Disque hai festa este sábado

Cartaz da festa © Disquecool

O medio de tendencias Disquecool celebra este sábado o seu primeiro aniversario cunha festa no Liceo Mutante de Pontevedra (Rúa Rosalía de Castro, nº 100). As actividades, moi variadas e todas cun toque hipstercomezarán ás catro da tarde e terán un prezo simbólico de dous euros (co agasallo incluído dunha chapa). Porén, pódese colaborar co medio cunha entrada de seis euros, que tamén dá dereito a unha bolsa de tea.

Entre as actividades previstas destaca unha xuntanza de ukeleles para tocar O tren de Andrés Dobarro

Entre as actividades previstas destaca unha xuntanza de ukeleles para tocar O tren de Andrés Dobarro e por suposto a celebración dunhas olimpíadas especiais con probas como o escondite inglés, salto á comba e lanzamento de gafas de pasta. Os organizadores salientan que "poderás pór en práctica habilidades xa esquecidas no patio do colexio".

Tamén haberá unha acción laneira ou Urban Knitting,consistente en intervencións que visten de pezas de ganchillo e calceta mobiliario urbano e outros elementos do espazo público. A actividade estará coordinada polas responsables da craftytenda Home Made.

A festa pecharase cos concertos de Os Amigos dos Músicos e Santos Morcegos e os dj's Dr. Chou e DJ Chema

Ao longo da tarde desenvolverase ademais o concurso O Mellor Hipster, que premiará os máis modernos ou aqueles que demostren máis estilo perante a cámara e no photobooth que se instalará. 

Ademais, haberá un obradoiro infantil de arxila e outras actvidades para nenos e nenas, unha exposición de arte postal, un reto de escritura a través de twitter e limitado a 140 caracteres e moitos premios, grazas á colaboración de Kalandraka, Xerais, Rinoceronte, Punto G, Kling, Le marché de Rachel, Oitenta, O Gato Cósmico e Laconicum. A festa pecharase cos concertos de Os Amigos dos Músicos e Santos Morcegos e os dj's Dr. Chou e DJ Chema.

Cartaz da festa © Disquecool

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.