, senón que aparecen outras. É como se tiveramos dentro unha cámara escura na que as lembranzas levedan. Como se houbera unha causalidade no casual. Hai unhas lembranzas que veñen, que saen nun tempo histórico determinado. Como pasa agora, neste tempo que estamos a vivir, co ollo panóptico que todo o ve e todo o controla. Non é a ditadura, pero é semellante: o control do pensamento, o discurso de que non hai alternativas e de que hai unha fatalidade que nos arrastra, que todo é un val de lágrimas ao que nos temos que afacer, que non temos nada que facer, porque en realidade non sabemos quen nos goberna...

En relación con iso, nesa confluencia túa entre a memoria individual e colectiva hai un tema que está sempre presente, que é a loita pola liberdade, a resistencia contra a opresión. E que está en As voces baixas, en O lapis do carpinteiro, en Os libros arden mal, nos volumes de relatos... en todo o que escribes.

"Moitas veces dinme que falo moito da guerra civil, e eu digo que en realidade falo, si, de temas como a liberdade. É certo que o que realmente me presta, a onde me leva moitas veces a escrita, é a esa capacidade de re-existencia que a xente ten"

Moitas veces dinme que falo moito da guerra civil, e eu digo que en realidade falo, si, de temas como a liberdade. É certo que o que realmente me presta, a onde me leva moitas veces a escrita, é a esa capacidade de re-existencia que a xente ten. Un bo exemplo é o Entroido, coa súa forma de subverter o control, o poder. Non hai nada máis libre que o cancioneiro popular... E a min apaixóname esa idea da segunda vida, de re-existir, no sentido de ser capaces de tecer estratexias para evitar que a vida se converta nun calvario. E iso está moi presente na cultura popular en Galicia. Contra ese tópico de que somos un país triste. A idea non é agardar por unha revolución ou por un milagre. É vivir, encontrar a maneira de gozar do tempo que vivimos. E eu creo que en nós está moito máis presente a pulsión do desexo, o Eros, a vida, que a pulsión da morte, o Thanatos. A nosa tradición é moito máis erótica que fúnebre, aínda que ás veces pareza que o país anda un pouco zombi.

Cóntasnos, neste libro e noutros, historias terribles. Pero que non o resultan tanto tal como están relatadas. Se cadra porque tiras moito da ironía, o humor...

"Ese humor é parte da herdanza que recibimos. É ese humor surrealista que lles sae aos mariñeiros nos momentos de apuro"

Eu penso que ese humor é parte da herdanza que recibimos. É ese humor surrealista que lles sae aos mariñeiros nos momentos de apuro. E, ás veces, cando se fai esa distinción entre cultura popular e alta cultura, non valoramos isto como deberiamos. É esa capacidade de re-existencia da que falabamos. A heroicidade, o valor, están neste tipo de disposición que ten a xente que non ten o poder, a xente que foi capaz de emigrar sen un pataco no peto... Son capaces de capear o temporal no Gran Sol..., e eu creo que sería imposible sen esa enerxía.

Dis en As voces baixas que o Castro da Coruña era xa un mapamundi antes de que McLuhan viñese coa teoría da aldea global. Un neno preguntábase por que en vez de emigrar un a un non emigraban todos xuntos...

É que é certo que a emigración é unha traxedia desde o punto de vista colectivo, e que moitos dos problemas que temos agora teñen que ver co feito de que marchase a xente máis rebelde, máis inquieta, a xente nova... Desde o punto de vista social e demográfico o impacto da emigración é tremendo, pero desde o punto de vista da intrahistoria pódese ver doutro xeito. Porque marchar tamén pode ser un acto de valor e de liberdade. Marchas porque estás condicionado para facelo, pero tamén abres unha porta á esperanza. Emigrar foi para moita xente un xeito de soltar o adival, de liberarse da corda e intentar ter outra vida.

Na última parte do libro lembras como aprendestes a ser libres no primeiro instituto mixto da cidade. Ou como a redacción de El Ideal Gallego era como unha ágora á que ían as mariscadoras preguntar se había alguén que se atrevese a publicar as súas historias. Despois dese xornalismo indómito da transición, dis, impúxose o “gris restauración”...

"Parece que nos queren convencer de que o xornalismo xa non é necesario, cando é máis necesario ca nunca, o que pasa é  ue neutralizar o xornalismo é un xeito máis de promover a anestesia xeralizada"

Era un tempo distinto, pero tampouco quero idealizalo. As condicións laborais eran, por exemplo, moi malas. Pero si había moitos depósitos de esperanza en que se achegaba algo diferente. O xornalismo ten moito de espello: tamén do que lle pasa ao xornalismo mesmo. E o que eu vexo é que hai moita desmoralización, moito desánimo. Parece que nos queren convencer de que o xornalismo xa non é necesario, cando é máis necesario ca nunca, o que pasa é  ue neutralizar o xornalismo é un xeito máis de promover a anestesia xeralizada. A información é parte do bote dos medios de subsistencia, é algo fundamental. Poderá haber máis ou menos oferta, pero a necesidade segue aí. E eu teño a esperanza de que vai haber un rexurdir que vai acabar co ton gris restauración. Escribino así tamén pensando na época da Restauración: despois da guerra de Cuba, no cambio de século, nun tempo no que España estaba tamén en stand-by: parecía que non había maneira de saír daquel tempo histórico.

Hai outra reflexión, ao principio, sobre cando a lingua se vía en certos espazos como unha sorte de pecado inconfesable. Iso xa non é así, aínda que parece que hai quen tenta que volva selo. Non sei se pensabas niso cando escribiches esa historia. 

Si, falo no libro de O’Xestal, que contaba historias na radio con personaxes que falaban galego. Falo do pasado, pero tamén do presente recordado. É o que falabamos antes: os recordos veñen nun momento por algunha razón. A memoria tráenos este recordo e non outros. Porque a memoria ten a súa intelixencia propia. Había unhas determinadas imposicións que querían ubicar o galego nunha posición subalterna. Había uns ámbitos que quedaban reservados para o castelán, e parece que agora asistimos a unha viaxe ao pasado, pois ocorren cousas que nos recordan esta situación. Como cando se di que o galego non serve para estudar matemáticas.

Hai relatos dunha forza especial. Como o do porco que come os cartos agochados nun balde na corte. Ou o de cando teu pai vos botou fóra a ti e a túa irmá por pelexar. Ou A traxectoria do balón de Ela, maldita alma, con esa muller das Atochas... Es consciente, cando escribes, disto?

"Parece que agora asistimos a unha viaxe ao pasado, pois ocorren cousas que nos recordan esta situación. Como cando se di que o galego non serve para estudar matemáticas"

Pois nunca sabes. Hai historias que a ti che gustan moito e que non che falan delas, ou ao revés. Pero si é certo que ás veces te decatas de que algo vai pasar cun conto. A lingua das bolboretas escribino en pouco tempo, nunha mañá, dun golpe. Eu nun principio só tiña a idea de escribir algo sobre un microscopio que ía chegar a unha escola. Daquela andaba pola casa un microscopio de xoguete, e era o que tiña no maxín. Non sabía que ía ser unha historia do golpe do 36, pero así saíu. E si que notei que ía pasar algo. É tamén o que pasa no xornalismo. Teño que escribir un artigo, e non sei de que vai ser. Pode ser terrorífico se non se che ocorre nada. Pero tamén ten algo de especial abrir algo onde antes non había nada... A min ténseme achegado xente para falarme de canto lles gustara En salvaxe compaña. Pois hai outra xente que non coñece ese libro ou non lle chamou a atención... Nunca sabes. Ese conto que dis a min gústame moito pero, fíxate, nunca me dixeran nada del.

Hai tamén personaxes que nunca te deixaron, como Dombodán, que aparece e reaparece en Un millón de vacas, en Os comedores de patacas... 

E en máis libros, con outros nomes. É un personaxe que está moi presente, si. Só que muda de disfraz. É a inocencia do pobo. E non o digo no sentido de ser parvo. Senón de ser unha persoa que non está envenenada, que leva algo orixinario que non se corrompeu. É un ser complexo, que pode ser un heroe xusticeiro pero que non ten que ver coa imaxe do superheroe.

E como é iso de ver os teus libros levados ao cinema? De Todo é silencio díxose que non parecías ti. Mais algo ten que ver con Os comedores de patacas ou con Unha flor branca para os morcegos de Que me queres, amor?. Igual que en Snif, bang de As chamadas perdidas hai libros que arden mal...

"Hai quen protesta porque sempre escribes do mesmo, e quen cando escribes doutra cousa che di que por que non escribes do que sabes escribir... Eu escribín sobre a guerra civil e o franquismo, pero tamén escribín sobre moitas outras cousas"

A min gústame moito o cinema, as películas boas e as malas. Mesmo fixen algún guión, un sobre o Camiño de Santiago e outro sobre Lisboa. Cando Cuerda  e chamou a primeira vez, a primeira idea fora facer unha película sobre o relato Un saxo na néboa. Despois acabou sendo A lingua das bolboretas. E estivo moi ben, non só porque Cuerda é moi bo cineasta, senón porque non é moi habitual facer cine a partir dun libro de relatos, e ademais eu son un autor excéntrico, periférico... e a moita honra ademais. En canto a Todo é silencio, o que pasa é que moitas veces encasíllante. Hai quen protesta porque sempre escribes do mesmo, e quen cando escribes doutra cousa che di que por que non escribes do que sabes escribir...

"Houbo narcos que se sentiron identificados e chamaron á editorial... Estaría ben que falasen cos críticos aos que non lles parece crible o personaxe"

Eu escribín sobre a guerra civil e o franquismo, pero tamén escribín sobre moitas outras cousas. O que ocorre é que quen me coñece por O lapis do carpinteiro, por Os libros arden mal e por A lingua das bolboretas ten esa idea de min, claro. En Todo é silencio o que quixen subliñar foi as historias dos personaxes, o xeito no que son arrastrados polo destino e a relación que a partir diso tecen co poder. Non quixen facer un documental nin nada así. Houbo quen dixo que o personaxe do Mariscal non era crible. E, curiosamente, houbo narcos que se sentiron identificados e chamaron á editorial... Estaría ben que falasen cos críticos aos que non lles parece crible o personaxe. (Ri).

Manuel Rivas © Xerais

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.