Agustín Fernández Paz, Carmen Nogueira ou Xosé Manuel Olveira “Pico”, Premios da Crítica

Imaxe dos xurados dos Premios da Critica © Premios da Critica de Galicia

Os Premios da Crítica Galicia deron a coñecer este sábado os e as gañadoras na súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais, Artes Plásticas e Visuais e Artes Escénicas e Audiovisuais. Baixo o lema Galicia como tarefa, recollido dun título de Valentín Paz Andrade, xuntáronse no Hotel Os Escudos de Vigo máis de trescentas persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país.

Bieito Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia, abríu o acto, conducido por Comba Campoy, saudando os asistentes e lembrando a importancia desta triséximo quinta edición na que a Fundación edita o libro 35 anos de cultura, así como facendo un chamamento á valentía e sabedoría de nós os Galegos para facerlle fronte á realidade actual.

 

Fantasmas de luz de Agustín Fernández Paz, Premio de Creación Literaria

O xurado da modalidade de Creación Literaria, formado por Ana Romaní Blanco, Luciano Rodríguez Gómez; Olivia Rodríguez, Fina Casalderrey Fraga; Isabel Mociño González, Xavier Lama e Blanca Roig Rechou, que actuou como secretaria, acordou outorgar por unanimidade o premio a Fantasmas de luz de Agustín Fernández Paz publicado por Edicións Xerais de Galicia. O xurado apuntou como razóns para premiar esta obra “a súa capacidade de enfiar cine e literatura na arquitectura da novela, unha das marcas poéticas do autor; o tratar problemas da sociedade de hoxe que levan á invisibilidade dos excluídos, aínda que a historia se sitúe nunha etapa anterior á crise; o facelo con humor, fina ironía e unha ollada atenta aos problemas profundos da nosa sociedade; e, por último, pola súa mensaxe final que, malia as denuncias, está cargada de optimismo e esperanza nun futuro mellor".

 

Patricia Fra López, Premio de Investigación

O xurado da modalidade de Investigación, formado por Jorge Mira Pérez, Xosé Manuel Beiras Torrado (que desculpou a súa ausencia), Mercedes Brea López, María del Mar Lorenzo Moledo, Ricardo Garcia Mira, José María Barja e Ernesto Sánchez Pombo, que actuou como secretaría, acordou outorgar por unanimidade o premio á edición de Regreso a Compostela de Edith Wharton preparada por Patricia Fra López editada polo Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago. O libro publica unha reprodución fotográfica, con transcrición e tradución, dun caderno manuscrito de Edith Whorton, unha das mellores novelistas norteamericanas da primeira metade do século XX, que realizou unha perigrinación a Santiago entre os anos 1925 e 1930. A edición vai acompañadas dun magnífico estudo introdutorio realizado pola profesora Patricia Fra da USC.

O xurado acordou por unanimidade facer un chamamento aos poderes públicos para que o apoio e recoñecemento a investigación realizada en Galicia, non se vexa gravemente afectado polos recortes. O xurado entende que se non hai unha axeitada inversión en I+D+I non será posible acadar un desenvolvemento económico e social que asegure o benestar das xeracións futuras.

 

Asociación Galega de Compositores, Premio de Música

O xurado da modalidade de Música, formado Rodrigo Romaní, Javier Otero Neira, Abe Rábade, Marión Sarmiento, Carlos Villanueva, Maximino Zumalave e Anxo Tarrio Varela, que actuou como secretario, acordou outorgar o premio por unanimidade á Asociación Galega de Compositores. O xurado valorou a tarefa que esta Asociación vén realizando no ámbito da composición, da edición e da interpretación e considerou a importancia que supón a existencia na sociedade galega de iniciativas como as que leva a cabo, así como a notoriedade que supón o aumento de composicións de carimbo galego nos últimos vintecinco anos durante os que a Asociación Galega de Compositores vén dedicándose dun xeito eficaz, contribuíndo ademais á visibilidade da actividade creativa neste campo.

 

O Sorriso de Daniel, Premio de Iniciativas Culturais

O xurado da modalidade de Iniciativas Culturais, formado por por Manuel Rosales, Iago Martínez, Anxos Sumais, Carme Vidal, María Xosé Porteiro, Germam Ermida e Xavier Senín, que actuou como secretario, acordou outorgar o premio á Asociación O Sorriso de Daniel. O xurado tivo  en conta nas iniciativas elementos de innovación, continuidade, o traballo en rede, a conexión internacional, a visibilización de ámbitos pouco recoñecidos da cultura, a atención á perspectiva  de xénero e o recoñecemento do traballo cultural da Galicia exterior entre outros criterios. E a escolla debeuse a ser esta unha iniciativa innovadora que valora, difunde e quere o románico, un singular e extraordinario tesouro do noso patrimonio.

 

Carmen Nogueira, Premio de Artes Plásticas e Visuais

O xurado da modalidade de Artes Plásticas e Visuais, formado Anxo Cabada, Suso Cubeiro, Álvaro de la Vega, Iñaki Martínez Antelo, Asunta Rodríguez, Teresa Táboas e Charo Portela, que actuou como secretaria, acordou tras recoñecer todas as propostas achegadas polos membros do xurado como de grande valor, outorgar por unanimidade o premio a Carmen Nogueira. Artista viguesa con grande actividade en construción da paisaxe, con actuacións en Pequín, Valparaíso, con representación na Feira ARCO 2011, recentemente a súa obra entrou na colección do Centro Nacional Reina Sofía, logo de ter feito exposicións individuais no CGAC, no MARCO ou no Bienal de Pontevedra, entre outras moitas.

 

Xosé Manuel Olveira “Pico”, Premio de Artes Escénicas e Audiovisuais

O xurado da modalidade de Artes Escénicas e Audiovisuais, formado Isabel Blanco, Mariana Carballal, Miguel Anxo Fernández, Gustavo Pernas, Mamen Quintas, Xesús Ron e Inma López Silva, que actuou como secretaria, acordou por unanimidade outorgar o premio a Xosé Manuel Olveira “Pico”, non só pola súa traxectoria incuestionábel, senón tamén polo seu traballo teatral e audiovisual como figura capaz de unir eses dous mundos, sempre con seriedade, calidade, intelixencia e fonda humanidade.

Imaxe dos xurados dos Premios da Critica © Premios da Critica de Galicia
Xurado da modalidade de Iniciativas Culturais © Premios da Critica de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.