Tender Tigers

Claudio Rodriguez Fer © aletheia

A querenza da ensaísta e tradutora Kathleen March pola obra do poeta Claudio Rodríguez Fer vén de vello. Dende que no recuado 1984 —e van alá xa case trinta anos— redactara a voz sobre a biobibliografía do escritor para a Gran Enciclopedia Gallega ata hoxe moitas teñen sido as publicacións que a este dedicou. Entre elas hai que recordar a tradución do seu relato “A illa de asfalto” para a escolma An Anthology of Galician Short Stories. Así vai o conto (1991), do poema “Alén” para a revista do Galician Institute (1995) e de “Novela de náufragos” na Asheville Poetry Review (1997). Máis aínda, estreitando os lazos literarios entrambos, hai un tempo que se publicou Entre dúas aguas (2003), interesante plaquette onde a canda diversas composicións de Rodríguez Fer traducidas por March se inclúen tamén varios outros textos dela mesma.

Pois ben, proseguindo con esta liña acaba de saír do prelo Tigres de ternura / Tender Tigers, edición bilingüe anglogalega do poemario de Rodríguez Fer que vira luz por vez primeira en 1981 e fora entón distinguido co Premio da Crítica.

O poemario de Rodríguez Fer que vira luz por vez primeira en 1981 e fora entón distinguido co Premio da Crítica

Esta nova edición traducida por March reproduce o breve prólogo da edición orixinal, ao que anteceden unhas palabras limiares da tradutora, e remata cunha sinopse curricular do poeta na que se dá conta dos títulos en volume escritos ata o de agora por Rodríguez Fer, que xa superan a vintena. A maiores, o libro enriquécese coa inserción de valiosos debuxos de Kimberleigh Martul-March, a meritoria artista plástica filla da tradutora, quen logra aquí condensar en imaxes tan intenso coma vital territorio poético.

Como era de agardar en quen dende hai décadas tan ben coñece a obra do lugués e quen é, a non dubidalo, unha das nosas mellores tradutoras á lingua de Whitman, as versións dos poemas ofrecidos por March son modélicas tanto polo extremo respecto ao espírito e, en grande medida, á letra dos textos de partida como, sobre todo, pola admirable pericia de salvar na translación escolios semánticos, fraseolóxicos e mesmo de horizonte cultural que non eran nada doados de traducir.

Ler os Tender Tigers versionados por March é asistir á ledicia de revivir todo o ludismo e erotismo, toda a vangarda e pulo libertario que caracteriza os versos galegos de Rodríguez Fer nun idioma outro, o que non é logro menor.

Ler os Tender Tigers versionados por March é asistir á ledicia de revivir todo o ludismo e erotismo, toda a vangarda e pulo libertario que caracteriza os versos galegos de Rodríguez Fer

Non sei que lle deparará Fortuna a este Tigres de ternura / Tender Tigers entre o lectorado en lingua inglesa, pois descoñezo se Toxosoutos —a casa editora deste sobresaínte título— ten distribución efectiva nos países nos que tal fala é propia. Intúo que ese mercado chegará ao libro maioritariamente baixo pedimento on line. Mais, sexa como for, tan só polo feito de poder acceder doadamente a unha nova edición do poemario que levaba anos sen reeditarse entre nós de xeito exento, xa paga a pena esta publicación, pola que hai que parabenizar a Kathleen March, profesora estadounidense que tanto deixa feito polas letras de noso en lonxincuas terras.

Claudio Rodriguez Fer © aletheia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.