Prolingua aprobará o sábado un chamamento para as eleccións do 21-O

Presentación das '55 mentiras' en Cambados CC-BY-NC-ND Pilar Ponte

A plataforma a prol da defensa e da promoción da lingua galega, Prolingua, celebrará este sábado unha asemblea, co obxectivo de renovar a súa Cerna ou órgano permanente de dirección e de aprobar un chamamento ás distintas organizacións políticas con motivo das eleccións do 21 de outubro. O encontro celebrarase no Auditorio do Centro Sociocultural da Ramallosa (Teo), ás 11 horas en primeira convocatoria e ás 11:30 horas en segunda convocatoria. Ademais, presentarase a nova web da plataforma.

Poderán participar e terán dereito ao uso da palabra todas as persoas que consten na listaxe de asinantes do manifesto, un total de 2.103. Porén, o dereito a voto estará reservado ás persoas que con anterioridade ao 8 de agosto de 2012 (data na que se publicou na páxina web da plataforma a convocatoria da asemblea) fixeron algunha achega económica a ProLingua, independentemente da súa contía.

O obxectivo é renovar a súa Cerna e aprobar un chamamento ás distintas organizacións políticas con motivo das eleccións do 21 de outubro

Até 24 horas antes do comezo da asemblea poderán presentarse candidaturas para a Cerna de ProLingua. Deberán ser candidaturas pechadas dun mínimo de 10 persoas e un máximo de 15 e desas persoas polo menos 10 deben selo con dereito a voto na asemblea. Despois de constituída a nova Cerna esta poderá, por motivos de operatividade, ampliarse até un máximo de 20 membros.

Nos últimos meses Prolingua levou a cabo varias accións públicas, comezando pola homenaxe nacional a Agustín Fernández Paz, que se celebrou o pasado mes de xuño. Tamén se dirixiu ao Comité de Expertos do Consello de Europa da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias para explicar a situación actual da lingua galega e publicou comunicados de apoio a Carlos Callón ou en defensa do traballo dos servizos de normalización lingüística (SNL). Con esta asemblea a plataforma relanzará a súa actividade pública.

Presentación das '55 mentiras' en Cambados CC-BY-NC-ND Pilar Ponte

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.