0 Gardados para despois

2012, un ano crítico para os festivais galegos

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena


Hai uns días comezouse a falar da posibilidade de que neste ano non se celebrase o Festival do Norte de Vilagarcía de Arousa, o festival pop máis importante de Galicia, que en 2011 celebrou o seu décimo aniversario. Os recortes nos apoios económicos de Xunta, concellos e dalgunhas entidades financeiras, poñen en risco a continuidade dalgunhas citas musicais e obrigan á máxima austeridade a outros eventos.

O Concello de Vilagarcía decidiu recortar a súa achega económica de 60 mil a 24 mil euros, o que sumado ao previsible recorte no apoio da Xunta de Galicia e ao seguro de NovaGaliciaBanco (patrocinador principal do festival o pasado ano), podían facer inviable a celebración do FdN, que contaba cun orzamento de medio millón de euros, neste 2012. O festival, que xa contaba coa actuación estelar de Los Enemigos, podería tentar unha alternativa, apostando por bandas cun caché inferior, renunciando aos artistas de fóra de España e botando man de grupos galegos.

O Cultura Quente xa anunciou que o orzamento será inferior e que terá que buscar opcións máis económicas

Algo semellante sucede co Cultura Quente de Caldas, que tamén viu reducida a achega que recibirán do Concello, de 132 mil euros a 60 mil. Porén, o festival confirmou a celebración da súa edición 2012, aínda que xa anunciou que o orzamento será inferior e que terá que buscar opcións máis económicas, aínda que manterá o esquema de dous días de concertos. Ao reducirse o orzamento, será o propio Concello o que asuma a xestión e non a promotora Esmerarte, que dirixía a celebración do festival dende 1998. 

Esta mesma semana coñecíamos que o Festival Sinsal tamén quedaba sen o apoio do Concello de Vigo, aínda que ao igual que o Cultura Quente, confirmaba a súa continuidade. Sinsal cumpre dez anos, unha década na que trouxo a Galicia (primeiro só en Vigo e despois tamén a Compostela ou Ferrol) a Explosions In the Sky, Gang Gang Dance, Múm, Dominique A, Lali Puna, CocoRosie con Antony & the Johnsons, Young Marble Giants, Dirty Projectors, Bonnie Prince Billy, Ariel Pink’s Haunted Graffiti ou Joanna Newsom. Sinsal presentou recentemente un proxecto de mecenado que ofrece a posibilidade de facerse socio do festival por 50 euros ao ano, entre outras formas de colaboracións.

O Sereas e Piratas, que celebra na praia de Razo (Carballo) en xullo, vaise celebrar e xa traballa en pechar a edición deste ano. Os seus responsables indican que "notamos as limitacións no finanzamento xa que este ano non percibiremos do Concello a cantidade de edicións pasadas". Porén, din que "é unha situación á que estamos acostumados: facer malabarismos para que os números coincidan". Para o Sereas e Piratas a solución pasa por "tentar conseguir cada vez máis patrocinadores, labor dífícil debido á situación económica na que vivimos, pero co que estamos esperanzados debido ó crecemento e ó apoio que sentimos por parte de diferentes sectores, xa que ademáis da nosa oferta musical, o noso festival está íntimamente ligado á actividade que organizamos polo día, campeonatos de surf, de longskate e longboard, aproveitando as condicións que ofrece a praia de Razo onde realizamos o evento, na que se atopan as escolas de surf máis importantes de España".

"Durante este tempo tivemos inmensas dificultades para chegar ás administracións que non dubidaban en dar diñeiro a festivais que só aguantaban un par de edicións"

O Felipop, en Fene, é un exemplo de austeridade e imaxinación, de procura de alternativas á escaseza de cartos. Dende o festival que se celebra en agosto en Limodre, "levámolo notando desde hai catorce anos e tamén queixándonos e pelexando ese mesmo tempo. Temos asumido desde un principio o que somos, o que queremos e onde estamos e por iso sempre tivemos ese punto de coherencia, sobrevivimos porque somos un exemplo de boa xestión, aínda así parece que iso non se premia. Durante este tempo tivemos inmensas dificultades para chegar ás administracións que non dubidaban en dar diñeiro a festivais que só aguantaban un par de edicións. A quen lle interesa un pequeno festival nunha parroquia de menos de 500 habitantes?". O Felipop destaca que "o único apoio constante nestes últimos anos é o do Concello de Fene e a Deputación".

Excepcións

Con todo, hai excepcións. O Reperkusión de Allariz adianta este ano as súas datas (dende setembro até o 17, 18 e 19 de maio), cambia de espazo (cun novo recinto para concertos máis amplo) e presenta un cartaz de peso, coa confirmación de Manu Chao, que fará dous concertos coa formación "Manu Chao La Ventura". Xunto a el están confirmadas outras bandas menos coñecidas pero tamén moi potentes como Russkaja e Funky Style Brass, ademais de Os 3 Trebóns e Festicultores Troupe. Así e todo, o festival tamén nota a diminución das axudas: "estamos pendentes aínda de negociacións con varios patrocinadores, incluído Agadic. Sabemos que este ano se está recortando moito o apoio a festivais desde as administracións, pero non renunciamos a contar co apoio da Xunta porque cremos que é fundamental a combinación de achegas públicas, privadas e dos asistentes para sacar adiante un festival como noso, cunha traxectoria e unha incidencia social destacadas". As alternativas pasan por aumentar algo os prezos das entradas, un aumento que está xustificado pola calidade do cartel.

"O Concello de Vilalba ten como obxectivo converter o FIV na marca xove da vila"

Pola súa banda, dende o FIV de Vilalba, que se celebrará o 30 e 31 marzo (con Corizonas, Columpio Asesino ou Facto Delafé como cabezas de cartel) salientan que o festival "é un caso atípico xa que, lonxe de recortar presuposto o aumentamos case nun 60% con respecto ao da edición do 2011. O Concello de Vilalba ten como obxectivo converter o FIV na marca xove de Vilalba e que este festival sexa unha referencia no noroeste de España o que, sen dúbida, traerá múltiples beneficios á nosa vila".

Parece que os recortes tampouco afectan demasiado ao Derrame Rock de Ourense (28, 29 e 30 de xuño), que presenta un cartaz de luxo, con varias ducias de grupos e a confirmación de Los Enemigos, na que polo de agora é a súa única data confirmada este verán en Galicia. Ademais, actuarán Loquillo, Bad Manners, Rosendo, Sepultura, Los Chikos del Maiz, Novedades Carminha, Os Cuchufellos, Ulträqäns, Zenzar y Mitocondrias ou O Sonoro Maxín.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.