"Festivais coma o MUFEST anímannos ás mulleres a crear por nós mesmas"

O MUFEST celebrouse no CGAC CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

O sábado 25 tivo lugar a clausura da terceira edición do Mufest (Festival de Cine feito por Mulleres) coa entrega de premios aos filmes gañadores. Madres 0,15 el minuto, de Marina Seresesk, obtivo o recoñecemento ao mellor documental, e The Red Virgin, de Sheyla Pie, foi a mellor peza de ficción. As categorías de mellor obra de animación e a mención especial á mellor obra en lingua galega quedaron desertas por decisión do xurado.

Sita Gómez, de Andaina, e integrante da organización do Mufest, Sita Gómez, salienta que “para Andaina este terceiro Mufest é un soño feito realidade”. Lembra que cando se organizou a primeira edición, o obxectivo era apenas dar a coñecer os traballos cinematográficos realizados por mulleres, pero “chegaron tanto filmes e de tan boa calidade, que pensamos que era importante crear un festival” e situa a colaboración con realizadoras e festivais doutros países como un dos obxectivos para a vindeira edición.

Outra das organizadoras, Iria Vázquez, destaca igualmente que o Mufest “naceu case como un experimento, que saíu tan ben, que decidimos continuar. Nin sequera pensabamos nel como un festival competitivo, interesábanos máis exhibir os filmes”.

Vázquez fai fincapé en que o festival conta con "moi pouco apoios, é un festival practicamente autoxestionado, non hai apenas axuda pública, polo que procuramos principalmente axuda privada", pero conclúe que a filosofía que procuran seguir é a de "se é o que queres facer, faino”.

“A porcentaxe de directoras en España non chega ao 10%”, sinala Sita Gómez, ao que se engade o feito de que “as obras feitas por mulleres divúlganse moi pouco. O que está na sociedade transmítse nas artes”, como denuncia a realizadora Noa Gómez. Porén, outra das participantes, Sabela Fraga, estudante de Publicidade, salienta que “este tipo de festivais motívanos a que nos animemos a participar e a crear por nós mesmas”.

 

Trece filmes na sección oficial

Nesta edición do festival organizado por Andaina participaron trece filmes: Madres 0,15 el Minuto (Marina Seresesky), Aurelia, la Película (Milena Martínez), Following Kettly (Alicia Van Assache), Los Amores Difíciles (Lucina Gil), Sólo Sé Que No Sé Nada (Olatz Arroyo), El Porvenir (Laudena Brostok), The Red Virgin (Sheyla Pie), Entrevista (Ángela Armero), Nuestro Pan (Emma Sánchez), Fábrica de Muñecas (Ainhoa Menéndez), Algo Queda (Ana Lorenz), Una Flor en Recepción (Marta Parreño) e Conversa Cunha Muller Morta (Sonia Méndez).

Ademais, o festival contou coa participación de directoras como a inglesa Deborah Haywood ou María Victoria Martins, que tratou dende unha perspectiva feminina a pegada do franquismo en Galicia. Houbo tamén unha conferencia sobre as directoras portuguesas de cinema a cargo de Ana Caterina Pereira.

Unha imaxe do Mufest 2012 CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo
Dominio Público TingaLaranga AudioVisual

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.