Ignacio Vidal Portabales gaña o Blanco Amor

Ignacio Vidal Portabales © Concello de Fene

Ignacio Vidal Portabales é o nome do gañador do XXX Premio de Novela Longa Blanco Amor. O autor, profesor de Dereito Mercantil na Facultade de  Económicas da USC, obtivo o galardón con Dióxenes en Dolorida. O xurado decidiu premiar este texto por riba do outro finalista: Tara. Vidal Portabales recibirá o Premio Blanco Amor nunha gala organizada polo Concello de Fene que se celebrará este sábado, a partir das nove da noite, no local da SCRD Agarimo de Sillobre.

A obra destaca, segundo o xurado, "pola súa estrutura e estilo áxil e directo, polo emprego de diferentes voces narrativas e do humor como elemento condutor"

Dióxenes en Dolorida é a súa primeira novela en lingua galega. Unha obra que destaca, segundo o xurado, "pola súa estrutura e estilo áxil e directo, polo emprego de diferentes voces narrativas e do humor como elemento condutor e pola recreación dun ambiente a medio camiño entre o real e o paródico". Tamén salienta o xurado "o esforzo de introspección que o autor realiza nas relacións de parella e a propia construción do personaxe protagonista".

O Premio Blanco Amor, que nesta ocasión se fallaba no Concello de Fene, celebra este ano a súa trixésima edición

O Premio Blanco Amor, que nesta ocasión se fallaba no Concello de Fene, celebra este ano a súa trixésima edición. Naceu en 1981 como un proxecto cultural “mancomundado” e itinerante. Os concellos galegos colaboran dende aquela de forma unitaria para sacar adiante un galardón que serve para “tomarlle o pulso literario” ao país e que gañaron autores como Suso de Toro, Víctor Freixanes,  Séchu Sende, Xavier Alcalá ou Ursula Heinze.

 

Ignacio Vidal Portabales

Nado en 1958 en Santiago de Compostela, Ignacio Vidal Portabales é Doutor en Dereito e profesor titular de Dereito Mercantil na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela. No ámbito profesional, ademais de numerosos artigos científicos de temática xurídica, publicou os seguintes libros: O contrato de patrocinio publicitario no Dereito Español (1988), O réxime xurídico da liquidación na Sociedade Cooperativa Galega (2004), e Sociedade da Información e Empresa (2010). No plano literario, obtivo, na súa mocidade, diversos premios de poesía: Premio Universitario San Martiño Pinario (Santiago de Compostela) ou o 2º premio no II Certame Literario de Ribadeo.

Ignacio Vidal Portabales © Concello de Fene

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.