O Gaiás consome 16 de cada 100 euros do orzamento de Cultura, que cae un 30%

Biblioteca da Cidade da Cultura CC-BY-SA Merixo

Os cartos para cultura minguan e os da Cidade que disque a alberga tamén o fan, pero menos. Os primeiros Orzamentos Xerais nos que a cultura non ten consellería de seu na estrutura da Xunta chegan cunha importantísima tesoirada que afecta a todas as áreas pero non a todas por igual. Dentro da Consellería de Cultura e Educación as partidas culturais suman un total de 61,3 millóns de euros. Deste orzamento saen as transferencias que o Goberno galego lle realiza á Fundación Cidade da Cultura, sostén económico principal do complexo do monte Gaiás. En 2013 esas achegas serán, entre subvencións de capital e subvencións á explotación, de 10,4 millóns de euros.

Estas cifras queren dicir que o incompleto conglomerado de edificios deseñado por Peter Eisenman e iniciado polo gabinete de Manuel Fraga vai consomer o 16,9% do que antes era unha consellería e agora unha parte do departamento que dirixe Jesús Vázquez. Deste xeito, aínda que o Gaiás vai recibir un 13% menos de cartos da Xunta que no ano que remata -cando a achega foi de 12 millóns- o seu peso relativo aumenta, pasando do 15% de 2012 ao devandito 16,9%. Ademais, a caída do 13% está lonxe da tesoirada global á cultura, que chega ao 30,28%.

O gasto no complexo do Gaiás cae un 13% pero aumenta o seu peso relativo no orzamento cultural do Goberno

Do mesmo xeito, unha ollada ás contas da Fundación Cidade da Cultura permite concluír que no Gaiás o continente segue a primar sobre o contido. Así, as "obras, equipamento e dotacións do complexo" suporán 6,05 millóns, segundo este proxecto, mentres que a "programación, difusión e realización de actividades artístico-culturais e eventos" vai ter unha dotación de 3,4 millóns. Nomeadamente, a Xunta prevé gastar máis de 636.000 euros en "reparacións e conservación" -en 2012 non chegou aos 500.000- ou reserva 1,02 millóns para "subministros" do complexo. Mentres os "gastos de programación" deixan polo camiño case 3 millóns -no ano que rematan foron 6,4 millóns-.

Fronte a estes incrementos orzamentarios para manter abertos os edificios do Gaiás todos os programas de gasto propiamente cultural van minguar en 2013. Así, para "dirección e servizos xerais de cultura" haberá 15,5 millóns, 6,3 menos que no ano anterior. Tamén baixa o montante dispoñible para "bibliotecas, arquivos, museos e equipamentos culturais", que pasa de 18,09 millóns a 14,7 e fai o propio o "fomento das actividades culturais", que se desploma dende os 21,7 millóns que lle corresponderon en 2012 ata 14,9. Tampouco se libra a "protección e promoción do patrimonio histórico, artístico e cultural", que perde algo máis de dous millóns e disporá de 16,2 para o vindeiro exercicio.

Biblioteca da Cidade da Cultura CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.